Hoxe é luns 25 de decembro, pero para Mandingo non hai festivo que libre e témolo de novo cunha selección de filmes que coinciden, no seu tempo argumental, con estas sinaladas datas.

Mandingo. Cinéfago voraz e compulsivo cunha clara mellora nas súas relacións sociais. Unánimente recoñecido “polo tipo que ninguén quere escoitar falando de cine”, criouse sen avoa. Se vostede atopa con él, protexa o seu peto ou saia correndo.

Agora, estimado lector, que está a piques de sucumbir ante ese pedazo de mamut con salsa de cogomelos que lle vai a poñer a súa sogra, convén lembrarlle a importancia dun bo visionado de filmes do Nadal como fórmula dixestiva post-bacanal. Aquí van algunhas propostas que rezuman amor, paz e felicidade, mesmo para ese cuñado que leva media hora dicindolle como solucionar os seus atrancos laborais, económicos e sexuais ( si, non poña esa cara. Vostede non o sabe, pero tamén ten deses problemas…).

Se pensa que as producións que imos comentar van máis pola liña da capriana IT´ S A WONDERFUL LIFE (1946), vai ser que non. De feito inauguramos esta crónica cunha das máis corrosivas películas que este plumilla viu nos últimos lustros. A formidable BAD SANTA 2 (2016) de Mark Waters, con escrito memorable de Johnny Rosenthal e Shauna Cros. A sublimación máxima do odio entre parentes, con secuencias hilarantes, crúas e audaces para un filme de marcado carácter comercial. Toda unha puñada no fígado ao establishment ben pensante. Non é imprescindible ver a primeira parte, rodada no 2003, pero conviría ver un pase previo para coñecer a disfuncionalidade extrema desta particular familia encabezada por Kathy Bates e sufrida por Billy Bob Thornton. Diálogos absolutamente memorables. De ver coa familia, todos xuntiños no sofá e tapadiños coa manta.

Como hoxe é festa, imos poñer outra película. E que mellor que continuar coa obra mestra imperecedoira que é PLÁCIDO (1961) da mítica dupla Berlanga-Azcona. Cima da sátira do Nadal, resaltada cunhas pinceladas do humor máis negro do que o xenial guionista foi capaz de escribir, moi afastada dese “ bo rollismo” que padeciamos na GRAN FAMILIA (1962) de Fernando Palacios. Inesquecibles os berros de López Vázquez chamando á solidariedade patria de sentar a un pobre na mesa dos adiñeirados, aínda que só fóra “por unha noite”. Enorme a actuación de Cassen, coma se dun C. C. Baxter hispano tratásese. Lembra moito a ese servilismo que interpretara Jack Lemmon para THE APARTMENT (1960). Reparto coral en estado de graza. Filme de ouro na Historia do Cinema europeo. De visión obrigada nos colexios.

Imos por outra? Veña pois!. Non podemos falar do Nadal no cinema e obviar o conto de Dickens A CHRISTMAS CAROL e as súas múltiples adaptacións na gran pantalla. Para este convite destaco a divertida SCROOGED (1988) de Richard Donner, cun Bill Murray desmelenado que personifica de forma exemplar o ton de comedias estadounidenses nesa década dos oitenta. Hilarante a coz que lle solta Robert Mitchum a súa mascota. Deliciosamente incorrecta. E non esquezamos que nese ano, McTiernan meteu a Bruce Willis nun atranco do Nadal nun rañaceos de Los Ángeles. Que mellor que festexar estas datas cunha ensalada de tiros, descalzo e pisando cristais!.

Xa que subliñamos a relevancia que para as gargalladas fílmicas tivo esa época en concreto é de rigor falar da extraordinaria TRADING PLACES (1983) do meu admiradísimo John Landis. Guión perfecto do talentoso tándem Harris- Weingrod. Toques de alta comedia clásica (a presenza de Don Ameche e Ralph Bellamy e, sinxelamente impagable), mesturado coa irreverencia popular de Eddie Murphy e Dan Aykroyd. Labazada ao reaganismo máis trumpariano. E todo, por unha aposta dun dólar…

Se vemos catro ou máis películas dunha sentada, pódese dicir que estamos nun medio maratón?. Dálle duro entón, meu. Barra libre para todos!. Falemos, brevemente, do enorme fracaso que supuxo THE NIGHTMARE BEFORE CHRISTMAS (1993) de Henry Selick. A idea era moi boa, pero proxectar un musical dobrado é como colorear o GUERNICA. Certo que na súa versión orixinal mellora considerablemente, pero a mala uva que desexabamos ver, non acontece excepto na acertadísima secuencia na que a nena abre o seu agasallo e saca unha cabeza. Texto de Tim Burton. Pregúntome que pasaría de dirixila tamén el.

Imos finalizando, que teño que meter o capón no forno e non dou feito. Chegados a este punto, lanzo a seguinte pregunta. Que GREMLINS é mellor?. Cal gusta máis?. Confeso que eu son dos que elixen a orixinal de 1984, pero hai moita xente que sinala a segunda como preferida. En calquera caso, a obra de Joe Dante (cun texto de ovación, para Chris Columbus –sempre foi mellor guionista que filmador-), está con honra no noso Salón da Fama do Nadal, xusto á beira desa canallada que perpetrou no 2005 Shane Black titulada KISS KISS BANG BANG. Non se asusten, o título é o único que non está a altura. Filme a descubrir do outrora guionista de LETHAL WEAPON (1987) cun “ tour de force” entre Val Kilmer e Robert Downey Jr.

E como última proposta, senón está xa empachado, intrépido lector, pode atreverse co terror setenteiro de BLACK CHRISTMAS (1974) de Bob Clark, que soa así como moi “ blaxploitation”, pero que en realidade vai dunha residencia de estudantes universitarias e dun sátiro que decide amargarlles as festas do Nadal. Sabor sanguinolento para acabar, que non todo van ser doces empalagosos. Gozarán dos aullidos da sempre estimulante Margot Kidder e do inquietante Keir Dullea, o mesmo que vira todo un firmamento cheo de estrelas. Nada máis, excepto facer miñas as palabras de R. Lee Ermey, militar instrutor do Corpo de Marines dos EE. UU. na vida real e máis no rol do Sarxento Maior Hartman para a obra maior de Kubrick, FULL METAL JACKET (1987). “ Cumpreanos neno Xesús, cumpreanos neno Xesús. Hoxe é Nadal, e a Deus pónselle dura co Corpo de Marines porque facemos o seu traballo que é matar roxos. Coa súa axuda e uns poucos marines, varreremos ao Comunismo da Terra”. Brinde.

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies