Mandingo segue por Cineuropa pero tamén polas estreas comerciais como o Kin de Jonathan e Josh Baker

0

Venres 23 de novembro e coma tódolos días quintos da semana, levamos ao papel as estreas máis atractivas para o fin de semana tanto da grande coma da pequena pantalla. Especial interese tivemos na última película dos irmáns Coen, que leva na exclusividade unha coñecida canle de streaming. Pero antes falaremos do KIN (2018) doutra parella de irmáns e do biopic sobre os derradeiros intres da vicepresidencia de Lyndon B. Johnson.

Jonathan e Josh Baker no 2014 filmaron unha curiosa curta titulada BUG MAN na que un cativo pasea polo Harlem East cun saco no que agocha algo misterioso. A viaxe polos exteriores dos bosques do Estado de Nova Iorque vai descubrindo pouco a pouco o motivo de tal paseo. A curta foi un éxito menor, pero que deulle pé a parella para expandila a historia nunha longametraxe onde mesturan xéneros sen rubor.

KIN é a historia dun adolescente afroamericano (Eli) adoptado por unha familia de brancos no Detroit máis vapuleado economicamente dende que a cidade declarouse na bancarrota xa vai uns anos atrás. A outrora orgullosa cidade do automóbil, vai camiño de converterse nunha cidade pantasma cos seus edificios esqueléticos, baleiros de xentes que foxen cara onde haxa outras oportunidades.

O pai adoptivo Hal Solinski, o cada vez máis recuperado para a causa do cinema Dennis Quaid, dende a súa estricta exixencia procura co rapaz non se meta nos leas do irmán maior, Jimmy, ex-convicto que non ten nin dous dedos na fronte e que recen saído da cadea, arrastra unha importante débeda aos matóns locais do barrio.

Coma se dunha maldición imposible de esquivar, Jimmy emporca todo o legado do pai e a traxedia aparece puntual nas vidas da familia Solinski. Paro o relato por aquelo dos spoilers, pero o que ía ser unha xuntanza familiar remata nunha fuxida cara adiante que lémbranos á feita por eses dous cerebros de miñoca que eran os Alabama e Clarence da tarantiniana TRUE ROMANCE (1993) do irmán menos listo dos Scott.

No visionado do filme, chimpamos do drama a acción máis salvaxe (ese asalto a comisaría de policía é un calco absoluto a vista no THE TERMINATOR (1984). Coma homenaxe pode valer, pero o certo e que “corta e pega” moita secuencias do filme de Cameron. Pero a cousa non remata aí, non. Coma terceiro xénero a mesturar na liña narrativa, vai un episodio que Eli oculta os seus familiares, pero que vai poñer en máis apuros aínda a súa familia e que aceptamos por bo, só para ver onde remata esta inserción da ciencia ficción máis collida polos fíos que vimos en tempo.

Só dicirvos que o epílogo (aberto a outras secuelas) vai da man do visto no TERMINATOR 2 (1991) e que semella coma un receso cara o Día do Xuízo Final que está por vir.

KIN é un filme só para incondicionais do xénero (pero, ¿cal deles?, preguntaredes -Ciencia Ficción, sen dúbida, dígovos-) e que podemos adiviñar que a historia dos Solinski remata neste único filme. Sospeitamos que os trinta millóns de dólares de orzamento (moitos semellan para as calidades da técnica do filme) e os escasos 9 millóns de recadación que levou son motivo dabondo nos directivos para parar calquera tentativa de secuelas.

Pero como non todo van ser malas novas, aquí vai unha agradable sorpresa no filme LBJ (2016) do case esquecido Rob Reiner, cineasta que ten catro ou cinco filmes que por unhas razóns ou outras entran no imaxinario colectivo dos nerds de medio mundo. Falamos claro está dos filmes MISERY (1990) ou esa maneira de incentivar a creatividade literaria por parte do fandom máis salvaxe; a comedia de orgasmos finxidos WHEN HARRY MET SALLY… (1989) ou as románticas aventuras de Íñigo Montoya e compañía na THE PRINCESS BRIDE (1987).

O bo de Reiner, co bo pulso narrativo que xa víramos na A FEW GOOD MEN (1992), levo con acerto e axilidade o biopic do que fora o 36º Presidente dos EE.UU. Lyndon B. Johnson. Texano da vella escola, de raíces humildes que fíxose a si mesmo e que conseguiu levalo o legado de JFK con moito máis tino do que os seus camaradas sospeitaban.

De feito, durante a súa presidencia, EE.UU. tivo unha leis moi progresistas (para a época) en materia de educación infantil, sanidade médica para os maiores ou para os indixentes e un control máis exhaustivo na hora de conceder licencias no uso das armas de fogo.

Pero no filme, non contan nada diso.

A película céntrase nos meses previos a morte de JFK cun algún atinado flash-back, e a teima de Johnson por tentar ter máis poder e relevancia do que correspóndelle ao Vicepresidente da nación, figura política, case decorativa a non ser que o titular da Casa Branca renuncie ou morra (como aconteceu na realidade).

Vai ben pouco falábamos aquí do filme CHAPPAQUIDDICK (2018) na crítica do día 10 de setembro, sobre a traxedia sufrida polo menor do clan Kennedy no 1969. Destacábamos unha coidada produción, sen grande orzamento pero moi ben aproveitada. No caso de LBJ, as calidades son maiores e confirman o filme de Reiner coma unha grande recreación dos feitos históricos (o traballo na investigación é excelente, reproducindo audios fielmente, ou comentario do propio Johnson que tiña unha maneira moi “intensa” de pedilas cousas -non sei por que, pero lembroume a certo político de Vilalba, Lugo-).

“A LA SOMBRA DE KENNEDY” que coido que vai selo título polo que se coñeza no Estado Español é unha produción cinematográfica de logros maiores e que recomendo vivamente coma a estrea máis destacable nos cinemas comerciais de esta semana.

Paga a pena. Non vos arrepentiredes de gozar cunha película que mergúllase nas intrincadas accións do mundo da política aos máximos niveis.

E para rematar a estrea no formato dixital dos irmáns Coen, que eran dos poucos, xunto a Spielberg, que seguían a filmar no celuloide de toda a vida.

THE BALLAD OF BUSTER SCRUGGS (2018) é unha opereta bufa de pasatempo logrado, pero menor nas calidades dos autores dun bo feixe de obras case mestras do Cinema (MILLER´S CROSSING (1990), a súa mellor película, entra por dereito propio na categoría de obras mestras do cine mafioso dos derradeiros cincuenta anos, completando a Santísima Trindade do subxénero, xunto ó THE GODFATHER (1972) de Coppola e o GODFELLAS (1990) de Scorsese).

O certo é que a oferta absolutamente irrexeitable que fixo Netflix aos Coen motivou que rescataran unha vellas historias escritas nos últimos vinte e cinco anos, que non tiñan acomodo nos proxectos dos Coen. Son seis episodios que non teñen nexo narrativo entre elas e coma acontece nos filmes deste tipo, algunha son mellores que outras. O que dálle un visionado irregular ó proxecto.

Ningunha baixa do aprobado, e a penúltima, a historia da caravana que vai cara ó Oeste e maxistral. Preferiría con moito, que desenrolaran unha historia completa sobre as xentes que buscan un futuro mellor no novo Oeste, salvaxe, por descubrir.

O que si compro é o leitmotiv argumental dos Coen na traxedia humana como colofón nos seus contos. É moi marca da casa. E gocei co coidado retrato que fan dos diferentes capítulos históricos dos EE.UU. O canto a dilixencia, os xogadores, a procura do ouro, o vodevil portátil coma espectáculo que vai de pobo a pobo. Vai moito amor ao cinema máis clásico do Western e das súas lendas; -A man de póker coa parella de ases e de oitos é a derradeira aposta que fixo Bill Hickok antes de morrer por inxesta violenta de chumbo; e que o grande Ford mete na súa memorable STAGECOACH (1939)-, ou as coidadas cancións que cantaban a principios do século XX e que lembran as escoitadas na O BROTHER! (2000). Filme de parentesco moi próximo.

¿Recomendamos o filme por tanto?. Si, pero é un Coen menor e coma tal afrontádeo para non levar decepcións.

Por hoxe máis nada. Vémonos nos cinemas; non deixedes de acudir a eles.

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies
Social media & sharing icons powered by UltimatelySocial