Mandingo ficou un pouco “molesto” con High Life e compensouno con Bohemian Rapsody

0

Venres 16 de novembro e coma tódolos días quinto de cada semana, destacamos as estreas máis atractivas para pasar unha velada fronte a grande pantalla (ou na pequena tamén). Como xa ven sendo usual, tres son os filmes a falar, distintos entre si, pero que garanten entretemento cando menos.

Pero antes diso imos facer unha excepción por que entendemos que a ocasión paga, e moito, moitísimo a pena. De feito considero unha obriga escribir as seguintes liñas coma unha clara advertencia ante o sufrido onte no Teatro Principal. Coma un deber ineludible ante o perigo que poderiades correr asistindo a proxección de hoxe do filme HIGH LIFE da septuaxenaria  Claire Denis, que fai o seu derradeiro (ou iso pregamos) “pelotazo” no orzamento da produción, práctica moi habitual tamén por estes lares de presentar un proxecto “xenial” de “arte e ensaio”, conseguila subvención opípara da quenda e mercar un “caprichito” na forma de casiña na praia ou cabana na Serra, e logo o filme, metémoslle o formato minimalista con carencia de todo e santas pascuas.

O certo, é que de longo, é a peor película sufrida no 2018 e unha das tomaduras de pelo máis flagrantes que dende que teño uso da razón tiven que fagocitar. O meu sentido arácnido xa moito bo non presaxiaba, pero tiramos cara adiante ante esta proposta vacua, pretenciosa, aburrida, pedante, feita con moi malas intencións e cunha sen vergoña pola profesión e pola intelixencia dos espectadores que raia na indignidade.

Podería falar que Denis, xoga a querer facer o seu parsimonioso privado SOLARIS (1971), pero o filme de Tarkovsky na comparativa incrible semella unha imposible comedia musical dos cincuenta dirixida por Gene Kelly e protagonizada por Danny Kaye cheo de speed e fungos alucinóxenos. Nin o Godard do Cahiers du Cinema, aceptaría a impostura plaxística nas propostas estéticas querendo xogar co visto na marabillosa SILENT RUNNING (1972) de Trumbull e a súa deriva emocional do protagonista ou nos conflitos de veciñanza na SATURN  (1980) de Donen e Barry. Sen unha mínima dignidade a “cineasta” para tapar a nula calidade nos decorados, o raquítico nos FX (nin por asomo van CIG) ou os vergoñosos VFX (“corta e pega” aos gozados no INTERSTELLAR (2014) de Nolan, pero feitos pola súa neta de dez anos), cubre todo cun manto argumental inexistente, cunhas secuencias disparatadas, cun estudo da Física inaceptable (¿dende cando “caen” os corpos no Espazo Exterior, cando os botamos pola porta?).

Repasa todas as novas sobre Cineuropa

Podemos, incluso pasar por alto todos estes defectos extremos (é o bo que ten o Xénero). Non queremos sinalar co dedo as maquetas e o seu deambular polo Espazo (so falla ver os fíos colgando da nave), nin tampouco volver a comparar os tradicionais efectos pero fermosos na técnica (a pesar de que tamén vemos que vai moi pouco, pero moi ben aproveitado orzamento) desa pequena xoia que é o MOON (2009) de Duncan Jones.

O peor de todo é sinxelamente a tentativa de pasar por obra sisuda de arte, con nulo ritmo narrativo e carencia de motivacións argumentais unha sucesión de metraxe filmado de facianas e corpos sen motivacións nin riquezas interiores. Por goteo, os espectadores foron marchando nos 120 minutos (¡dúas horas para contar nada!) e os que resistimos ata o epílogo quedamos entumecidos neuronalmente ante a trapallada de onte. De feito, a señora (de avanzada idade) que tiña o meu carón, cando acenderon as luces do teatro, quedou petrificada. Cando tentei espertala cun lixeiro roce no seu ombreiro, descolgouse a súa mandíbula e saíulle un alacrán da boca. Xúroo polo patucos do neno Xesús. Momificouse sen remisión sen que os servizos médicos puidesen facer nada por ela.

Este 2018, coido que en liñas xerais vin excepcionais filmes, pero tamén moitas infamias coma o REVENGE (2018) de Coralie Fargeat e confeso que nunca pensei que viría este ano algo peor que este filme da compatriota de Denis, pero amiguiños!, HIGH LIFE non ten perdón posible. Prefiro ver tódolos filmes da saga SHARKNADO á vez que escoito a todo volume nun bucle sen fin o TENGO CALOCHA de Jamsha e Barbie Rican, a carón de Pablo Casado mentres explícame o seu libro sobre a Cuarta Revolución Industrial que non quere publicar por que coma el dixo “e demasiado avanzado para que a xente o entenda” que ter que ver outra vez o filme da francesa.

Pero coma non vai mal que cen anos dure (onte semellaron noventa e nove anos de dor e sufrimento), empezamos a falar de cine. Neste caso do último traballo de David Mackenzie, cineasta que seguimos dende a memorable HELL OR HIGH WATER (2016) e que asume o reto de levar a historia de Rober Bruce ata o seu epílogo máis aclamado, a que fora a numantina batalla de Bannockburn onde zoscáronlle dabondo as tropas inglesas pérfidamente comandadas polo rei Edward II.

OUTLAW KING (2018) é a tentativa de Netflix por ofertar un produto de calidades técnicas moi superior a media da canle de streaming. E consígueo con certa folgura por mor da suma dos talentos notables na produción. As luces de Barry Ackroyd (THE HURT LOCKER -2008-), a edición de Jake Roberts (HELL OR HIGH WATER) e o deseño na produción de Donald Burt (ZODIAC -2008), localizacións históricas moi logradas; van da man nunha lograda recreación dos intres seguidos a captura de William Wallace, heroe inesquecible naquela formidable longametraxe do 1995.

Non chega, xa que falamos do filme de Gibson, as cotas de grandeza na épica, pero é un bo entretemento que recomendamos como curiosa aproximación a especial idiosincrasia do pobo escocés e a moi lóxica inquina que teñen para os seus veciños do sur, baixando pola muralla de Adriano.

Agardamos que máis cedo que tarde Mackenzie poda ofrecernos o “Director´s Cut” que íase ata as catro horas; onde poidamos gozar das esceas máis extremas (a derradeira batalla foi cortada no exceso) ou ese encontro no bosque entre Bruce e Wallace. Cun algunha licencia histórica que pasamos por alto (a morte do Rei Edward I) recomendamos este filme.

Chimpamos de século e imos o derradeiro proxecto do Trileiro Maior do Reino hollywoodiense que ten por nome J.J. Abrams. Falamos claro está do OVERLORD (2018) de Julius Avery, traballo máis que aceptable (aínda que a influenza nos planos de filmes coma INGLORIOUS BASTARDS (2009), THE HEROES OF TELEMARK (1965) ou THE DIRTY DOZEN (1967) é incuestionable) xurdido das plumas dos guionistas Billy Ray e Mark Smith, escritores de certo relevo, que xogan ca baza gañadora de mesturar nazis e zombis coma proposta irrexeitable para todo nerd que se prece de selo (e a moita honra).

Divertimento de flocos de millo sen moitas máis pretensións que pasar un moi entretido tempo de ocio, coas súas doses de sangue, violencia e humor (moi lixeiro), pero que postos a falar de idas de pota que mesturan xéneros sen rubor, temos que destacar coma grandes faros que iluminan o firmamento, de filmes máis transgresores e que merecen un visionado para aqueles que teñan carencia polos subprodutos que rozan o cinema de serie Z, pero que posúen elevadísimas notas de humor negro coma o IRON SKY (2012) de Timo Vuorensola (os nazis perderon a II G.M. pero fuxiron á cara oculta da Lúa e dende alí planean unha invasión á Terra), as desternillantes (sobre todo a segunda parte de 2009) DEAD SNOW de Tommy Wirkola (uns rapaces van a unha cabana no medio dun bosque xeado e baten cun destacamento de soldados nazis –zombis por suposto-) ou a irreverente e magnífica curta KUNG FURY (2015) de David Sandberg que resúltame imposible facer unha breve sinopse sen que me tomedes por tolo ou consumidor de opiáceos.

Non tirades os cartos se ides as salas de proxección a gozar do filme a pesar da alongada sombra de Abrams na produción (trampas de guión típicas, xiros argumentais previsibles, secuencias repetidos doutros títulos de J.J.)  pero a lo menos non trata ao espectador por tonto e tal e como van as cousas ultimamente xa é moito.

E para rematar de maneira breve (nestas datas de Cineuropa, o tempo é un luxo do que non dispoño), o agardadísimo biopic dun grupo e dunha personaxe icónica do século XX, dentro da música popular e de masas. Falamos, da BOHEMIAN RAPSODY (2018) do case sempre moi brillante cineasta Bryan Singer que aproveita a benigna historia que escribe Anthony McCarten sobre Freddie Mercury e (na menor medida) o resto de membros do grupo QUEEN.

A banda de glam-rock británica ten unha auténtica lexión de incondicionais. Moitos deles, auténticos “true-believers” non quedaron moi ledos co filme. E de certo, non é tanto unha película para eles só, senón para a inmensa maioría que recoñece os seus principais “hits” pero que non soe escoitar as caras b dos vinilos.

É un filme ben resolto. Entretido, laudatorio na maior das partes da figura de Mercury e que dou por bo como produto cinematográfico ben logrado. Se quero rascar (e fágoo, por que algo pica mentres vexo o filme) é no actor Rami Malek e a súa dentadura (e a súa complexión física e a súa linguaxe corporal vai anos luz da que tiña a prima donna de Mercury). Téntao e as cámaras axudan nos enfoques, pero pásame o mesmo cando vin a nariz de Nicole Kidman na THE HOURS (2002) ou máis recentemente na papada de Gary Oldman na DARKEST HOUR (2017). Son actores imitando celebridades. Non funciona. Coma non ía cara adiante o Sampedro de Javier Bardem no MAR ADENTRO (2004) de Amenábar.

Teñen que ser actores descoñecidos para que sexan máis cribles?. Ou teñen que interpretar personaxes fantásticos coma a excepcional caracterización que fixo Ron Perlman no 2004 para o seu inesquecible Hellboy?. Eu teño unha opinión ao respecto e “coma alcalde deste pobo que son” ídela ler, pero non hoxe.

Marcho a fume de carozo para seguir gozando (case sempre) do Cineuropa compostelán. Mañá máis filmes. Vémonos.

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies
Social media & sharing icons powered by UltimatelySocial