Mandingo fálanos dunha serie moi especial, Disjointed

0

Para este luns 16 de xullo as propostas do noso crítico van dende a irreverencia catódica do último proxecto do Rei Midas da pequena pantalla, o polo xeralmente lúcido Chuck Lorre, Disjointed; un filme serbio dun futuro moi cercano, tau.  e para rematar, o primeiro filme dun superheroe da Corea do Sur, Psychokinesis.

O creador de series tan exitosas como as divertidas TWO AND A HALF MAN (2003-2015) e THE BIG BANG THEORY (2006- ), o polifacético Chuck Lorre, recrea en Disjointed, xunto a David Javerbaum (guionista de moitos late night show para David Letterman, Jon Stewart ou James Corden), a ficticia vida da lexendaria activista Ruth Whitefeather Feldman, impecablemente interpretada pola grande actriz Kathy Bates, a nosa quebranta nocellos favorita.

Ruth, leva unha tenda de venda de marihuana medicinal (sempre baixo receita) e artigos relacionados co consumo de dita herba (pipas, cookies, revistas…) na cidade de Los Ángeles; xunto o seu fillo Travis e unha miscelánea racial de empregados (xa sabedes que nas producións audiovisuais estadounidenses, teñen a obriga sindical de cubrir a cota das diferentes singularidades que vai na sociedade dos EE.UU.) que semellan a versión actualizada dos tenderos nerds da excelente CLERKS (1994) do que estaba chamado a ser o neno prodixio do cinema indie do fogar do Trump.

A serie, que vai pola segunda tempada, a razón de dez episodios (de só 25 minutos cada un) é a perfecta sit-com co selo Lorre. E iso, non é sempre un acerto. Lorre, ten a teima de meter risas “enlatadas”, que se xa eran cousa moi velluna cando inventáronse (foi o sátrapa Bill Cosby o inventor delas ou dámoslle a paternidade a Charley Douglass?) e que na actualidade non semellan necesarias cando o texto ten o suficiente talento cómico e que molestan cando o gag visto non fai graza.

DISJOINTED (2017- ) é unha serie que mestura intres cómicos e outros máis serios coma a MOM (2013- ) do propio Lorre, pero que non chega a emocionarnos de cheo. Hai secuencias divertidas (sobre todo as idas de pota que ten o xenio das sementes Pete -que é un trasunto do Sheldon que tantas gargalladas provoca o xenial cómico Jim Parsons-, ou o rol do patán ignorante Tae Kwon Doug –ben interpretado por Michael Trucco- e que semella o Johnny Lawrence do ximnasio Cobra Kai que despois de perder a final no combate que tivo co Daniel no THE KARATE KID (1984), non aprendeu nada da vida e segue a facelo pailán).

Os episodios vense con facilidade, pero teño que recoñecer que a pesar da boa predisposición que tiven, pareceume moi desigual nos desenrolos narrativos das distintas personaxes. Coido que é unha produción que pode dar moito máis de seu. Vexo unha oportunidade perdida coma trataron o trastorno post traumático do ex-marine Carter e aínda que as paranoias que ten levan un moi bo traballo de animación que rozan a pura arte visual, podían profundizar na ferida invisible que moitos soldados teñen a volta da Fronte.

Agradécese a seriedade coa que toman o breve romance entre Ruth e Walter (qué ben volver a ver o actor Peter Riegert!, vénnos á mente a súa memorable interpretación na fermosa LOCAL HERO (1983) de Bill Forsyhth) e cánsanos un pouco a parella de fumetas Dabby e Dank; excesivo histrionismo que incomoda no devir da serie; caricaturizando aos consumidores coma se duns Cheech e Chong hiperacelerados se tratara (e que por certo fan un divertido cameo nun capítulo).

O que máis gozo (e que por mágoa, apenas explotan ese filón) é cando tentan falar do Movemento  que xurdiu nos Sesenta pola legalización do consumo da “maría”. Eses hippies crían que o Mundo podería evolucionar para mellor dende a perspectiva do consumo. Coma ben di Ruth a unha muller hastiada da súa aburrida vida co seu esposo e os seus fillos, “non fumes por querer soportar mellor os teus. Faino para trocar a percepción que tes deles”. Isto que pode ser tomado coma unha parvada, lévano moi en serio figuras históricas moi destacadas desa loita.

Non fan “bandeira” na serie e persoalmente, non son experto na materia, pero as posibilidades que ten todo o relacionado co cultivo do cáñamo son case inesgotables, dende facer o papel onde escribiuse a Constitución dos EE.UU. ata facer roupa e alimentos sen THC (imos, aptos para o consumo ordinario). Pero esa é outra historia, para outro foro.

E coma últimamente estamos a revisar filmes de latitudes ben curiosas, hoxe toca falar do filme serbio TAU (2018), distopía cercana a pouquiño que nos despistemos e que chamou a atención deste, o voso humilde contacontos, é por que foi o primeiro traballo de Gary Oldman, tras gañalo Oscar pola papada que levou na DARKEST HOUR (2017). Presta o seu innegable talento na voz, para darlle espiritualidade a Tau, a curiosa I.A. doméstica do xenial científico Alex. Algo así coma unha domótica todopoderosa e que xa víramos noutras producións coma a irreverente e magnífica FUTURE MAN (2017) -o episodio onde asaltan a mansión do cineasta James Cameron- ou a terrorífica computadora da curiosa DEMON SEED (1977) de Donald Cammell.

E iso é o mellor que podemos dicir do filme. Historia moi liviana, que xoga co tópico do “inventor tolo” que somete a experimentos tortuosos coma un Mengele calqueira, a mozos sen fogar ou que sobreviven baixo o limiar da pobreza. Cobaias humanas polas que ninguén botará en falta. O tolo xenetista ten escusa. Se consegue triunfar no seu deseño, levará prosperidade e curación a Humanidade, aínda que teña que sacrificar algunhas pezas “prescindibles”.

Onde si luce a película e no deseño de produción, escueto polo orzamento, pero moi ben levado polo veterano Miljen Kljakovic, responsable de moitos dos filmes do cineasta Emir Kusturica, como tamén é de mérito a edición de Scott Chestnut, que lembramos polo moi bo traballo no ROUNDERS de 1998. A fotografía, e non era especialmente árdua labor, si que pasa con máis magoa; cárgame no exceso querer sobresaturar de azuis case negros, para dar impresión (errada a todas luces) de clautrofóbica prisión. Algo que o seu responsable, o non sempre comedido Larry Smith xa fixera na ONLY GOD FORGIVES (2013).

Frouxiña de car… ámbanos.

E para rematar a crónica de hoxe, abordamos a polo de agora, derradeira película de Sang-ho Yeon, autor da moi orixinal TRAIN TO BUSAN (2016) que sorprendeu ós fans do sub-xénero de filmes de zombis cunha electrizante historia de fuxida e supervivencia tras unha praga contaxiosa de xantadores de cerebros e vísceras humanas. Cando parecía que xa estaba todo inventado no universo creado polo grande George A. Romero, o surcoreano sorprendeunos a todos.

Ben por él.

Pero, ¡claro!, non te podes quedar durmido nos loureiros e pensar que tes unha varita máxica e con facer “chas” sae un bo guión. PSYCHOKINESIS (2018), filme no que ó igual que TRAIN TO BUSAN (2016), tamén asina o guión é unha moi naiff e edulcorada historia de loitas entre humildes traballadores que non aceptan a extorsión da construtora de turno para deixar os seus negocios e poder facer así un “Pocero” urbanístico.

Aínda que a longametraxe tenta nos seus diálogos meter unha suposta loita reivindicativa e de denuncia fronte aos lobbies megacorporativos e o silencio cómplice da Administración gubernamental, o certo é que tales nobres propostas dilúense coma un CSM-101 na forxa líquida duns Altos Fornos.  Yeon non atina a presentarnos un filme de superhéroes -o pai da protagonista inxire auga “contaminada” e cobra superpoderes mestura entre THE GREATEST AMERICAN HERO (1981-1983) e o Neo de MATRIX (1999)-, nin tampouco unha película de ton político coma as sufridas polo plúmbeo Godard, que non aprendeu nada do seu colega Costa-Gavras. Tampouco logra a risa ou o sorriso cómplice da parte que supostamente é comedia. Moi mal ganduxada. Nin arre, nin soh!. Fai unha mesturaxe absurda de xéneros que non casan nin poñendo tódalas boas maneiras posibles.

O cinema surcoreano (coma refrexo do conservadurismo arcaico que aínda vai na súa sociedade civil) non ten termo medio. Ou acerta de cheo coma nas memorables OLD BOY (2003) ou SEOM (2000) ou fracasa con estrépito coma a gratuitamente ultraviolenta I SAW THE DEVIL (2010). Nesta ocasión da vergoña allea a pouca profesionalidade na produción, con erros na montaxe clamorosos, nos tempos narrativos e anemia no desenlace final. Unha grande decepción dun director e o seu equipo, que fixeron todo o contrario o que asinaran no súa ópera prima, a xa mencionada TRAIN TO BUSAN (2016).

Inexplicable coma puido saír adiante este proxecto e ter os arrestos de exhibilo por aí adiante. Sóame coma as Campás de Bastabales. Tolón, tolón!.

Para dentro de sete días esperamos poder falar moito mellor das visionadas nesta semana que comeza, especialmente dunha que ten moi boa pinta; MARY SHELLEY da cineasta saudí Al-Mansour. Xa vos contarei.

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies
Social media & sharing icons powered by UltimatelySocial