A falla de dez días para trocar de ano, as grelas das salas de cinemas ferven coas novidades propias destas datas, coma un derradeiro esforzo por completar un notable ano de cine. Hoxe toca falar de catro propostas dispares entre si; dende a persoalísima visión de Xacio Baño no TROTE da galega Frida Films ata colapsarnos coa magnum opus de Cuarón, a colosal ROMA na ollada de Cleo; unha nova Dersu Uzala inesquecible xa, para a Historia do Cinema.

Despois de debutar no Locarno Film Festival e no Festival Internacional de San Sebastián, chega as pantallas galegas (e tamén no resto do Estado) o filme TROTE, historia singular dunha familia de difícil trato doméstico; forxada polo rigor dunha vida dura no rural, onde o fillo maior, Luís, fuxe lonxe deixando a irmá pequena, Carme, ao coidado dos seus pais.

Tras un funesto suceso xuntan na casa familiar ós membros da mesma, cada un sendo un “toxo” a súa maneira. De xeito moi intelixente imos descubrindo os porque das carencias emotivas dos protagonistas, non tanto polo que din, senón máis ben por todo aquelo que non contan pero que si sospeitamos, intuímos, adiviñamos tentando botar unha ollada sen que os caracteres decátense das nosas intencións.

É un grande logro de Baño e máis de Diego Ameixeiras que asinan o escrito cáustico, aséptico, sen emocións frugais. De seguro que vai moito máis cine no futuro nestes cineastas, pero o amosado no filme xa da unha autoría propia e innegociable. De longo, a mellor produción galega do ano que debería ter recoñecemento masivo nos vindeiros Mestre Mateo.

Xacio Baño aposta por presentar aos personaxes dende unha perspectiva visual pouco usual, arriscada, a altura dos ombreiros e na maior das veces dando as costas aos espectadores, cunha carestía nos diálogos, onde os silencios e as olladas perdidas, forman parte principal na historia a narrar.

Cunha arriscada posta en escena, pola case ausencia de B.S.O., os tiros da cámara fixos nuns numerosos primeiros planos e os encadres lineais asimétricos, o achado de Baño e mais da súa directora de fotografía, Lucía C. Pan (responsable doutra contundente labor no DHOGS (2017) de Goteira) é mesturar con éxito na maioría das veces, tales calidades técnicas.

TROTE é un filme para padais acostumados a propostas que moi poucas veces temos a sorte de presenciar na grande pantalla. Non é un filme redondo certo é, pero tampouco pretenden darnos gato por lebre. É unha longametraxe dunha honestidade demoledora que consegue levarme a miña máis lonxe infancia de lareiras, casas na aldea, cortellos, foguetes a saída da misa… Cheira a natureza salvaxe pero tamén a esa Galicia crúa, de xentes curtidas no esforzo diario, coa súa retranca impagable (a pregunta do sorprendido fillo ao pai que leva o coche o día despois de ter a perna lesionada e a resposta do proxenitor é moi “nosa”).

Moi boa ópera prima do cineasta lugués. Conto de tinturas locais que recoñecerase nas pequenas aldeas da vella Europa, coma as vistas anteriormente nos veciños da RYAN´S DAUGHTER (1970) de Lean ou da CALIBRE (2018) de Palmer.

Merco a interpretación de María Vázquez merecedora dos loureiros de recoñecemento e ovaciono o traballo da compostelá Luísa Romeo, que a pesar da ardua labor que é producir un filme no país vai facendo patria cun mérito envexable.

E coma segunda oferta cinematográfica, o blockbuster na quenda habitual deste mes de luces e cores no exceso, impostura kitsch que traspasa o límite do bo gusto e decoro. Como non podía ser doutra maneira, AQUAMAN chega coma un tsunami arrasador capaz de levar consigo cidades enteiras por moi rodantes que estas sexan.

James Wan, director cunha moi respectable filmografía (o SAW de 2004, THE CONJURING (2013) a sétima da saga FAST AND FURIOUS…) dirixe con bo pulso unha historia superior a media de producións de súper-heroes cun grande orzamento, cunha nómina de técnicos quilométrica e a consabida reunión de moi recoñecibles facianas de actrices e actores  que adornan o empaquetado final do produto.

Aínda que a parella imposible que fan Nicole Kidman (a raíña submarina Atlanna) e o fareiro Temuera Morrison (o Jango Fett de STAR WARS, si amiguiños, ó mesmo Jango) non pega nin con brea  facemos coma que non importa para ver que desa unión nace o futuro Señor dos Océanos. Así dito é moito resumo do filme, seino ben. Loxicamente o Xoubaman este, vai ter que loitar ata extenuación contra os seus conxéneres e resto de fauna acuática, nunha produción que ten un resultado certamente entretido e superior a media deste tipo de filmes.

Nada que obxectar as calidades na técnica, nin a pirotecnia visual (a influencia na imaxinería de filmes coma AVATAR, HELLBOY, FINDING NEMO ou no EPISODE I do 1999 son notorias). Se non rascamos moito na traza argumental, damos por boas as motivacións dos personaxes e consumimos o filme coma produto fast-food pero cunha axustada inxesta calórica, para que non saian as temidas lorzas cinéfilas por mor do abuso fílmico dos filmes cheos de historias que tratan ao espectador coma un paspán calquera.

Mellor co MORTAL ENGINES contado na crítica do venres pasado, pero lonxe desa marabilla que foi o WONDER WOMAN (2017) de Patty Jenkins. Podedes vela, a gozaredes e pasaredes páxina sen moita mágoa. De levar aos cativos.

E xa que falamos dos pequenos da casa, voume por serio e todo para recomendar con entusiasmo nerd a sorpresa que levei na pre-estrea do filme de animación SPIDER-MAN: INTO THE SPIDER-VERSE e que hoxe chega os cinemas de Compostela. Recoñezo que andaba eu un pouco despistado co filme, pero a viva recomendación de dous lectores e o feito que Phil Lord andaba metido no guión da película activou o meu sentido arácnido.

Lord é responsable de títulos coma as choivas de albóndegas vistas no 2009 e 2013, xunto o seu habitual Christopher Miller, ou do proxecto inconcluso do SOLO da Disney (ogallá algún día pódase editar esa metraxe censurada pola “Kathleen Kennedy and Friends”). Para a ocasión escribe xunto con Rodney Rothman unha das mellores e máis orixinais historias (baseada iso si, no cómic SPIDER-VERSE de Dan Slott) dende hai moito tempo no campo da animación (e tamén xusto é dicilo do Cine na súa totalidade).

Cando coidaba que xa estaba todo inventado no mundo da banda deseñada animada, as diferentes propostas estéticas, mesturando anime, cómic, cinemáticas máis canónicas xunto a unha memorable edición de Robert Fisher Jr. lévanme a chimpar do asento e batelas palmas co entusiasmo do fandom máis novo. A longa dirixida por Peter Ramsey, Rodney Rothman e Bob Persichetti entra con xustiza nas mellores producións do ano e, de seguro, o grande “sleeper” para os vindeiros meses. Excepcional o estudo dos personaxes, a profundidade na carga dramática, a combinación de secuencias cómicas xunto coas homenaxes de filmes da franquía… Imprescindible. Sexades siareiros da Marvel, ou máis especificamente do home-araña ou simplemente amantes do cinema, tedes un motivo de peregrinaxe ao cine máis próximo onde proxecten SPIDER-MAN: INTO THE SPIDER-VERSE; canto aos trocos propios da adolescencia co mural fermoso do barrio de Brooklyn coma testemuña elegante e de identidade propia.

Bulide cos vosos fillos (esa será a escusa, aínda que vós, gozaredes moito máis do filme).

Escrito queda.

E para rematar por hoxe, o novo traballo de Cuarón despois de gañalo Óscar no 2013 ao Mellor Director polo GRAVITY -e que levou outras seis alopécicas e douradas estatuíllas-. O proxecto persoal do mexicano na ROMA de Netflix, que levou con moito merecemento o León Douro a Mellor Película no pasado Festival de Cine de Venecia.

Nas propias verbas do cineasta, o conto de ROMA é as súas propias vivencias familiares (co fondo omnipresente das revoltas estudantís do 1971, especialmente no Corpus Christi dese ano) nunha porcentaxe que o director estima no noventa por cento das secuencias. Roma é o barrio onde criou Cuarón, sito no oeste do centro histórico da capital mexicana.

Na realidade ROMA son varios filmes, por un lado, o testemuño da familia de clase alta mexicana dos Setenta, cunha esposa dedicada na exclusiva ó coidado da prole. Os rapaces alborotadores que non dan respiro no fogar familiar, o esposo, señor e rei do castelo (cun automóbil que case non entra pola porta do garaxe) e a asistenta do fogar, Cleo. Rol interpretado cunha parsimonia elegante e natural pola actriz Yalitza Aparicio, que rexistra un traballo que xa fica no Olimpo das grandes mulleres que deu o Cinema mexicano.

Outro filme que leva no interior é esa coidada e milimétrica recreación dos convulsos anos mexicanos post-festa troula, tralos Xogos Olímpicos do 68. A inxerencia da CIA, coa convivencia do goberno do PRI, a creación dos escuadróns para-militares (os temidos “halcones”) que bateron e mataron a moitos estudantes que loitaban pola mellora da Sociedade e que desembocou nunha vergoñenta escusa gobernamental. Con moita pericia, Cuarón (que tamén edita e ilumina o filme) conta todo isto cunha profundidade de campo maxistral. Ou ben usando planos-secuencia ou cos tiros fixos da cámara pero sempre están a “pasar cousas” nas atestadas rúas da cidade, no plano medio e no longo. Magnífica a dirección na produción, o traballo no set, a recreación das estradas, das vestimentas, do caos vital dunha cidade chea de bulicio. Memorable. O mellor do filme sen dúbida, que os 70 mm nos que rodou o espreme dabondo.

Pero tamén hai outra película na ollada de Cleo. De feito a longa ben podería titularse CLEO, UN CONTO VITAL. Dicíamos que hai moito do cinema clásico mexicano da man de grandes nomes coma os Gabriel Figueroa, Buñuel, “Indio” Fernández ou Fernando de Fuentes por citar só algúns deles. Pero tamén hai cabida para ese cinema a corazón aberto que fixeron os italianos aínda non rematada a II G. M. As miserias humanas, a decadencia da ética na figura do Fermín, mazaroco sen perdón que bate na vida de Cleo; rapaza indíxena de non moito falar, pero que coa súa intelixencia emocional róubanos calquera tentativa de acusación pola súa candidez. Non é tal. É sinxelamente unha boa persoa. A ela vai dedicado o filme (a auténtica Cleo segue viva e coidada pola familia de Cuarón).

A maioría da crítica non dubida de cualificala coma unha obra mestra inmediata, pero persoalmente non a vexo nese nivel. Case de seguro é o mellor que Cuarón fixo na súa traxectoria (CHILDREN OF MEN (2006) segue a parecerme formidable), pero no ten esa carga dramática definitiva pola que tenta levar ao espectador (ese parto no hospital conmove, pero non a escena da praia que chamada estaba a ser o epílogo visceral).

E outro conto dentro da película é o canto de amor na defensa do indianismo, da dignidade das clases máis desfavorecidas, dese México que ten na muller o baluarte da súa propia sociedade (“sempre estaremos soas”, dille a Sra. Sofía a Cleo) e por desgraza a omnipresencia do machismo, lacra do pais centroamericano que non mellorou moito cincuenta anos despois.

O Óscar a Mellor Película de Fala Estranxeira do 2019, ten na ROMA de Cuarón un dos seus máximos aspirantes. E sospeito que non será a única candidatura que levará. Un filme que de seguro, mellorará co tempo e que gozaredes con máis dun visionado.

Ben por Cuarón, cineasta que levaba o sambenito de ser o menor no talento dos tres grandes do cinema actual mexicano (as carreiras de Iñárritu e del Toro así o dicían), pero que agora mesmo, nada ten que envexar dos seus compatriotas e tamén moi bos amigos.

Nada máis por hoxe. Convídovos á derradeira crítica do ano, no vindeiro venres que será 28 de decembro e non sei moi ben como enfocar ese día. Xa veremos que acontece.

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies
Social media & sharing icons powered by UltimatelySocial