займ срочно

Estreamos novo día para ler o que Mandingo ten por bo recomendarnos para este fin de semana. Neste caso, unha ollada a película que desde os Países Baixos Holanda presenta á preselección de candidatas ao Mellor Filme de Lingua Estranxeira nos vindeiros Oscar do 2019 e unha serie que fará as ledicias de tódolos incondicionais da saga THE KARATE KID, especialmente da primixenia do 1984.

Os Países Baixos probablemente sexan na Europa actual o Estado máis tolerante, progresista e avanzado de todo o Vello Continente. Froito desa herdanza calvinista, os seus cidadáns e os seus dirixentes teñen por boa costume traballar con miras a mellorar a súa Sociedade. E cando iso non ocorre, non teñen medo a denunciar ou castigar con oprobio e vergoña pública aos responsables das malas práxis. Dan por feito que os seus impostos van parar a bo porto e xa dende tempos do emperador Carlos V, a súa rede bancaria e das máis potentes que poidan existir.

Toda isto vai a conto para falar da excepcional obra de enxeñería financeira que os irmáns Van Hall idearon durante a ocupación nazi, para poder financiar absolutamente todas as actividades da Resistencia holandesa, dentro e fora das súas fronteiras. BANKIER VAN HET VERZET (2018) conta a complicidade de ducias de empresas que prestáronse a “lavar” inxentes moreas de cartos e incluso a estafar ao propio Banco Central de Holanda.

Aínda que no filme todo ese transvase de fondos está considerablemente simplificado tanto nos feitos reais coma no desenrolo narrativo -e que vemos coma un fallo de desidia, coma de tirar polo sendeiro máis sinxelo, de non querer acadar cotas máis altas de complexidade no guión- a película ten un bo pulso no seu tempo chegando, por intres, a secuencias cunha certa forza emotiva (ese cruce de trens que aparta as olladas de vergoña allea, de culpa pola inacción dos nativos, de concienciar ás xentes de “algo temos que facer”). Xa o di a esposa de Walraven: “Non quero que o fagas, pero tés que facelo”.

E aquí chegamos ao punto de resaltar todo o mellor da condición humana coma contrapunto do peor do que é capaz de facelo Home, coma animal que devora con pracer a súa especie. De como seres ordinarios son capaces de facer cousas extraordinarias. De ir moito máis alá da obriga ética. De non aceptala imposición da intolerancia, do odio, da irracionalidade do fanatismo máis ignominioso. De dicir, “¡basta xa!; non imos quedar parados cos brazos cruzados. Actuaremos por moitos sacrificios que leve e por moitas dores que aconteza sen importar o prezo a pagar por moi alto que sexa”. Heroísmo puro que non entende de nacionalidades, crenzas ou cores na pel.

Filme con inmellorables boas intencións, pero que non aposta pola épica dos feitos coma Spielberg é mestre en mostrarnos nas memorables SCHINDLER´S LIST (1993) ou THE POST (2017). Thomas Van der Ree, asina un guión moi aséptico na liña dese outro que brindara ao director Pieter Kuijpers para recrear unha das grandes desfeitas que leva Holanda con pesar, no biopic doloso RIPHAGEN (2016), pesadelo histórico sobre o traidor e colaboracionista holandés que tantas familias xudías traizoou aos nazis.

Van der Ree xunto a Marieke Van der Pol, danlle un texto pulcro o cineasta Joram Lürsen, que traduce nunhas imaxes que non queren enfrontarse a crúa realidade das torturas. Aposta por levar da man ata o epílogo final onde o espectador pode dar cumprida homenaxe nos títulos de crédito derradeiros que aproveitan para contar as sortes dos principais personaxes e que aforra tempo, traballo e empaque visual. Unha mágoa, por que esta historia, noutros talentos, daba para unha audiencia compunxida, sen caer na bágoa fácil.

Hai un certo empaque a obra menor coma de produción axustada no exceso, ós orzamentos. Que xoga entre o cinema independente e o “d´auteur”, pero que non arrisca nin por un nin polo outro. Vese doadamente e as dúas horas de metraxe non pesan; pero este filme tiña que emocionar, remover as conciencias, de bater os puños nas bancadas. E non. Non vai por ai.  Unha pequena decepción, non por que non supere o corte de mínimos senón por que agardábamos que tocara o teito de máximos.

Pero para recuperar folgos ao nivel “King of Nerds” aquí vai unha das series máis sorprendentes do ano, pola que non dábamos un pataco e que sorpresa total, vai camiño de ser unha referente para o fandom oitentero e para os seus asombrados fillos.

Falamos de COBRA KAI (2018), creación de Jon Hurwitz e Hayden Schlossberg, sospeitosos escritores das historias de Harold e Kumar (os fumetas colgados que tentan seguila senda dos míticos Cheech e Chong Marin) que por fortuna teñen a impagable axuda nos escritos de Robert M. Kamen, pai primixenio do THE KARATE KID (1984) e das súas secuelas.

A primeira tempada (anunciada oficialmente está xa a segunda para o vindeiro ano), consta de dez capítulos de entre 25 e 35 minutos por episodio que sinxelamente, devóranse un tras outro sen importar parar para xantar, ir traballar, invadir Polonia ou facer augas maiores.

Vou facer unha excepción dende que fago as críticas para o XORNAL LINDEIROS e a risco de que moitos de vós paredes a lectura nas seguintes liñas, vou contalas miñas impresións usando os temidos e malditos spoilers, por que non vexo outra maneira de recrearme no gozo que tiven durante o visionado desta produción que a canle YouTube (outra vaca no millo que quere entrar no servizo do streaming doméstico) ten por bo ofertar.

Johnny Lawrence, ó rapaz que perde a final contra Daniel LaRusso, segue sendo un looser na actualidade. Desempregado con querenza por empinalo cóbado a calquera hora do día ou da noite, arrastra os seus fracasos profesionais e persoais coa nota pedal autoexculpatoria que xurde daquela liorta de 1984. Pola outra parte, LaRusso é un empresario de grande éxito, cunha familia feliz, solvencia económica e todo ese grande soño americano conseguido coma dun anuncio do “american way of life” propio da década dos Cincuenta tratárase.

Coma a vida da moitas voltas, os seus destinos volven topar directa e indirectamente. Agora non están so eles. Tamén teñen fillos que interactúan entre eles, agachando vinganzas, segredos e anhelos. Todo ben ganduxado e con recorrentes homenaxes nostálxicos o primeiro filme (pero sen caer na sensiblería máis ñoña, todo o contrario; respectando a lembranza case máxica do fandom da saga).

Sen dúbida o maior achado é presentar a Lawrence coma o personaxe central da historia. Segue a ser un pailán máis bruto cun porteiro de discoteca de Escornabois, pero conforme avanzan os episodios descubrimos que o fulano non sempre foi así. De feito sen el sabelo moi ben, remata por abrir o novo dojo Cobra Kai onde imparte o seu peculiar maxisterio os nerds e loosers do instituto.

E LaRusso, que pensa que segue a ser un bo rapaz (eterna a apócema máxica da xuventude de Ralph Macchio que vai polos 57 anos) métenlle goles ós seus achegados de cando en vez. A volta de torca argumental é magnífica. Resulta que sentímonos máis pretos do besta de Johnny que do “chico do karate”. Pero tamén é certo que vai un repunte nos derradeiros episodios para equilibrar a famosa balanza nos nosos sentimentos coma diría o bo do mestre Miyagi. Son continuas as chiscadelas que fan na serie a historia de vai xa ¡34 anos!. Incluso a súa B.S.O. recupera composicións inéditas da que fixera Bill Conti.

Hai moito dos Oitenta na serie e penso que na grande parte débese ó grande éxito que tivo a primeira sesión de STRANGER THINGS no 2016. Serie que está a provocar un auténtico “revival” a todo aquelo que cheire a cintas no pelo, chupas de coiro con hombreiras –meu Deus, ¡qué despropósito!-, múltiples permanentes capilares responsables do burato na capa de ozono… Os Oitenta, semella que volven molar e mira que non foi unha década para sacar moito peito a nivel artístico, pero todo volta tarde ou cedo.

Pero onde Hurwitz e Schlossberg conseguen o seu maior logro é sen dúbida nas historias paralelas nas relacións sensei-alumno. Por un lado, Lawrence adopta ó vulnerable Miguel, mozo de bo corazón e acosado polos gañáns do colexio ata convertelo nunha máquina de matar, coma evidente xogo entre Vader e o que desexaría que fora seu fillo Luke. De feito, Lawrence vese enfrontado co seu auténtico vástago Robby, que protexe o seu mentor Obi-Wan (neste caso LaRusso) frente o ataque do Sith, istooo… quero dicir do pai.

E por se non houbera suficientes evidencias, a transformación de Miguel ante a súa moza (que xa o deixa por que non recoñece nada de bo nel) é unha “homenaxe” do que acontece no planeta Mustafar no EPISODE III entre Padmé e Anakin. ¡Mira ti por onde, por iso gozamos a serie coma posesos!. Os escritores contan as novas peripecias dos nosos protagonistas na actualidade, adaptando á traxedia vivida polos nosos heroes procedentes da tan, tan afastada galaxia.

¿Friki dabondo, non si?.

Pero funciona e merco sen dubidalo a segunda tempada.

Ó vindeiro venres máis, con especial parada na estrea do novo filme do cineasta Dani de la Torre, A SOMBRA DA LEI.

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies