THE DEUCE é a escusa perfecta que Mandingo ten para aterrar na mesma Times Square neoiorquina, botar unha ollada do que quedou daquel estercoleiro setenteiro que a magnífica serie de George Pelecanos e David Simon recrean para HBO, e de propina facer un breve anecdotario do que significou a orixe da industria cinematográfica para adultos, na convulsa sociedade estadounidense de principios dos Setenta.

A cidade de Nova Iorque non sempre foi un reclamo masivo e irresistible para os millóns de visitantes foráneos que a gozan coma se dun inmenso set de rodaxe se tratara. Nada máis hai que ver a céntrica Times Square no que estase a transformar. Pasou de ser o epicentro do lumpen, para evolucionar nunha luminosa atracción ata pasar de freada é converterse nun punto peonil bizarro e charramangueiro, cheo de tendas de agasallos turísticos de escasa orixinalidade e dubidosa calidade.

A famosa rúa 42, coñécese no “slang” local (a xerga moi específica de Manhattan) coma deuce ou 2. E se queremos afinar, podemos focalizar o seu centro neurálxico entre a Oitava e a Sétima avenida. Pero ese alcume, responde máis ben a súa época máis escura. Esa mesma que cineastas coma Scorsese describiron na súa memorable TAXI DRIVER (1976) e que Pelecanos e Simon acuden coma referente artístico en todos e cada un dos polo de agora oito episodios rodados -no tempo que estades a ler estas liñas, van na rodaxe da segunda tempada-.

É David Simon un dos mellores escritores e produtores televisivos non só da súa xeración, senón de toda a Historia do audiovisual catódico; responsable da magnum opus THE WIRE (2002-2008), máxima representación do hiperrealismo narrativo, sen pasar polo filtro do documental de denuncia social tan agradecido para tales fines. O matrimonio artístico do escritor nado en Washington no 1960 coa produtora HBO (o seu slogan distintivo é: “Non é televisión, é HBO”) e sinónimo das máis altas calidades técnicas, artísticas e argumentais.

Acontece coma selo de autoría propia na THE DEUCE (2017- ), hercúlea recreación do micro-universo de seres xurdidos na nocturnidade iluminada polas luces de neón  -a labor da compañía Shade VFx (WESTWORLD) baixo a batuta de Jim Rider é de nota máxima-.

Mulleres fatais que deixaron o seu orgullo nun escuro portal, (grazas, Burning), rapazas cun pasado traumático, xoguetes rotos sen posibilidade de arranxo e chuleadas polos seus “pimps”; baixo o cego consentimento das corruptelas policiais locais, da indiferenza dos seus veciños e da silente inacción das clases dirixentes. Drogadicción, asasinatos, roubos… na cidade que nunca durme.

Na súa primeira sesión, vemos como o inmenso prostíbulo que é o centro de Manhattan vai transformándose, polos intereses políticos e inmobiliarios da quenda, previa lavada de faciana nun hábitat máis “decente” para o votante farto de tanta troula desmedida e de convivir coas moreas de lixo, ratas e xiringas. Moitos din que foi Rudolph Giuliani o que o conseguiu. Non é tal. El só sacou o rédito de limpala bosta que outros agocharon tralas fachadas dos moteis.

Sen querer caer nos spoilers, Simon con bo atino, conta iso e máis aproveitando as historias vitais e cotiás dos habitantes da zona. Faino, cunha obra coral de seres que mestúranse entre eles a calquera hora do día ou da noite. É usual ver na cafetería almorzar nunha mesa as prostitutas cos seus proxenetas e a beira deles, familias con cativos e policías cos seus donuts.

O conto a amosar é como no transcurso de 1971 nun abrir e pechar de ollos, prodúcense eses trocos que van rematar na creación dunha moi lucrativa industria cinematográfica pornográfica, aproveitando o baleiro normativo constitucional.  Todo sexa por ter “ideas para gañar máis diñeiro” por que esa é a motivación final, coma recoñece Candy ao incipiente produtor  de cinema Harvey Wasserman: “Cándo neste país deixamos pasala oportunidade de gañar cartos?”.

THE DEUCE é unha das grandes propostas dos vindeiros anos que serve coma estudo subsidiario do movemento contracultural que aconteceu a finais dos Sesenta e que estoupou a mediados dos Setenta, dando na maioría das veces resultados únicos  nas Artes, nas Liberdades e nas Políticas, aínda que non sempre remataron cun bo xeito e moitas esquecéronse co paso das décadas.

Podería escribir páxinas e máis páxinas sobre o acerto da selección dos actores, do esforzo ornamental ben aproveitado na produción, das homenaxes visuais a ese cinema neoiorquino da época (non é casual o uso da Panasonic VariCam 35 e o seu 1.78:1), das chiscadelas ás estreas nas salas de proxeccións -THE OMEGA MAN (1971)-, a premiere  de DEEP TRHOAT (1972), Nixon, Vietnam… Mellor gozádea e xa me contaredes.

E aproveitando que o Pisuerga vai por Valladolid, que a empanada de zorza mellor meterlle un pouco de cebola ben cociñada e que ninguén que eu saiba é consumidor de filmes outrora cualificados coma “X” (pero sí que non deixan pasar a oportunidade de ollar un bo documental de animais salvaxes na sobremesa), quero contarvos unha breve crónica da “outra” industria cinematográfica que xurdiu a principios dos Setenta nos EE.UU.

Case que dende que ós Lumière fixeran chimpar dun susto aos espectadores que viron chegar un ferrocarril naquela tenda cunha tela branca coma pantalla, a Humanidade buscou fórmulas de mesturar ganancias e entretemento. E moito escribiuse sobre iso nos seus diversos xéneros. En todos?. Case, case…

Só con carácter marxinal, na maior das ocasións, as longametraxes con contidos sexuais explícitos teñen marxe de reflexión ou análise. Certo é que non se poden comparar coas producións cinematográficas feitas para todas as idades (orzamento, calidades técnicas –e non digamos argumentais e interpretativas-, etc…), pero a diferenza entre un filme de Ed Wood ou da Troma Inc. e a pornografía é ese Rubicón na moralidade imperante entre os actos sexuais simulados e os explícitos. 

A industria pornográfica tivo a seu nacemento (estamos a falar dos EE.UU.) no principio da década dos Setenta, cuns antecedentes de finais dos Sesenta capitaneados no underground máis estéticos da man de Warhol e o FLESH (1968) de Paul Morrisey. Ata ese intre todo filme que abordara imaxes que non deixaban nada a imaxinación, non tiña canais comerciais legais. Películas, coma as meigas haber habíaas, pero eran visionadas con nocturnidade e alevosía.

Coincidindo cunha época de convulsións sociais e de cambios no pensamento crítico da mocidade estadounidense e de certos sectores de influenza e tamén e moi importante, o que estaba a acontecer na Suecia, foi cuestión de tempo que os cartos chamaran aos cartos e que os filmes a ofrecer elevaran as súas propostas ata case chegar ao cinema máis convencional. O primeiro exemplo disto foi DEEP TRHOAT (1972), o primeiro filme de grande orzamento do sector (47.500 USD) e que fixo de Linda Lovelace a primeira “porn-star system” (moitos anos despois, Lovelace renegaría dese mundo -e con razóns dabondo; unha das lacras no que segue o xénero é o machismo e misoxinia imperante-).

O porno daqueles anos tentaba imitar o de Hollywood, dándolle unha historia argumentada (na maioría das veces apoiada polo humor, coma a parodia ALICE IN WONDERLAND do 1976), cunhas coidadas iluminacións (tampouco estamos a falar dos novos Gregg Toland ou Freddie Young, ollo!), traballo nos decorados, en definitiva unha auténtica industria coma tal. Cos seus especialistas artesáns, maquilladores, carpinteiros, iluminadores…

Chegou un momento no que as estreas nos cinemas de Times Square rivalizaban para segundo que filme. Un dos casos máis famosos foi a estrea do CALIGULA (1979) de Tinto Brass, que estivo dous anos na carteleira. Personalidades da cultura estadounidense vestían as súas mellores galas para acudir as estreas e alardear nas festas das celebridades, pero tampouco hai que pasarse de “cool” ou moderno. Moi poucas longametraxes tentaron realmente elevar as calidades. O exemplo do filme de Brass que a xente pon coma referente, na realidade foi unha inxerenza da produtora que engadiu “primeiros planos” sen o consentimento do cineasta italiano.

O fetichista Luís Gª Berlanga, que sen éxito tentou filmar unha película para adultos, falaba nas súas impagables memorias -BIENVENIDO MISTER CAGADA (Ed. Aguilar, 2005)- do notable logro das propostas vistas na BEHIND THE GREEN DOOR (1972), cunha interpretación meritoria de Marilyn Chambers. O público quería non só sexo. Tamén pedía unha trama a seguir. THE DEVIL IN MISS JONES (1973) foi un dos grandes éxitos da década e tras ela virían títulos que tocarían temas moi presentes na sociedade coma os conflitos raciais na “blaxploitation” LIALEH (1974).

Coma pasou noutros movementos da contracultura (a música punk, a “Factoría Warhol”, a revista NATIONAL LAMPOON, Bukowsky, e tant@s outr@s… ) tivo o seu auxe e a súa caída. No caso do cinema, morreu do éxito nas azucradas e baleiras producións dos Oitenta e Noventa, onde deixaron de lado o realismo transgresor e a comedia absurda, para ofertar un produto tecnicamente impecable e pulcro pero sen verdadeira paixón polo oficio.

A industria cinematográfica para adultos morreu coma tal xa hai moito tempo e as escasas tentativas de facer cinema de calidade por parte dos Lars Von Trier (boicoteado polas distribuidoras e produtoras europeas do sector), dos Winterbottom (o seu filme de 2004, 9 SONGS é aburrido de solemnidade) ou as idas de pota estéticas de Gaspar Noé, van dar a razón ao mestre Berlanga sobre a imposibilidade de facer bo cinema erótico explícito.

Pode haber “sucedáneos” máis ou menos logrados, pero a mellor caracterización que vin dunha escena de sexo (por que o cine, non o esquezamos, vai de transmitir emocións), foi aquela que teñen Abril e Banderas no ÁTAME (1989) de Almodóvar; ou coma dixera Wilder a Cameron Crowe nas súas aclamadas CONVERSACIONES CON BILLY WILDER (Alianza Editorial, 2000): “aquel film onde os actores fo…”.

Saúdos, dende a Grande Mazá.

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies
Social media & sharing icons powered by UltimatelySocial