займ срочно

FE DE ETARRAS (2017) de Borja Cobeaga.

Mandingo. Cinéfago voraz e compulsivo cunha clara mellora nas súas relacións sociais. Unánimente recoñecido “polo tipo que ninguén quere escoitar falando de cine”, criouse sen avoa. Se vostede atopa con él, protexa o seu peto ou saia correndo.

Co reclamo de seres a segunda produción que Netflix fai en España, preséntase para este canle dixital ó derradeiro (polo de agora) traballo de Cobeaga. Para entrares no contexto, falaremos da sinopse (brevemente iso si), para non destripares ó filme.

Martín (Javier Cámara) é un “liberado” de ETA que pretende organizar un comando para realizar un atentado que frustre ás conversacións de paz entre a “Organización” e o Estado español.  Para conseguir o seu propósito, aluga un piso franco nunha vila do centro de España, xusto, cando a selección española de balompé está disputando o Mundial de Sudáfrica.

E é unha comedia.

Confeso que dende que Cobeaga asumirá a dirección e parte dos guións do programa televisivo Vaya semanita da ETB no 2003, sigo a súa traxectoria con moito interese. Tivo naqueles anos, moito mérito atreverse a facer un programa de humor onde abordaban tódolos temas habidos e por haber da sociedade vasca. Dende dar disparatadas solucións “ó conflito”, a explicares A Biblia para vascos ou tocando nas históricas reclamacións e tiranteces forais. Pola súa taberna, pasaron tódolos políticos vascos da época dispostos a sufrir as ironías da cuadrilla de txiquiteros. Coa perspectiva que dan os anos, ese programa fixo moito por suavizar tensións e demostrou que hai que saberes rirse dun mesmo ou de cuestións que ó mellor no momento parecían insalvables. Tratábase, en definitiva de establecer novas pontes, de ofrecer unha man. Rindo, sí. Pero con temas moi serios.

Tras unha serie de curtas, no ano 2009, debuta na longametraxe con Pagafantas. Historia universal na que a maioría vémonos reflectidos (xa, vostede non meu querido e apolíneo lector, pero ó resto dos mortais temos espazo de sobra para seguir facendo muescas no noso revólver). Simpática e curiosa historia bilbaína de amoríos e desamoríos, que tivo unha boa resposta de crítica e público.

Aínda que case que toda a súa obra vai marcada pola comedia (incluídos trazos de humor groso como os seus escritos para os “oito apelidos”), no 2014 dirixe Negociador. A historia das conversacións que mantiveron no 2005 a banda terrorista vasca e o Goberno Central. É, posiblemente a súa mellor película e unha mágoa que pasara sen pena nin gloria. De feito, lémbrame moito a ese cine político británico dos oitenta no que Ken Loach brinda unha obra mestra coma é Hidden Agenda (1990). É unha película, a do vasco, para disfrutar con un medio sorriso por mor do excepcional traballo de ese ciclope interpretativo que é o actor Ramón Barea. Película de moito mérito, acentuada polo inmenso traballo na fotografía de Jon D. Domínguez. Dunha beleza fría, crúa e inhóspita. Moi recomendable.

Teño a sensación cada vez que vexo un traballo de Cobeaga, que a produción é axustada ó orzamentos que manexa. Non hai luxos, pero todo está moi ben ganduxado, por iso sorprendeume un pouco (e máis tendo en conta que Netflix ten músculo financiero) que neste traballo que hoxe toca comentar, apréciase unha lixeira falta de medios. Non falo do cutrerío o estilo Ed Wood, pero máis extras nas esceas de celebracións ou máis bandeiras colgadas das fiestras do resto dos edificios botei en falla. Pequenas cousas, que non desmerecen o bo resultado final.

E xa que entramos en cuestións de intendencias, vou por un pero que sorprendeume. Se antes loubabamos o traballo de vai tres anos de Domínguez, para esta produción asina un resultado moi estridente. Non sei o que pretendía coas luces no corredor do piso. ¿Unha homenaxe a Repulsion (1965) de Polansky?. Non o vexo. Nin as diferentes luminosidades que presenta unha mesma escea con diferentes ángulos. Non diría nada se non tivera a Domínguez por un profesional de moito bagaxe (director habitual dos filmes de Nacho Vigalondo, autor non para tódolos gustos, pero dunha coidada e persoal estética cinematográfica).

Destaco para ben, a coidada e acertada selección musical que fai Aranzazu Calleja, acompaña  nese ton de baixo orzamento, aínda que algunhas cancións non sexan do meu gusto. Pero non se trata do que me guste, senón do que encaixe cos personaxes, por exemplo. Ben feito. Como ben feito tamén é a edición de Elena Ruiz. Impoluta, áxil, sen mácula. Coma diría ó Pazos de Airbag (1997) de Bajo Ulloa, “profesional, muy profesional”.

Na parte máis visible está a dirección de Cobeaga. Noto unha evolución estilística con respecto os seus inicios. Un certo virtuosismo. Chámame a atención os “picados” e “contrapicados” que propón para resaltares as angustias dos personaxes o para aumentar o climax narrativo. Non molesta a hora de contala trama, aínda que nótanse un pouco a contracorrente no xeito de mover á cámara no resto da metraxe.

E deixo case para o final, o máis importante dunha película. O guión. Se non hai unha boa historia por contar, non hai película que se poida salvar. Tanto Cobeaga coma o seu guionista habitual, Diego San José, firman un argumento notable e onde os diálogos chegan ó sobresaínte. É o forte desta parella de escritores. Da igual que os seus proxectos sexan dramas ou comedias. O que din a maioría dos seus personaxes e ouro puro. Vai moitísimo talento nesta dupla ben avenida. Non digo que sexan Diamond e Wilder, pero para os niveis patrios, están moi por riba da media.

Non quero facer spoiler do filme, pero non podo resistires a falar dalgún rol da película. Non vou a descubrires o bo traballo de Cámara (actor que mantén por si só o plano cunha mirada). Prefiro resaltar ese regalo dos guionistas para Julián López. Cheira a nominación para os Goya deste ano, senón fora por que estamos a falar dunha produción exclusiva (polo de agora) de NETFLIX. O seu personaxe, Fernando García, é un mononeurona de Chinchilla pero “gudari” de corazón, que desexa ingresar na banda terrorista coma artificiero. Incluso ten pensado mudalo nombre por Pernado Gartxía Air Jordan. Coma el di: “para volar polos aires”. Aínda que tamén sérvelle o alcume de Steven Seagal, “xa sabedes, o da coleta”. Outro perfecto exemplo do efecto que produce nas cacholas o consumo indiscriminado telelixo.

 

Podería destacar moitas cousas boas que ten o filme, pero a estropearía para todos aqueles que a queiran disfrutar como eu a disfrutei. Comedia máis que de risas, de sorrisos, e cunha segunda lectura da complexidade da sociedade que tócanos vivir hoxe en día, encarnada nesa comunidade de veciños na que conviven os nosos protagonistas. Unha 13 Rue do Percebe, con moito máis potencial e inxenio que trapalladas sufridas na caixa tonta.

E por hoxe non moito máis, a verdade. Lembrade, coma xa se informou onte neste diario, que hoxe inaugúrase a 45 edición do Festival Internacional de Cine e Banda Deseñada en Vilagarcía de Arousa. O Curtas. Decano dos festivais en Galicia e un dos máis lonxevos do Estado. Unha auténtica xoia para non só a vila pontevedresa, senón tamén para Galicia. Parabéns os responsables de tan magnífico evento.

Mandingo irá, e coma Terminator, voltará.

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies