Esta semana Mandingo plantéxanos tres formas de produción audiovisual moi diferentes e cuns resultados proporcionados á aposta que fan nas súas calidades artísticas e técnicas. Comezaremos cunha “serie-b”, seguiremos cun “blockbuster” de grande e insípido investimento e remataremos cunha xoia case que artesanal.

A obsesión que ten a canle de streaming Netflix por ofertar a maior cantidade de filmes e series vai en detrimento, moitas veces, dunha mellor criba a hora de escoller calidades.  Está ben que intenten ofertar un amplo abano, para así intentar chegar ó maior número de televidentes, pero na maioría dos casos, os produtos pecan dunha anemia argumental evidente. É o caso do filme THE TITAN (2018), ópera prima de Lennart Ruff, que compre cunha certa solvencia neste filme de baixo orzamento (non ten porque ser sinónimo de escaso talento), pero que nesta ocasión personifica plenamente a pobreza na trama argumental, cun libreto asinado por Max Hurwitz -MANHUNT: UNABOMBER (2017)- e Arash Amel -GRACE OF MONACO (2014)- que non pasarán á Historia do Cinema por este traballo.

No ano 2045 (un ano despois do READY PLAYER ONE de Spielberg e catro antes do BLADE RUNNER de Villeneuve, -¡vaia década máis chunga á dos corenta deste século!-) a Humanidade non ten futuro no planeta Terra. A contrarreloxo, a OTAN selecciona os mellores candidatos das súas filas para un proxecto ultrasegredo que fan nunha illa do océano Atlántico (as Canarias, concretamente). O plantexamento é sinxelo. Xa que non vai tempo de terratransformar un planeta ó gosto da habilitade dos humanos, (como xa víramos no ALIENS (1986) de Cameron), mudamos xenéticamente e a fume de carozo os futuros inquilinos dunha nova Terra, como xa acontecera grazas a milenaria evolución no Espazo Exterior dos Éxeter na novela HYPERION (1989) de Dan Simmons.

Moita orixinalidade por tanto, non vemos. E se non sorprendemos por aí vai mal a cousa, por que de produción asemella moi apurada. Lémbrame ás “series b” dos oitenta sen aspiracións por amosar orixinalidade, de cubrilo expediente con escasos medios e virxinais pedigrís profesionais (non significa que non fagan unha boa labor, só que son moito máis baratos a hora de contratalos). Sam Worthington, actor otrora chamado a coller a testemuña de heroe de acción, mestura dun Tom Cruise e Mel Gibson, pero proxecto errado coma xa foron no seu intre Taylor Kitsch ou Thomas Jane, interpreta o Tenente Rick Jansen, un espartano soldado que aceptará o risco de ser o primeiro humano en pisar o satélite Titán, coma pioneiro dunha nova oportunidade para a súa (¿nova?) especie. Por alí está, liderando as investigacións o seu antigo superior o agora civil profesor Collingwood, interpretado polo excelente actor Tom Wilkinson, pero que neste filme ten faciana (coma o resto do elenco) de: “veña, roda os meus planos antes, que así recollo o meu cheque e voume pronto a cantina do hotel” .

Coma tódalas series b, adornémolas de rostros coñecidos polo grande público para aquelo de dar máis enxundia ó produto. Diante dos nosos ollos pasan Nathalie Emmanuel, a Missandei de GAME OF THRONES ou Corey Johnson, inesquecible  axente Clay no HELLBOY do 2004, e que traballa na súa 99 película, herdeiro da mellor tradición deses secundarios de luxo coma foron os Lee Van Cleef ou John Phillip Law.

Título prescindible incluso para os cinéfagos do xénero fantástico.


Elevamos o orzamento e presentamos unha pirotecnia sen moito sentido na continuación das aventuras dos xigantes mecanos que padecéramos no PACIFIC RIM (2013) de Guillermo del Toro (notorio traspés do mexicano, indigno do seu enorme talento). Agora, os protagonistas son John Boyega (actor duns limitados rexistros) e Scott Eastwood (sí, o fillo do Clint). Os dous formarán os novos cadetes para pilotar os novos jaegers que están operativos por se os kaiju (os monstruosos extraterrestres) voltan polas fisuras interdimensionais (e claro!, volven).

Recoñezo, que tras a labazada levada pola primeira parte, esta segunda tomeina un pouco de “chirigota”, sen querer buscar máis do que ofrece. E dicir, case dúas horas de explosións, mamporros e mobiliario urbano destrozado. Se non esixides máis, ten un pase. A diferenza entre THE TITAN e PACIFIC RIM: UPRISING é que a segunda ten un orzamento maior que permítelle nos seus créditos figurar cun bagaxe profesional máis completo e experimentado, porque argumentalmente e tan plana e simple coma a outra. Isto tradúcese nun empaque visual espectacular (tampouco tanto, que as loitas xa están moi vistas noutros títulos).

Coma soe ser habitual nestes filmes vai unha extensísima nómina de empregados nos distintos departamentos técnicos, sempre supervisados por figuras de renome no seu sector, Zach Staenberg na montaxe, Dan Mindel na fotografía, Stefn Dechant no diseño da producción, Luke Freeborn na dirección de arte e así podemos seguir ata mañá. Incluso del Toro anda metido na produción do filme.

Non decepcionoume por que desta vez, xa ía preparado, pero é outro título prescindible no voso tempo de ocio. Coma curiosidade, a ver cando é o día que vexo unha película onde as loitas entre xigantes de metal e lagartos cósmicos ocorren nun campo aberto de sembra de patacas, por exemplo, e non nunhas estreitas avenidas ateigadas de rañaceos de cristal; que parece que só poden baterse nas megalópolis…

Se sodes incondicionais deste tipo de filmes, parabéns, por que ó igual que as franquicias de Transformers ou da Independence Day, anuncian que agora ós “bos”, van ir polos “malos”, xa sabedes, flocos de millo a esgalla!.


Por último e aínda que nesta columna procuramos falar de novidades, hoxe facemos unha excepción pola viva recomendación dun lector que insistiume na necesidade de ver a miniserie OLIVE KITTERIDGE (2014) da HBO. Historia común de xentes ordinarias que viven con maior ou menor fortuna as súas vidas. Crecen, envellecen, morren… Á vida mesma.

Catro episodios que se disfrutan dunha tacada, neste excepcional conxunto de ideas levadas cun acerto coma hai tempo non vira nunha produción televisiva. Produto de orfebrería excelsa, baseado na novela homónima de Elizabeth Strout, que xunto a Jane Anderson asinan o guión da serie.

Estamos nunha aldeíña costeira de Maine. Henry Kitteridge, interpretado polo magnífico Richard Jenkins, -non perdades a oportunidade de disfrutar do seu traballo na notable THE SHAPE OF WATER (2017) ou a moi recomendable THE VISITOR (2007)- é un farmacéutico xentil e preocupado polos seus clientes. Posuidor dun corazón de ouro, semella un trasunto do George Bailey que bordara ó grande James Stewart para a capriana IT´S A WONDERFUL LIFE (1946). A súa dona, Olive (a formidable Frances McDormand), polo contrario é unha dor de moas. Unha muller incapaz de transmitir ledicia, de nula empatía para os seus conxéneres. De ter que estar a malas co seu entorno, incluso cando os seus tratan de agradarlle o día a día. O que se di un auténtico toxo.

A serie fai un percorrido nas vidas desta disfuncional familia durante trinta e moitos anos. Aproveita para raspar as herdanzas xenéticas sobre as tendencias suicidas, das doenzas mentais (memorable agora que lembro o traballo de Bruce Dern na pefecta NEBRASKA (2013) de Alexander Payne, filme capitular da Historia do Cinema e de visión obrigada para todo amante do Sétimo Arte), do sometemento espiritual do feble sobre o forte; e todo cunha pulcritude estética digna de eloxio e que é o resultado da suma das artes do sublime Frederick Elmes ( seguimos sen folgos pola excelencia acadada no BLUE VELVET (1986) de Lynch ou na NIGHT ON EARTH (1991) de Jarmusch, e só por dicir dúas dos moitos filmes que iluminou), á cáustica música de Carter Burwell, home de confianza da “factoría Coen”, a dirección artística que cobre case catro décadas de Colin de Rovin -FIREFLY (2002), WESTWORLD (2016)- e un longo etcétera de profesionais de primeirísimo nivel, primeiras espadas que conseguen os fines que proponse para este tipo de traballos. Ésa é a grande diferencia entre cartos usados sen talento e un investimento axustado o obxectivo final.

E por se fora pouco, sae Bill Murray, facendo de Bill Murray. Lembra un chisco ó Don Johnston de BROKEN FLOWERS (2005), pero non vos confundades;  segue sendo Bill Murray, o tipo que roubará as vosas patacas fritidas diante da vosa faciana e que vos dirá: “da igual que o contes, ninguén che creerá”.

OLIVE KITTERIDGE, unha inesquecible historia vital.

Vémonos nos cinemas.

Share.

2 Comentarios

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies
Social media & sharing icons powered by UltimatelySocial