Mandingo lévanos hoxe polo mundo dos trekkies coa segunda tempada de Star Trek Discovery

0

Moitos de vos preguntádesme se durante a semana vexo mais cinema do que na columna semanal do Xornal Lindeiros sacamos. A resposta é afirmativa. O que escribimos os venres é unha criba da ampulosa oferta que temos nas diversas canles audiovisuais. Para este fin da semana, recomendaremos algunhas series, Star Trek Discovery por diante, e advertiremos dunha película cunha certa saña.

E coma oferta vai ser case toda catódica, comezamos pola segunda tempada de STAR TREK: DISCOVERY (2017- ), serie da que xa falaramos na súa primeira sesión, con moito eloxio e situándoa dentro do Universo Trekkie, coma unha das mellores producións de sempre da franquía creada polo excepcional Gene Roddenberry, vai xa 53 anos.

Para esta segunda tempada, e despois de gozar dun dos mellores capitáns da Flota Estelar, como foi Gabriel Lorca, tan afastado do ideal filantrópico do que fan gala os Kirk, Picard e demais, recollemos o guante lanzado con ese memorable epílogo e aceptamos tódalas propostas que expoñen nunha nova liña argumental, que esquece a que xurdira coma orixinal reviravolta argumental mediada a primeira tempada e que non botamos na falla.

Para estes novos episodios, vai un novo inimigo, aínda que a sombra do Imperio Klingon segue a perseguir a irmá adoptiva de Spock, Michael Burnham (unha meritoria interpretación da actriz Sonequa Martin-Green), coma nota pedal na trama subsidiaria. Pero na realidade, os perigos aos que tense que enfrontar nosos heroes son dunha complexidade non moi ben resolta na súa parte final. É unha moi digna continuación, pero tanto o rival e sobre todo as explicacións da súa existencia e o resultado do enfrontamento derradeiro, son mellorables.

Pero tamén teñen acertos excepcionais coma homenaxe ao fandom primixenio na súa revisitación ao planeta Tanos IV que pareceume unha auténtica ledicia e que recoñezo soltei unha moi sincera exclamación acompañada dun sorriso de orella a orella. E por suposto, a presenza ¡por fin! do noso personaxe favorito de sempre, Spock, que leva cun grande mérito tanto na dicción coma no súa linguaxe corporal o actor Ethan Peck, neto do grande Gregory).

Todo isto é canon oficial da primeira Star Trek, a orixinal, por iso pido por adianto escusas por mesturar a liña narrativa primixenia coa liña temporal Kelvin que aborda unha curiosa para algúns e desafortunada para moitos mestura de universos, personaxes e situacións, coma as vividas nas longametraxes perpetradas por J.J. Abrams, pero para a crónica de hoxe e tentando abarcar o grande espectro de fans da Saga desenrolada por Paramount e CBS, van os seguintes párrafos.

A Flota Estelar, presenta as credenciais do capitán Christopher Pike, lendario oficial, que na cronoloxía estelar é o segundo líder da Enterprise (interpretado por Jeffrey Hunter, malogrado actor finado aos  46 anos, e que deixou unha inesquecible lembranza coma sobriño mestizo do Ethan Edwards máis odioso na memorable THE SEARCHERS (1956) do mestre de mestres, John Ford).

Para o fandom global, este capitán ten unha relevancia notoria por ser primeiro guía profesional de Spock e de George Kirk, pai do célebre James T. Kirk, ao que tamén xa co rango de almirante (Bruce Greenwood  no STAR TREK  de 2009) encarrila a vida profesional con aquel magnífico desafío a pé de pub: “nos 10 minutos nos que o seu pai foi capitán da Flota Estelar, salvou a vida de oitocentas persoas. Rétolle que supere iso”.

Para esta ocasión, Anson Mount convence case que por unanimidade aos siareirios da franquía apoderándose do carácter cunha mestura do humor que fixera de seu William Shatner e cunhas pingas da innata autoritas do Picard da nova xeración. Bo logro que case non vai repetir nas vindeiras fiestras abertas da Saga (ou non, que a resposta dos creadores da serie non é terminal e o fandom pesa moito nesta produción). Os motivos pola que súa presencia futura é cuestionable deixámolo para outros foros. Aquí imos concentrar os nosos esforzos en recomendar coma entretemento maior esta segunda tempada.

A risco de caer nos temidos spoilers, confiamos nun terceiro envite argumental sito 950 anos posteriores os feitos narrados. Veremos se aproveitan o primeiro “Anxo Vermello”, que antóllansenos o ideal para seguir coa trama ou céntranse no segundo, moito menos plausible. Gozarán da serie tódolos trekkies, pero tamén os que teñan querenza polas tramas que nacen da interacción entre especies e culturas. Canto fermoso da filantropía que coma especie non temos outra que aceptar e abrazar se queremos saír da cova, sobrevivir no Exterior e evolucionar no futuro máis esperanzador que Roddenberry levou cunha dignidade e amplitude de miras excepcionais.

E xa que falamos da Expansión da especie humana coma inherente a nosa supervivencia, paramos un intre para falar dunha das mellores series que gocei no presente ano e de seguro que estará na lista das mellores series que facemos tódolos anos ao remate do ano. As venturas e traxedias dun grupo de humanos que loitan por ser os primeiros que pisan o planeta Marte, é o fío argumental de THE FIRST (2018), unha das mellores creacións da compañía Hulu, especializada no xénero da Ciencia Ficción.

O creador de semellante triunfo é Beau Willimon, escritor moi pouco prolífico pero que estimamos polo escrito feito para George Clooney e o seu THE IDES OF MARCH (2011), os traballos para HOUSE OF CARDS (2013-2018)  e non tanto para MARY QUEEN OF SCOTS (2018).

Willimon presenta unha moi coidada historia onde as relacións entre os astronautas e os seus familiares previa partida cara o planeta vermello son o punto forte. De feito, vai un magnífico traballo dos personaxes, das súas motivacións e dos seus temores. Apoiado todo isto, ao igual co DISCOVERY do que xa falamos, por unhas calidades técnicas e interpretativas rozando a xenialidade.

Gozar do dominio na técnica dese actor chamado Sean Penn, contaxia ao resto do reparto e transmite unha abraiante credibilidade polos atrancos que ten que superar dentro e fora da súa casa.

Por desgraza, a serie non tivo o recoñecemento na audiencia (unha proposta dura, un drama sen concesións e non tanto unha aventura espacial) e os habituais as propostas de Hulu deixoulles un pouco desorientados. Pero non dubido que xa é para moitos unha serie das que chaman “de culto”.

Se filmes como ARRIVAL (2016) de Villeneuve, da que é moi debedora na súa estética e na ornamentación sonora ou a INTERSTELLAR (2014) de Christopher Nolan, filme cunha importancia tremenda no futuro da Hard Sci-Fi, foron do voso gozo, tedes que vela serie aínda que non teñamos oportunidade de gozar desa evolución no planeta veciño.

Unha mágoa a cancelación da segunda tempada pero moitas cousas peores van nesta vida coma por exemplo, ter que padecer filmes coma AFTER (2019) de Jenny Gage. Miña culpa de feito, pero esa cinefaxia da que moitas veces teño por gala fachendear, leva a sopapos coma esta trapallada hormonal adolescente, que segue a senda desas desfeitas narrativas que xogan coas virxinais mozas, bonitiñas elas, que non saben se liarse co morto cos dentes afiados ou co can “peito lobo”.

Pais que tedes fill@s nas idades propias deses cambios abruptos xeracionais tede coidado co que ven os vosos descendentes, obxectivos dun acerto sinxelo para todos eses sátrapas disfrazados de produtores ou candidatos políticos de dubidosa honradez.

O filme non merece máis liñas das que xa levo escritas, pero non entendo porque non vai un esforzo sincero en ofertar filmes ou series que traten con intelixencia ao target principal da audiencia as que van dirixidas. Os adolescentes, teñen cerebro señores do grande Hollywood e produtores de medio pelo patrios e foráneos. Non máis preguntas, Señoría.

Para pechar esta lixeira crónica de hoxe, a magnífica miniserie británica A VERY ENGLISH SCANDAL (2018) dirixida por Stephen Frears, cineasta ao que témoslle unha especial querenza por selo responsable dese triunfo nerd que foi HIGH FIDELITY (2000), cumio apoloxístico dos sufridos traballadores das tendas de música (instrumentos ou no caso, discos) que teñen que aturar neuras e tolemias dos seus clientes (outros nerds coma eles).

Frears ten unha sólida e reputada carreira no cinema e na televisión e leva con axilidade e mestría a recreación da historia real do Líder do Partido Liberal, Jeremy Thorpe e os seus demos internos que loitan por saír as luces da opinión pública.

Resumido desta maneira non fago moito favor, pero tampouco quero destripar moito máis a historia. Mellor é que gocedes co seu visionado (só tres capítulos concibidos dende unha perspectiva que muda dende a comedia ao drama policíaco e de xuízos), cunha formidable caracterización de Hugh Grant (por fin un salientable traballo, dun actor que estaba chamado a recoller a testemuña da elegancia innata dos Cary Grant ou David Niven, pero que por desgraza non é namorado da súa profesión, “o único polo que sego traballando dentro do Cine, é por que páganme dabondo para vivir o meu ocio como desexo”).

Quero chamar a atención da peculiar hipocrisía da elite social inglesa que non dubida en atacar comportamentos que no seu rancio ideario xulgan como aberrantes, pero que logo eles mesmos practican con delituosa voracidade, como depredadores  misántropos, insaciables na súa sede de poder, desexo e vinganzas. É unha característica por desgraza, expansiva no seu modelo e aínda que en latitudes máis cálidas os vicios poden parecer outros por desventura vémolos como réplicas nocivas. Nunca entenderei esa capacidade que ten o home para ser un  voraz esnaquizador para cos seus conxéneres…

Pero coma produción é unha moi coidada obra, moi selo da mellor BBC e que veredes nun abrir e pechalos ollos, previa xornada de reflexión cara a máis que vergonzosa xornada electoral do domingo 28 de abril. Unha data que ficará coma ignominia histórica no Estado Español e que sinalo co meu dedo acusatorio aos seus principais responsables, tanto a maioría dos medios de comunicación (que fanlle gratis as campañas electorais a aqueles que queren finar coa Liberdade de Expresión) e a maioría dos ¿responsables? políticos, exemplos perfectos do nivel de mediocridade ético-moral e intelectual que infesta tódalas capas da política desta mal chamada democracia (con minúscula, por suposto).

Coma diría Siniestro Total: “menos mal, que nos queda Portugal”.

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies
Social media & sharing icons powered by UltimatelySocial