“As películas tocan os nosos corazóns, espertan a nosa visión e mudan a maneira de velas cousas.  Lévannos a outros lugares. Ábrennos as cancelas e as mentes. As películas son as lembranzas da nosa vida. Temos que seguir coa vida”.-  Martin Scorsese.

Director, actor, produtor, guionista, historiador, conservador-restaurador fílmico, documentalista, filántropo, cinéfilo a nivel enfermizo, todo isto e máis é Martin Scorsese. Recén premiado co Princesa de Asturias das Artes por ser “un dos cineastas máis destacados do movemento de renovación cinematográfica nos anos setenta do século XX, pola trascendencia da súa labor creadora e por manterse activo na actualidade sumando na súa obra, con mestría, innovación e clasicismo”, son as motivacións esgrimidas polo Xurado do Premio, que desta vez, acerta de cheo e case semella que a honra recae máis no propio galardón que no premiado, tal é a envergadura artística desta lenda da Sétima Arte.

Nado no 1942 no Queens da violenta Nova Iorque, o cativo Marty, asmático, tímido e introvertido tivo unha infancia alexada das perigosas rúas nas que non podía xogar pola súa enfermidade respiratoria. Pertencente a unha familia de clase traballadora e de profundas conviccións católicas, tivo no cinema e na televisión unha fiestra de fuxida coa que descubrir outras realidades. “Ata a miña chegada o Seminario, crecín dando por feito que nunca chegaría a nada. Iso para un neno coma min, foi un trauma duro de levar”, diría moitos anos despois.

Atrás quedan as miles de horas dedicadas a descubrir filmes de tódolos xéneros e orzamentos. Na súa xuventude fagocitaba calquera produción que tivera a posibilidade de visionar, pero xa por aquel intre co ollo crítico e a precocidade de diferenciar as distintas calidades. Esa é a época no que descubre os filmes da dupla Powell-Pressburger (o cineasta segue a considerar THE RED SHOES (1948) coma un dos mellores filmes da Historia) e o legado do grande John Ford ou da violencia explícita de Sam Fuller.

Xa na adolescencia queda impactado polo neorrealismo italiano. No seu documental IL MIO VIAGGIO IN ITALIA (1999) cóntanos coma filmes coma PAISÀ (1946) ou LADRI DI BICICLETTI (1948) e directores coma Antonioni ou Fellini trocarían significativamente a forma de vela vida. Logo chegaría a Nouvelle Vague e o rupturismo formal a hora de contar unha historia, os traballos de Godard “que influíu a tantos cineastas posteriormente, incluso a aqueles que nunca viron un título do suízo”; confesaría con sincera emoción.

No primeiro ano dos seus estudos para crego, ten a epifanía de saber que a súa real vocación é ser cineasta. Está xa terminalmente enfermo de todo o que teña que ver co cinema. Deixa o Seminario e ingresa na Universidade de Nova Iorque no 1960 para estudar cinema. Fai unha serie de curtas que teñen un certo recoñecemento local e iso anímalle a rodar a súa ópera prima WHO´S THAT KNOCKING AT MY DOOR (1967), produción caótica que non réstalle folgos no seu obxectivo vital. Tres anos despois traballa coma editor no documental WOODSTOCK de Cassavetes, figura trascendental do cinema independente. Fan amizade e o director de SHADOWS (1959) convértese no amigo e mentor. Por esas datas, De Palma preséntalle un veciño do barrio, un tal Robert de Niro.

Roger Corman, outro dos grandes popes do cinema de baixo orzamento, prodúcelle o drama BOXCAR BERTHA (1972). Tanto o Cassavetes coma Corman, insístenlle na necesidade de dirixir filmes que realmente queira facer. E chega o intre de contar unha historia que viu moitas veces nas rúas e que amplifica co seu propio imaxinario de violencia sanguinolenta, culpa e redención. Cunha rodaxe de cámara en man, montaxe asincopado (aínda non estaba por ali a grande Thelma Schomaker) e unha B.S.O. de cancións contemporáneas, MEAN STREETS (1973) é a patada na porta que consegue sorprender á moi influínte crítica Pauline Kael, que grazas ao moi positivo artigo que fai sobre o filme publicita enormemente a súa estrea.

Coarenta e cinco anos despois, Scorsese segue a manter o pulso creativo firme e nos vindeiros meses brindaranos o seu último proxecto, THE IRISHMAN biopic do sindicalista Hoffa e mais do seu “amigo” Frank Sheeran, agardadísima producción que xunta os actores De Niro, Pacino, Keitel e Pesci; case nada donas e cabaleiros.

Representante activo da “Xeración que mudou Hollywood” (Peter Biskind dixit no seu memorable MOTEROS TRANQUILOS, TOROS SALVAJES, ED. Anagrama), o complexo, retorto e caótico mundo interior do cineasta vese representado maiormente na súa filmografía. Non todo foi un camiño de rosas na súa carreira. Lonxe quedan xa os meses posteriores o seu batacazo co filme NEW YORK, NEW YORK (1977). Scorsese viña de triunfar coa memorable TAXI DRIVER (1976) e coma todo bo cineasta que se preze, asume o reto de filmar o xénero cinematográfico por excelencia, o Musical, pero os mimbres usados dan para un mal cesto.

Coma dicíamos, o cineasta cae de cheo no abismo das adiccións máis salvaxes e a piques vai de rematar coa súa vida. É De Niro o que, literalmente, salva a súa vida. Convéncelle para dirixir a vida e labazadas de Jake La Motta, a obra mestra atemporal que é RAGING BULL (1980), filme capital e único na Historia do Cinema. Arte máximo que eleva a enésima potencia dentro do Olimpo fílmico o xa grande cineasta. Reinventa o subxénero puxilístico con complexos planos, metendo a cámara coma actor dentro do propio cuadrilátero. Usa a técnica da “slow motion” para hiperviolentar as secuencias de loita, distorsiona a perspectiva, acentúa a contraste branco e negro nun prodixio técnico na fotografía e na montaxe, perfectamente ensamblada coa memorable B.S.O. É a derradeira grande película do Cinema Clásico estadounidense. Scorsese, anos despois contaría que durante a rodaxe tiña o convencemento de que sería a súa derradeira película. Que nunca xamáis podería voltar os Estudos de rodaxe e por iso volcouse coma nunca no proxecto. Se só fora por ese título xa estaría dentro do máis selecto da súa profesión, pero aínda quedaría moito máis por ofrecernos.

Nesta década roda a magnífica AFTER HOURS (1985), comedia negra moi atípica na súa filmografía pero que a nivel persoal significa o rexurdimento coma cineasta total. “Tiña a necesidade de embarcarme nun proxecto de aparencia menor, pero que dábame a posibilidade de xestionar a produción de maneira absoluta, de volver a ter o control das rendas, de asir ben as bridas”, afirmaría tempo despois sobre a rodaxe do filme.

Nos oitenta, en plena efervescencia creativa, aínda tería tempo para dirixir a secuela do filme THE HUSTLER (1961) de Robert Rossen, que daríalle o Oscar a Paul Newman coma mellor actor e proporcionaríalle un enorme éxito económico que permitiríalle filmar un dos seus proxectos máis persoalísimos, THE LAST TEMPTATION OF CHRIST (1988), filme que levoulle cinco anos de voltas e reviravoltas, de tormentos e poucos éxtases. Coma bálsamo para as dores de testa no ano seguinte participa no tríptico NEW YORK STORIES, coa mediometraxe LIFE STORIES, notable conto de amor imposible entre a ninfa Arquette e o rudo Nolte.

A década dos noventa é a de madurez e dominio do auténtico mestre do cinema estadounidense e de poder reinterpretar vellos clásicos. GOODFELLAS (1990) completa a moderna trinidade do cinema de gangsters xunto a THE GODFATHER (1972) de Coppola e MILLER´S CROSSING (1990) dos irmáns Coen. Volverá ó xénero coa  notable CASINO (1995), pero lonxe de encasillarse replantea o CAPE FEAR do 1962 nun triscadelo ó THE NIGHT OF THE HUNTER (1955) no remake de 1991. Xa posuidor dunha técnica orixinalísima e de marca rexistrada, atrévese co cinema romántico na THE AGE OF INNOCENCE (1993), homenaxe ó IL GATTOPARDO (1963) de Visconti ou tamén á moi censurada THE MAGNIFICENT AMBERSONS (1942) de Welles. Xa no peche da década, dalle tempo para reinventar a personaxe de Travis Bickle na súa moi infravalorada BRINGING OUT THE DEAD.

Co cambio de século, este ilusionista subversivo, politicamente incómodo na súa iconoclasia toma a vida con máis tranquilidade. Profesional xa consagrado e recoñecido, o selo de autor dalle a posibilidade de asumir proxectos de elevados orzamentos con mellor fortuna -THE AVIATOR (2004) ou THE DEPARTED (2006), aceptable remake do orixinal thriller coreano INFERNAL AFFAIRS (2002) e único Oscar coma Mellor Director que, polo de agora ten,- ou peor sorte coma a recortada GANGS OF NEW YORK (2000) na que o cineasta votou fume polas orellas ante as manipulacións do sátrapa Harvey Weinstein.

Na presente década ten forza para xogar a ser Hitchcock no SHUTTER ISLAND (2010), reinventarse na fantasía de HUGO (2011), “a razón pola que dirixín HUGO, é por darlle unha película a miña filla Francesca; nunca fixera cinema infantil”. Lograda produción que rende culto e amor a un dos maiores xenios que deu o cinema; o grande Georges Méliès. No seu filme THE WOLF OF WALL STREET (2013), lémbranos a ese cineasta salvaxe da súa primeira etapa e asina un dos seus mellores traballos; pero coma sempre, vira totalmente de liña creativa no seu posterior SILENCE (2016), obra longamente aprazada e que despois de máis de trinta anos, pode rodar no Taiwan.

Con 75 anos, ten sobre a mesa de traballo contar as vidas e milagres de personalidades tan dispares coma George Washington, Mike Tyson, Bill Clinton, Sinatra, Theodore Rosevelt ou do grupo THE RAMONES, por que a música e outra das súas grandes paixóns. “Coido que a música e a máis pura forma da Arte. Consigue inspirarme a niveis que outras disciplinas non chegan”. É a súa opinión, pero eu non a troco pola súa obra.

Martin Scorsese, probablemente é o cineasta dos últimos cincuenta anos con maior porcentaxe de boas películas na súa filmografía e de seguro un dos que máis influí nas vindeiras xeracións de cineastas de todo o mundo; e coma sobremesa a este rendido homenaxe, vaia a nosa gratitude pola súa obra e pola labor de preservación e divulgación de filmes clásicos que codirixe desde 1990 na THE FILM FOUNDATION e no 2007 coa WORLD CINEMA PROJECT.

Grazas, mestre.

Share.

1 comentario

  1. ¿Podería ser Tarantino un dos herdeiros directos do seu cine?. Polo menos no aspecto visual, digo.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies