Semana de grandes e agardadas estreas as vividas nestes días. Por un lado, a segunda longametraxe do monfortino Dani de la Torre, LA SOMBRA DE LA LEY, filme cunha notable produción; o novo proxecto de Damien Chazelle, a excepcional FIRST MAN e a moi curiosa SEARCHING, ópera prima do cineasta Aneesh Chaganty.

Cunha moi boa acollida tanto de crítica coma de público, LA SOMBRA DE LA LEY móstrase coma unha rara avis dentro do panorama cinematográfico patrio, pola singular aposta que Dani de la Torre ofrece aos espectadores. Cine de gánsteres, ambientada na convulsa Barcelona de principios da década dos Vinte do século pasado. Mestura das reclamacións sindicais do incipiente Movemento Obreiro, as loitas dos anarquistas fronte a intransixencia da Patronal, as mafias locais, as corruptelas policiais… e todo engarzado cunha brillante dirección na produción das mans (entre outros) de Mercedes Gamero -aínda lembramos a excelsa labor para LA ISLA MÍNIMA (2014)- e de Borja Pena, que xa colaborara na ópera prima do cineasta galego, EL DESCONOCIDO (2015), intenso thriller que tivo amplo recoñecemento nos Goya do 2016.

De la Torre, dirixe con pulso firme e cun certo virtuosismo -de moito mérito o complexo plano secuencia no cabaret, que as tesoiras de Jorge Coira axudan a prolongar cunha elegancia de cortes clásicos- que lembran as aperturas no encadre da sala de festas no GODFELLAS (1990) de Scorsese ou nos achegamentos nas facianas e nos xiros da cámara que ben podería asinar o mesmo Coppola no seu THE COTTON CLUB (1984).

Por que hai moito de rendida homenaxe aos grandes mestres do cinema contemporáneo. Esa banda aparte de policías intocables coma os de Elliot Ness, certo, pero do reverso corrupto da moeda a diferencia dos heroes que filmara Brian de Palma no 1987. De ovación sincera as interpretacións da maioría do elenco. De la Torre confírmase coma un grande motivador de actores, un dos seus puntos fortes. Non fai milagres por que Alterio segue a facer de Alterio, pero as caracterizacións dos Tosar (os dous), Manolo Solo co seu Barón, Adriana Torrebejano ou a sempre fotoxénica Michelle Jenner, por citar só os máis principais, brillan cunha total credibilidade.

Gustoume a recreación desa Barcelona que empeza a espertar na súa conciencia cosmopolita, coma futura cidade dos prodixios que contara Eduardo Mendoza, referente dos progresos culturais, da revolución industrial, do embelecemento das súas rúas e edificios singulares, dos felices anos Vinte parisienses, que chegan difuminados pola sempiterna inquinia dos dirixentes de mentalidade escura e curta de miras.  A secuencia de apertura coa vista de paxaro do porto, ten moito desa ollada reverente que Leone fixera para a Nova Iorque do seu ONCE UPON A TIME IN AMERICA (1984); moi ben exposta aínda que os CIG, na grande pantalla nótanse no exceso. Non tanto no resto do filme, (a Sagrada Familia luce con esplendor), e que non quita puntos na nota final.

Do mellor do filme é sen dúbida a formidable dirección na arte que ten unha meticulosidade propia dos Visconti ou Kubrick. Non teño dúbidas que nos vindeiros Goya, tería que ter recompensa, así coma o inmellorable traballo de vestiario de Clara Bilbao. Poño nota máxima as distintas calidades técnicas (agás nos FX e VFX que son mellorables, ¡ollo! que co orzamento que tivo o filme, fixéronse auténticas marabillas).

Mención especial fago da música de Xavier Font -O APÓSTOLO (2012)- e de Manuel Riveiro -EL DESCONOCIDO (2015)- vexo á Jenner colgando a roupa no tendeiro da masía e escoito a Morricone. Imaxino a Jason Robards chiscándolle ó ollo a Claudia Cardinale coma adeus entre as vías do tren no árido deserto ou a fantasía opiácea dun sorrinte De Niro.

Repite Josu Iacháustegui na fotografía (xa estivera na rodaxe do EL DESCONOCIDO), e faino para ben a pesar da complexidade para iluminar segundo que tiros de cámara. O filme ten un barroquismo visual e un manexo frenético das cámaras (o tiroteo final no club) que a Michael Mann gustaríalle dabondo, pero persoalmente prefiro como mete a cámara “dentro” da pelexa que ten Uriarte cos esquiroles ou cos homes do Barón na tenda de ultramarinos (moi ben, novamente, o traballo de Coira na montaxe).

Certo que non é unha obra mestra, na maior culpa pola anemia do texto que escribe Patxi Amezcua. Vai material para contar tantas historias paralelas, pero decato que algunhas das mesmas ben puideran estar mellor elaboradas, máis conclusivas. Darían máis profundidade argumental e o filme gañaría na súa liña narrativa, pero é sen dúbida, un logrado exercicio visual e o mérito maior recae na visión singular dun director que propón un cinema moi pouco usual na filmografía do Estado e que ovaciono  e animo a que sega por ese camiño, na procura de producións que poidan competir cos filmes de acción de grande orzamento doutras latitudes.

E da Barcelona máis “noir” chimpamos ata principios da década dos Sesenta nos EE.UU. e aposta dos seus diferentes gobernos por enviar un home a Lúa e traelo de volta antes de que o poida facer a acérrima inimiga, URSS. Estamos nos anos da Guerra Fría, esperpéntico pulso das dúas nacións que tentan dominalo planeta coas súas políticas tan dispares. Aínda que na Carreira Espacial, a piques estiveron de facer unha histórica cooperación de tecnoloxía e investimentos. JFK convenceu a Jrushchov de asinar un documento para tales fines, pero por desgraza todo ficou en nada no ano 1963 na cidade texana de Dallas.

Damien Chazelle, cineasta chamado a liderar a súa xeración coma fixera nos Setenta o xenial Coppola, reinvéntase cunha proposta complexa e de singular dificultade narrativa. Grande do mérito do filme, que xa dende agora cualificamos coma excelente, ven do traballo no texto de Josh Singer, escritor dunhas capacidades sobresaíntes, autor das historias vistas nas memorables SPOTLIGHT (2015) e THE POST (2017) e que adapta as nadas sinxelas memorias de Armstrong na biografía que escribira James R. Hansen e que a piques estivo de dirixir Clint Eastwood da man da Warner.

Pero Chazelle leva con éxito a singradura vital dun matrimonio que pronto ten que afrontar unha desgraza; que coma nota pedal recorrente, estará presente na lembranza do astronauta. O filme é un coidado conto de amores e perdas. De tropezar mil veces e de levantares mil unha. Dos esforzos de xente corrente que fan cousas extraordinarias; os auténticos heroes convertidos nos grandes mitos do século vinte. O director non aposta pola vangloria fácil e o espectáculo pirotécnico, a historia do progreso da NASA é secundaria. Non agardedes unha épica máis estrita do necesario, lonxe das vividas no filme THE RIGHT STUFF (1983) de Kaufman, que narra case coma lenda artúrica os feitos acontecidos no desenrolo do proxecto Mercury ou da tensión emocional sufrida cos problemas xurdidos no APOLLO 13 (1995) de Ron Howard ou esa medio broma-trapallada na que meteuse Eastwood coa súa SPACE COWBOYS (2000).

O achado de Chazelle é mostrar os desgustos dunha familia media americana ao longo de nove anos, nun melodrama con reminiscencias propias do mellor Terrence Malick, ou do David Lean na súa primeira etapa e aquí destaco por enriba de tódolos caracteres a descomunal interpretación de Claire Foy, no rol da esposa de Armstrong. Actriz capaz de mantelo plano só coa súa ollada. Non a descartedes para a pugna nos vindeiros Oscar coma Mellor Actriz.

E xa que falamos da estatua alopécica poño na quiniela de candidat@s a magnífica mestura no son de Mary H. Ellis, que dota de vida propia as cápsulas e os avións-foguetes con ese estridencia metálica que vai da man da B.S.O. (homenaxe fermoso ao 2001 de Kubrick), que compón Justin Hurwitz. Traballo cheo de retos e de difícil encaixe que por fortuna o talento do músico salva con nota elevada.

FIRST MAN é un prodixio nas súas técnicas, pero usadas coma imprescindibles na menor medida, para non entorpecer a aproximación que Chazelle logra coa complexa, tímida e humilde personalidade de Neil Armstrong. Un home que fixo historia e logo, coma as lendas centaúricas dos protagonistas dos filmes de John Ford, pasou voluntariamente a un segundo plano. É cinema de máximos totais, de coidadísimas composicións filmadas cunha exquisitez conmovedora; a reunión familiar dos Armstrong horas antes de marchar ó proxenitor cara  unha viaxe que non tiña seguridade de retorno; a benvida entre cristais da esposa; a magnífica e emocionante secuencia de inicio -outra vez Chazelle volveunos a sorprender-. E así durante toda a metraxe.

Magnífica, e quedo curto na loa.

E coma peche na crónica de hoxe, a sorpresa positiva que levei co filme SEARCHING (2018) do director Aneesh Chaganty que tamén co-asina o guión xunto a Sev Ohanian e que ven precedida dun xusto recoñecemento no Sundance Festival de Redford. Produción indie que levou só 13 días de rodaxe, pero que tardou dous anos entre edición, animación e post-produción.

Aínda que non é usual as propostas visuais do filme xa as víramos na longametraxe OPEN WINDOWS (2014) de Vigalondo. De feito esa apoloxía na edición, coa inclusión de vidcaps dos diferentes aparatos electrónicos durante todo a película antóllasenos fácil de dixerir, pero tamén vémolo truco de inserir secuencias rodadas no set camufladas coma se foran emitidas pola cámara da computadora de mesa.

É un dos puntos fortes que pretende ser rupturista, pero o importante é a trama que vai collendo vigor narrativo conforme avanzan as pescudas do protagonista. Historia moi ben ganduxada, entretida e coas doses de emoción crecentes que de seguro a un virtuoso da técnica coma era Hitchcock gustaríalle cando non sorprenderíalle.

Alegoría dos tempos que toca vivir na actualidade. De relacións cibernéticas alleas, da abraiante presenza nas nosas vidas das RR.SS. que levan a as familias a ser seres descoñecidos entre eles. Pais que non coñecen aos seus fillos, coma tamén eles son estraños para os mozos. Rapaces vulnerables ante a inseguridade que vai doutro lado da pantalla e que moitos proxenitores semella importarlles ben pouco. Filme recomendable, en resumo, que non imprescindible.

Máis nada. Lembrade que o festival de cine decano de Galicia, o CURTAS de Vilagarcía comezou a súa andaina. Por alí estaremos e xa vos contaremos que de bo trae na súa 46ª edición, capitaneada un ano máis por Luis M. Rosales e o seu entusiasta equipo.

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies
Social media & sharing icons powered by UltimatelySocial