Coma vai sendo tradición, Mandingo acudiu a estrea do último episodio da Saga das Sagas, e co seu ollo virollo analiza os pormenores  fílmicos de THE LAST JEDI. A ver qué parécevos o lado máis “nerd” do noso plumilla.

A “magnum opus” que creara George Lucas vai corenta anos, mudou a maneira de entendela á arte cinematográfica coma non só unha mera transmisora de emocións senón tamén coma un abraiante negocio para a industria audiovisual. De feito o termo “blockbuster”, algo así coma “taquillazo”, creouse por ese título. As colas para velo Episodio IV, daban a volta a mazá, chegaban ao bordo da beirarrúa, irrompían no asfalto e seguían no seguinte bloque de edificios. O nunca visto.

E este é o punto número un. A cuestión económica.

A Lucas, levoulle case dous anos perfilar o guión do Episodio IV. A pesar do seu éxito anterior, a nostálxica AMERICAN GRAFFITI (1973), non conseguía vendela historia a ningún estudo. Os directivos das majors, ancorados nas vellas fórmulas do Hollywood dorado, nin creían no proxecto, nin estaban preparados para avalancha de rompedor talento que ía a piques de estalar.

Este é o punto número dous. Un fermoso conto por narrar.

A tremenda innovación técnica nos efectos especiais e a colosal imaxinería nos deseños da arte, supuxo unha conmoción visual que inda hoxe, perdura nos recordos do fandom máis fiel. O seu realismo, o Universo “gastado do uso”, vai cercano o viaxe dos nosos protagonistas. Lonxe queda esa ciencia ficción sen mácula. Nomes coma, por exemplo, Ralph McQuarrie, Douglas Trumbull ou Ben Burtt son hoxe en día, lendas do Cinema.

A tripulación técnica do filme é o punto número tres.

O filme comeza co xa famoso texto introdutorio e o memorable “Main Title” de  John Williams (grazas eternas pola súa obra, xenio). E a presentación dun dos mellores vilanos disfrutados na grande pantalla. Darth Vader, Lord Sith. E o seu carón, o mítico Alec Guinness, mestre de Jedis. Con eles, corretean un trío de novos actores chamados a poñer patas arriba o “star system” hollywoodiense. Só un o conseguiría. O icónico Harrison Ford.

E istes son os puntos catro e cinco. A memorable partitura e o triunfo do brilante reparto artístico.

Pois ben, exceptuando o derradeiro esforzo de Williams por autohomenaxearse, nada disto hai no Episodio VIII. Nada, agás a “caixa” que vai facer o filme, claro.

A obsesión de Kathleen Kennedy, J.J. Abrams e os seus palmeiros por enfangallar ó legado de Lucas, borralo, trituralo e esnaquizalo coma unha miñoca calquera, só é digno de admirar para os ollos dos contables que dirixen a Industria Cinematográfica estadounidense, e moi especialmente, The Walt Disney Company a xerme da futura Wallace Corporation da formidable BLADE RUNNER 2049 (2017) de Denis Villeneuve. E se non, ao tempo.

É moi lícito querer gañar cartos cos filmes. É necesario, de feito. Pero non esquezamos que o cinema conta historias. E imprescindible un guión. Coñecer cara onde vai o discurso narrativo. E non digamos xa, se falamos dunha triloxía. Se no Episodio VII sufrimos unha copia mal feita de A NEW HOPE e vimos a felonía de matar o noso paladín (nunha “space opera”, nunca, nunca, NUNCA, debe morrer o heroe), neste novo título quedamos mudos coma paspáns pola simpleza narrativa, a baixa calidade das motivacións dos protagonistas e a inexistencia dunha trama argumental. O escrito de Rian Johnson é unha burla considerable. Antóllaseme case coma improvisado, e de feito, saber que o director non tiña nada escrito ata vai ben pouco (para o tempo que precísase para elaborar un bo texto), redunda na idea que temos agora mesmo do que pode dar a franquicia no futuro. “Non importa a onde imos. Ti sigue disparando que eu non levanto o pé do acelerador. Malo será que non cheguemos a  algún lugar.”

O innecesario e gratuíto quebrantamento cos derradeiros vínculos emocionais da Triloxía Orixinal, aparta de malas maneiras ó siareiro máis fiel (ese mismo que mantivo con vida a Saga nos anos baleiros de películas) e aposta por un novo fan, que DISNEY pensa que non para a valorar unha boa historia. Que, nesta nova época, coas redes socias palpitando coma cabalos desembocados,  a información da que dispoñamos sexa de consumo inmediato e non reflexiva, inflúe, por desgraza, na forma que teñen os grandes estudos a hora de facer filmes. Neste tipo de producións, o prioritario é, desenrolar as catro ou cinco secuencias espectaculares (que por certo, por vez primeira na Saga, non hai ningunha que mereza a pena destacar, incrible pero certo) e logo unilas cunha mínima costura aderezada por diálogos supostamente cómicos ou inxeniosos.

Que os tempos son malos para a lírica xa o cantara Coppini vai uns cantos lustros, pero que intencionadamente fáganse mal as cousas, parecíame máis propio do noso país que de terras supostamente admirables na hora de PRODUCIR cinema. E resalto isto, por que pódese discutir os valores artísticos máis ou menos, pero é incrible que con tódolos recursos económicos dos que dispón a compañía do rato (inabarcable os títulos finais de crédito. Nunca na miña vida vin tal cantidade de empregados nos aspectos visuais e dixitais) non sexan capaces de presentar un produto cunha calidade técnica sinxelamente única e espectacular, á altura de LUCASFILM. Lembro no ano 1999, que cando sufrimos THE PHANTOM MENACE, polo menos puidemos abraiarnos polo excelso nivel dos CGI.

Sento envexa por todos aqueles que disfrutan dos novos filmes da franquicia e aínda que ROGUE ONE (2016) foi unha marabillosa sorpresa, non albergo esperanzas de recuperación no Episodio IX, algo que sí mantiña nas anteriores películas, coma unha extensión (sorprendentemente lonxeva) da miña nenez. Ao menos, quédame o consolo de non presenciar máis funestas e absurdas eliminacións. Xa o dicía o xeneral MacArthur: “os heroes non morren, desaparecen co tempo”.

Agora queda por ver coma a colosal maquinaria do merchandising disneriano inúndanos (tal e como observa un bo amigo) co anel co logo da Alianza Rebelde ou cos bonecos de peluche, deses bichos noxentamente encantadores chamados “porg”.  Coma vexa algún deles, voulle copiar a receta ó Chewbacca, e fágoos ó espeto.

Manteñamos a esperanza en James Gunn e os seus guardiáns da galaxia, en especial a de 2014, unha das mellores “space opera” xamáis filmadas e crucémolos dedos por ver si Josh Whedon consigue sacar adiante o proxecto dunha nova película dos rapaces que tripulan a Serenity.

Hai vida no Fantástico e na Ciencia Ficción máis alá de STAR WARS, é certo; pero doe ver no que se está a converter o soño único e persoal do noso admirado (a pesar dos seus tropezos), George Lucas.

May The Force be with yours.

Share.

1 comentario

  1. Guau!!! Demoledora. Una auténtica “wrecking ball” a los cimientos de la nueva trilogía. Es efectivamente alarmante la debilidad argumental de esta nueva entrega. Personalmente creo que lo peor de todo es el personaje de Luke y su relación con Ray, lo que precisamente debería unir las distintas generaciones de fans presentes y pasados. Una pena

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies