Mandingo descansa hoxe de cines e acubíllase no sofá cun feixe de series

0

Rematou Cineuropa deixando máis de trescentos filmes exhibidos nas diversas grandes pantallas do festival, cun grande éxito de crítica e público no evento cinematográfico de maior relevancia que ten a capital de Galicia, orgullo local e motivo de festa rachada. Agora, toca retomalo pulso da actualidade nas recomendacións para este próximo fin de semana pasado pola choiva, falamos de series.

Xa que tivemos sobredose de películas (a maioría moi atinadas), para hoxe centrémonos nas series televisivas de estrea, que as deixamos un moito do carón e de xustiza é dedicar a crítica de hoxe a pequena pantalla. Coma sempre, falaremos de series nas que ollamos de maneira total; e dicir, vemos tódolos capítulos das novas tempadas (non ai outro xeito, leva máis tempo, pero coidamos que é a mellor e máis obxectiva maneira de falar delas).

A primeira é a aproximación que Chuck Lorre (un dos Rei Midas catódicos na actualidade) fai da vellez da man de dous formidables actores coma son o fillo de Kirk Douglas, ó Michael, e sobre todo o magnífico Alan Arkin, actor dunha envexable traxectoria que se nacera na Vella Europa tería a merecida reverencia dun Max Von Sydow ou dun Vitorio Gassman.

Por vez primeira, Lorre prescinde das odiosas risas “enlatadas” para recrear o ineludible paso do tempo nesta traxicomedia titulada THE KOMINSKY METHOD. Lenda que fai referencia ao “Método Stalisnavski” como termo autoparódico da interacción excepcional do actor co rol a interpretar (mítico aquelo de: “e agora interpreta a unha mazá”).

Sandy Kominsky (Michael Douglas) é un actor moi próximo aos setenta (anos), que ten una academia de interpretación de xoves actores que soñan con triunfar no duro e ultra-competitivo mundo das bambalinas hollywoodiense. Sandy, no seu intre, tivo a oportunidade de alcanzar logros e recoñecementos magnos, pero o seu tren xa moitos anos hai que marchou da estación onde tiña que collelo. O seu axente, Norman (Arkin), aínda sendo o seu mellor amigo, moito tampouco cree nel.

Lorre, que por vez primeira filma no set e fora del, segue a propoñer unhas moi acertadas propostas adultas afastadas da fórmula nerd da súa THE BIG BANG THEORY (2006-2018), ou doutras sitcoms coma MON (2013-2018) ou TWO AND A HALF MEN (2003-2015). Series todas elas de grande éxito de audiencia e case sempre hilarantes a máis non poder.

E dicimos que segue, por que recolle a testemuña do gozado nesa incomprendida e maxistral serie que foi o DISJOINTED (2017-2018) capitaneado pola excelsa Kathy Bates e que xa falaramos dela na crítica do pasado 16 de xullo do presente ano. Serie, sen dúbida, que co tempo rematará por converterse nunha produción “de culto”.

O creador da serie que vai camiño dos 67 anos, fai coma proposta persoal, un percorrido da senectude activa, de xente que só leva os anos no carné de identidade. Perennes adolescentes, irresponsables que de non ser por as súas compañas femininas rematarían desbocados no primeiro vertedoiro de pub nocturno de estrada secundaria.

Gustoume moito o “tour de force” interpretativo, as chiscadelas ó Vello Hollywood, a mofa de series de éxito (moitas do propio Lorre), recuperar a grandes actores facendo deles mesmos (¡ai que ver os ollos da Magret!, ¡seguen igual de fermosos que vai corenta anos!); no resumo, un goce para os mitómanos do Hollywood dourado e cunhas continuas homenaxes tamén para épocas máis próximas, coma os Oitenta, onde Lorre comezou a súa carreira. Non prestedes, iso si, moita atención aos fallos na montaxe ou na fotografía, por intres vergoñosas, pero vese que Lorre da máis importancia ao luxo de contar cos De Vito, Gould e compañía, que “menudencias técnicas de tres ao cuarto”.

Divertida, entretida e recomendable primeira tempada de oito episodios de media hora cada un que devórase nunha tarde de frío, manta e cunca de caldo.

Para a segunda opción, falamos da segunda tempada da serie de animación CASTLEVANIA. Adaptación do mítico videoxogo de Konami, sobre a loita de Trevor de Belmont por destruír o Reino do Terror instaurado por Drácula.

Afastado do clasicismo tanto da novela de Stoker coma do visto no Sétimo Arte, a produción de Jason Williams é unha sobresaínte obra. Do mellor do gozado no 2018. Xa na primeira tempada sorprendeunos a calidade da historia, a profundidade no estudo dos personaxes, as notas máximas nos diálogos… pero agora neste segundo envite, aínda mellora ata chegar a batelas palmas con fervor e entusiasmo. Recoñecemento de loureiros na testa para Warren Ellis, escritor máis que aceptable no pasado (seu é o DEAD SPACE (2008), cume no xénero do terror espacial no mundo do videoxogo ou responsable do libreto para o IRON MAN 3 (2013) de Shane Black).

Pode que o trazo na liña dos deseños (próximo no exceso ó anime nipón), poida espantar a máis dun, pero a conxunción cos CIG e a notable B.S.O. de Trevor Morris (autor da recente música para ó HUNTER KILLER (2018) de Marsh) fan desta serie, a mellor recreación vista dende vai moito tempo do mundo dos vampiros e a súa loita contra a Humanidade.

Certo é que bebe moito da temática de dous episodios da saga de videoxogos que mitificou ao cazador Belmont coma lenda heroica na loita entre o Ben e o Mal. Malignidade que non sempre provén das forzas escuras, por que de certo a serie de contido exclusivo para adultos (ou adolescentes coa testa ben amoblada), non ten reparos na crítica das autoridades da época (ambientada con moito acerto na  nocturna Europa do 1475).

Mestura sabia de fantasía, magos, ciencia, e terror, narrado cunha precisión na que nada sobra e que poñemos case con toda seguridade,  no “Top 12” de mellores series do 2018, que no vindeiro mes clasificaremos para todos vos, coma xa fixéramos o ano pasado.

Os fans do fantástico gozaran da serie coma tolos e aos seguidores das series de calidade, sorprenderalle positivamente. ¡Tárdanos xa, a terceira sesión!.

E para rematar por hoxe, a derradeira serie para afrontar estes días grises, húmidos e mornos. Pois que mellor que a británica BODYGUARD, a elevada aposta orzamentaria da BBC, que non reparou nos custos para contala historia do escolta David Budd, ex-soldado cun síndrome post-traumático sen diagnosticar de tomo e lombo.

Teño que recoñecer que así coma as anteriores series foron apetencia persoal, neste caso a insistencia entusiasta de varios lectores levoume a metela nariz no proxecto do guionista Jed Mercurio, que quere ofrecer unha elaborada tela da araña de seis longos pero áxiles episodios no que acusa aos grandes poderes públicos de estar sempre tentando sacar proveito propio, na vez de servir aos intereses da cidadanía.

A serie ten un bo propósito de denuncia que cae no saco roto pola pouca solvencia na trama principal (e tamén nas secundarias).

A ministra do Interior, é unha conservadora de man dura que pretende sacar adiante unha Lei moi restritiva para as Liberdades e Dereitos dos cidadáns. Algo así coma unha Lei Mordaza ideada por Margaret Tatcher (para os lectores máis novos, foi unha política inglesa dunha vilanía tal, que a señora Cospedal pasaría por Heidi) e escrita por Santiago Abascal ou calquera deses novos Vixías de Occidente que están a saír ultimamente por aquí e acolá.

Dita Lei, ten detractores pero tamén devanceiros e os lobbys pugnan por coller canto máis grande tallada mellor, sen importalo prezo a pagar, sexa cal sexa. A urxencia da promulgación da norma ven da man da loita contra o terrorismo relixioso doméstico que sofre os seus habitantes. As pugnas entre as diferentes axencias de intelixencia, a escasa colaboración entre corpos de seguridade que sobran (os visibles e os perigosamente invisibles) e a longa tradición na Política inglesa de ter ao inimigo dentro do Partido e como esnaquizalo.

Todo soa moi ben, pero non é un triunfo coma serie de enxunlla argumental. Vai na liña desas producións tipo HOMELAND (2011- ) que de tanto marear non sabes si suben ou baixan as escaleiras; por non falar da pésima elección do protagonista Richard Madden, actor de limitadas artes interpretativas e que a súa interacción coa ministra case fai que abandone no segundo capítulo da trama. A forza de ser honestos, a serie repunta e ten recompensa para a paciencia que exixe, pero nin é ese estudo milimétrico da creación do terror interno visto no TRAITOR (2008) de Nachmanoff nin o triunfo total do COLLATERAL (2018) de David Hare, serie tamén británica e que destacáramos coma excelente vai tempo atrás no Xornal Lindeiros.

Entón, ¿a serie ten un pase?. Si, ten. ¿Gustará?. A case todos vos. ¿Falamos dunha serie inesquecible e memorable?. Non, nin por asomo. De feito, esas case sete horas de tempo invertido, mellor gozádeas lendo un bo libro.

Agardo que fora de axuda.

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies
Social media & sharing icons powered by UltimatelySocial