займ срочно

Mandingo pasou por Cineuropa para ver, entre outras, Cómprame un revolver do mexicano Julio Hernández

1

Comezamos a terceira semana de exhibicións no Cineuropa e destacamos para hoxe a peculiar aproximación ao narco no filme CÓMPRAME UN REVÓLVER (2018) do mexicano Julio Hernández Cordón e a moi sólida narración de supervivencia na islandesa ARCTIC (2018) do brasileiro Joe Penna e que hoxe luns 19, ten a súa derradeira proxección no festival compostelán.

Acostumados coma estamos as historias dos conflitos entre os diversos “cárteles” da droga e os representantes da Lei, dende unha perspectiva allea e foránea (nunha porcentaxe abafadora de producións estadounidenses), agradécese a ollada orixinal de Hernández Cordón, que mestura con acerto a narrativa máis próxima ao cinema independente cunhas certas e comedidas pingas surrealistas que fan do visionado do filme unha ledicia para os nosos ollos.

Nun tempo sen datar, pero que ben pode ser na actualidade máis sanguinolenta que sofre grande parte da poboación azteca, no medio de ningures, as mulleres desaparecen violentamente na man dos “soldados” do líder da banda dos Elegidos, mazarocos sen escrúpulos, cabestros aos que a vida dos seus veciños valelle menos co verme do fondo da botella de tequila.

Un dos “empregados” do grupo, é un pobre morto de fame, escravo das súas adiccións que leva o mantemento dun campo de béisbol, onde xogan os integrantes do narco, mentres camufla a súa filla coma un cativo para que non a rapten (ou algo peor) os mesmos membros aos que sirve.

O filme ten unha clara denuncia da realidade que sofre o país. Nas verbas do director, “a película vai dedicada aos nenos para que resistan ao “narco”, para que non caian nas redes de recrutamento”. A través da ollada da nena e dos seus amiguiños (que sospeitamos que ao igual ca cativa, quedaron sen nais e irmáns), imos descubrindo a conversión da inocencia na infancia a o árido mundo dos adultos, de maneira abrupta, violenta, a fume de carozo aínda que o cineasta recorre a darlle unhas pinceladas oníricas e de fantasía sureña que achéganos ás travesuras de Tom Sawyer e Huckleberry Finn. E vémolo coma un achado.

Nas verbas do propio cineasta, confesa a súa admiración por Mark Twain e polos filmes da saga de MAD MAX. Cóctel artístico de encaixe complexo pero que Hernández salva con nota boa.

Reforza a sensación de proximidade hiperrealista que temos mentres vemos á longametraxe, a selección de locais, xente non profesional da interpretación que representa os seus día a día cunha solvencia que aplaudimos, coma xa fixera Sam Peckinpah, o estadounidense máis mexicano que deu o cinema, dos poucos que traduciu con éxito realidades mexicanas, nas memorables WILD BUNCH (1969) ou BRING ME THE HEAD OF ALFREDO GARCÍA (1974).

Se para o grande público o SICARIO (2015) de Denis Villeneuve foi a máis recente aproximación ao “narco”, grazas entre outros talentos ao formidable escrito de Taylor Sheridan, o filme de Hernández vai máis alá nas súas intencións de denuncia e de verosimilitude. Son dúas películas boas, pero unha concibida para un auditorio alleo e a mexicana, para os habitantes do pais.

Moi recomendable, a pesar de ter a teima cada vez máis xeneralizada de non acabar as historias que contan. Eses epílogos abruptos, cortados a machete, seguen sen convencerme, pero nos últimos anos estanse a por de moda. Veremos o que dura.

Repasa tódolas críticas de Mandingo en Lindeiros

E coma segunda proposta, a loita incruenta pola supervivencia dun piloto que ten un accidente aéreo no medio da tundra siberiana, papel que interpreta cun crible esforzo físico Mad Mikkelsen, para sempre o Galen Erso de ROGUE ONE (2016).

Joe Penna, dirixe e escribe unha historia de interese cun excelente pulso narrativo que mantén ao espectador nunha constante tensión por ver se o piloto consegue ou non salvala súa vida de todos os inimigos aos que enfróntase; cunha determinación metódica e espartana que fai que o Chuck Noland que interpretara o morno Tom Hanks na CAST AWAY (2000) de Zemeckis sexa case un conto da Disney.

Non chega, ó filme, a crueza vista na excepcional THE REVENANT (2015), pero é unha fuxida cara adiante que levaría unha nota excelsa se tivera un final máis na liña do plano exposto durante toda a longametraxe. Nese feito, non supera o epílogo sobrecolledor da sobresaínte THE ROAD (2009), crúa e desanxeada odisea que a interpretación hercúlea de Viggo Mortensen eleva ás máximas calidades.

As imaxes son dunha beleza comparable ao marco onde se rodou, pero non caen no fácil truco de realzar a fotografía cunhas panorámicas megalómanas ao peor estilo do mexicano Iñárritu. Non fai falla, por que de feito, a banda sonora que compón Joseph Trapanese -OBLIVION (2013)- transmite primixenias emocións ata chegar ao punto de ser parte da interpretación que a salvaxe e indómita Natureza ten sobre todo aquelo que pelexa por sobrevivir.

Penna, aproveita para homenaxear ó canto na amizade e a lealdade que o explorador Dersu ten para co seu amigo ruso na obra mestra absoluta DERSU UZALA (1975) de Kurosawa e que damos por correcto. A mágoa é como remata o conto. Pódese salvar ou non; pero non facía falla a trampa final. Innecesaria e acomodaticia. Mágoa por que a cualificación do filme cun final máis axeitado daríalle loureiros maiores.

Algún reparo nos cromas e nas pantallas verdes podemos acusar, pero na suma global é unha produción máis que recomendable. Ide vela hoxe sen falla.

E nada máis. Seguimos chimpando dunha sala de proxección a outra, sen descanso. Só para poder achegarvos ao maior número de títulos posibles. Un pracer que levo con gozo.

E mañá, máis e agardemos que aínda mellor.

Share.

1 comentario

  1. Carlos Noya Miranda on

    Apuntadas quedan as dúas.
    Interesantes títulos con nenos coma protagonistas nestes últimos tempos. Imposible non lembrar a gloriosa The Florida Project, que o propio Mandingo foi quien de recomendar desde este blog, algo que lle agradecerei de por vida.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies