Por raro que semelle, Mandingo coméntanos unha única película para esta semana, L’insulte de Ziad Doueiri. Preguntándolle se a escasez na cantidade vai no beneficio da calidade, fainos unha estrana mueca sorrinte arqueando as cexas. Ignoramos se é por que o título acontece a pena ou por que  lembrou ónde deixou as chaves do mini-bar. Saiamos de dúbidas…

O último filme do cineasta árabe-libanés Ziad Doueiri, L´INSULTE (2017), é unha desas singulares propostas que de cando en vez cáenos do ceo, coma refrescantes pingas de treboadas estivais. Cineasta que descubríramos na elegante e sutilmente sensual LILA DIT CA (2004) e que ten na poderosa THE ATTACK (2012) o seu mellor rexistro ata chegar a disfrutar do conflito entre dous homes de nacionalidades e crenzas antagónicas coma é o caso da produción de hoxe e que levou con moito mérito o recoñecemento no pasado Festival Cineuropa de Compostela.

Co-escrito á par coa (polo intre aínda a súa dona) guionista cristiano-libanesa Joelle Touma, o texto que traducen en imaxes e son, conta a historia das feridas sen curar dos últimos corenta anos no Líbano entre as diversas nacionalidades e relixións (ata dezaoito diferentes!) e as secuelas deixadas pola incruenta guerra incivil que tivo esa xoia de prosperidade que foi a “Suíza de Oriente” e que deixou unhas cicatrices que seguen a latexar de dor. De feito, o cineasta, tivo que soportar acusacións de sionista pola parte dos sectores máis radicais do seu país, e todo por tentar amosar ós diferentes puntos de vista que vai no seu fogar.

A escusa é a ofensa recibida a Toni, cristián seareiro do líder da ultradereita, por parte de Yasser palestino islamista; e a teimudez dos dous por non querer solucionar de forma sinxela un atranco que vai moito máis cunha simple cuestión de honra. Iso irémolo descubrindo conforme vaia medrando o filme, aumentando coma unha bola de neve conforme van interactuando máis personaxes na trama.

O multiverso de Beirut, onde cada arrabalde ten o seu singular sentimento de identidade  e coa diferenza excluínte socio-cultural e económica, é o trasunto real que aborda Doueiri. Toni leva o veleno da intolerancia enraizado no seu corazón, intoxicado polas soflamas nacionalistas, as arengas de odio ó diferente e Yasser, ante o delito de odio que escoita de boca do cristián, agrédeo fisicamente.

Todo complícase coa entrada no mundo dos tribunais de Xustiza, a súa amplificación nos medios de comunicación e o uso partidista que fan os corruptos políticos de turno para sacar tallada de toda esta leria. Ninguén quere escoitar ó outro. Todos queren que os seus berros cheguen ó máis alto. Os guionistas habilmente amosan un Estado podrecido ata os seus cimentos, que corrompe tódolos sistemas de produción do País do Cedro. Veciños e inimigos. Pais e fillos contracorrente, uns con discursos que os ven patrióticos, pero que outros traducen coma vingativos.

A causa Palestina, ten a súa propia “diáspora”. Ninguén, no fondo, os queren coma refuxiados. Como dí Yasser a súa muller, “somos os negros dos árabes”; e non vai desencamiñado, pero neste conflito que dura xa tantas décadas, ninguén é del todo inocente. Nin xordanos (a masacre do 71 naquel septembro negro), nin libaneses, nin israelitas, nin palestinos. Culpables?. Todos!. Dende ó Arafat cos seus zapatos de 300 dólares ata o último ultrasionista. E por querer contar unha historia así, Doueiri tivo que pagar un alto peaxe a nivel persoal. A intolerancia  de tódalas partes leva a imposibilitar unha cura das fendas que dende vai catro décadas corroe a sociedade libanesa. Ninguén ten o monopolio do sofremento. ¡Qué perigo para algúns lembrar as loitas fraticidas!. A guerra finou no 1990 pero non houbo unha reconciliación nacional.

O filme que propón Doueiri é unha ben intencionada obra sobre o perdón, o non esquecemento da Memoria Histórica. Produción que tenta amosar ó punto de visión “do outro” dunha maneira o máis aséptica posible. De querer construír pontes de entendemento e de aí o resultado final, que o vemos necesariamente coherente e balsámicamente optimista, aínda cunha excesiva teatralización herdada da rodaxe do xuízo.

Co-produción a varias bandas e países, cunhas calidades notables nos seus apartados técnicos (repiten a maioría de profesionais das súas anteriores películas), cun ritmo firme de nota pedal e unha escollida banda sonora, coa música de aberta á esperanza, de Eric Neveux, que encaixa na fotoxénica luz de Tommaso Fiorilli como anel ó dedo, coma se quixéramos ver sempre o carón brillante da vida.

En resumo, un filme tan necesario coma refrescante a hora de abordar ós conflitos tan lonxes e tan cercanos que van neses mundos do único Deus posible. O do amor ó próximo que diría o grande Bertrand Russell. O Humanismo altruísta, a xenerosidade, a ética, os valores morais… que elevan ó máximo exponente todo aquelo do que o ser humano é capaz de conseguir e que mellóranos coma especie.

E non só “naqueles” países.

Pero por desgraza, vivimos na época da banalidade. Do ensalzamento á ignorancia. Do aprauso ó vendedor de crecepelos… O día que chegue unha civilización alieníxena superior o planeta, sospeito que fuxiran a fume de carozo, sen botar a ollada tras eles.

E non os recriminaría.

Refuxiémonos no Cinema coma unha das derradeiras táboas de salvación. Por alí verémonos.

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies