займ срочно

Mandingo párase hoxe nunha edición moi especial do Lazzar Felice de Alice Rohrnacher

0

Languidece o Inverno, aquí no Norte e mentres agardamos pola muda primaveral, achegamos aos lectores do Xornal Lindeiros máis ofertas de ocio e lecer cara un fin da semana cheo de choiva e frío. Falaremos das estreas da pequena e grande pantalla, pero tamén do lanzamento no soporte físico dun filme cunha imaxinería máxica que namoraría ao mesmo Gabo. 

No noso decidido apoio nas artes audiovisuais, incluímos coma novidade na crítica de hoxe, o filme LAZZARO FELICE (2018) da cineasta Alice Rohrnacher, longametraxe que escapou do meu visionado nos cinemas, pero que tiña subliñada a data da súa posta na venta física (nunha moi coidada edición no Blu-ray), a lume vivo.

A pesares do auxe imparable do mercado dixital, aínda quedamos moitos resistentes coa nosa querenza polo formato físico. Supoño que os novos tempos marcan os gustos dos consumidores, pero vexo coma mágoa a desaparición do formato tanxible, referente de coleccionistas e amantes das videotecas e librerías domésticas.

LAZZARO FELICE nas verbas da súa directora é “unha historia dunha santidade menor, sen milagres, sen súper-poderes nin efectos especiais. É un conto vital de estima polo próximo e sen pensar mal de ninguén. Coma única maneira na procura da bondade total, que os homes sempre esquecen”.

O filme, premiado con moito mérito no seu excepcional guión da propia Rohrwacher no Festival de Cannes pasado e que arrasou tamén no Sitges, gañando os premios do público mozo, crítica e do xurado é un logro onírico, onde comezamos nunha surrealista escena cotiá do rural italiano de hai oitenta anos?. Traballadores do campo, que sometidos a servidume e pleitesía feudal malviven nunhas condicións moi precarias.

Entre todos eles, sobresae pola seu carácter Lazzaro, ánima sen mácula que tan predisposto que é, semella parvo. Este paspán, un novo Buster Keaton, de faciana conxelada e andares ortopédicos, pasaría polo tonto do pobo, senón fora polo brillo de inocencia na súa ollada. Adriano Tardiolo, o mozo que interpreta ao noso protagonista, ponse por vez primeira diante das cámaras para agasallarnos cunha actuación contida pero chea de micro matices que converxen nun triunfo total do concepto co grande Miles Davis, deu ao mundo co seu KIND OF BLUES (1959), menos é mais na definitiva, e que vai da man no perfecto tempo narrativo da película.

A proposta da cineasta italiana entronca cun tipo de cinema que rexurde coma resposta as desfeitas sociais herdadas do “berlusconismo” e que nunca a Sétimo Arte deixou de denunciar (Ettore Scola foi un dos incansables derradeiros mestres). Ese retrato ordinario das xentes, o seu feismo urbano, a decadencia ornamental, as rúas cheas do lixo, pontes que derrúbanse…

Rohrwacher utiliza as venturas de Lazzaro para narrar a traxedia que esnaquizou a Italia no final do século XX. Unha volta a Idade Media, material e humana. O fin da civilización rural cara a migración nas cidades de milleiros de persoas que renuncian ó pouco que teñen para ter nas grandes urbes, aínda menos.

LAZZARO FELICE é unha magnífica proposta debedora dos mellores filmes do neorrealismo do seu pais. Imprescindible, de gozala coa pausa precisa e de sorprenderse cos saltos argumentais. Produción case que monopolizada polos talentos femininos nas súas calidades técnicas e que vemos coma un achado distinto nas súas emotivas e singulares propostas. Mercádea sen dúbida e apoiade o maltreito mercado audiovisual da distribución no seu estadio final.

E coma contrapeso ante tanta excelencia, a decepcionante THE UMBRELLA ACADEMY, adaptación do cómic de Gerard Way e debuxos de Gabriel Bá, que na súa estrea pilloume a contrapé na cidade que nunca durme. Recoñezo que levoume unha forte impresión a campaña publicitaria da canle que ten os dereitos de exhibición. Por calquera sitio tiñan carteis, anuncios e incluso vodas de siareiros nas concorridas prazas públicas.

A serie vendéronma coma a versión “cool” dos meus queridos X-MEN e tan cedo coma retornei o Estado, vin os dez episodios que completan a primeira tempada. Nos primeiros capítulos vexo unha tentativa de interese no desenrolo de personaxes, pero faise por intres, lenta, aburrida e con moito de recheo. De alongar a goma narrativa de mascar, insípida no exceso. E no seu epílogo non vexo orixinalidade, nin sequera nas tramas secundarias que poidan salpementar a degustación do produto.

Sospeito que a produción vai máis focalizada aos nerds adolescentes e incondicionais da súa banda deseñada (trocan a sorte final dalgún protagonista). Unha serie que lembra para mal, ao exceso lumínico e argumental doutro grande fracaso de Netflix coma foi o ALTERED CARBON do ano pasado da que repite coma seu “dop” ó artificieiro baleiro Neville Kidd. Sumen os diferentes editores dos capítulos (ata sete diferentes, para dez envites) e a arritmia narrativa languidece no seu pulso.

Coma case sempre esta compañía non repara nos custos e tenta contratar na técnica o mellor que pode alugar no medio. E coma resultado sae un remexido onde aplaudimos a recreación do Pogo da Weta Digital de P. Jackson, a homenaxe sen disimulo pero atinada a Alexandre Trauner -mestre de mestres no referinte nos deseños nas producións- pero tamén unha almibarada selección musical nostálxica de finais do século pasado, preciosista (ese baile entre Allison e Luther, en fin…) pero que curta a narrativa coma se dunha publicidade non invitada se tratara ou da ausencia no uso da tecnoloxía asociada da época.

Haberá segunda sesión sen dúbida, pero coido que non terei tempo para ela.

E seguimos na pequena pantalla para falar da ópera prima do actor Chiwetel Ejiofor, THE BOY WHO HARNESSED THE WIND (2019), que dende a súa magnífica interpretación na notable SERENITY (2005) de Joss Whedon, seguimos cunha certa curiosidade. Nesta ocasión, Ejiofor leva a historia real da familia Kamkwamba, que padeceu a crise alimentaria que Malawi tivo que soportar, nos anos 2000 e 2001 pola inxerencia nefasta do Banco Mundial, o FMI e as corruptelas do seu Presidente “democrático” Bakili Muwzi.

Este período de auténtica “fame neghra” descríbeo Ejiofor cunha certa distancia coma para protexer ao espectador da crueza dos feitos que vivíronse nun dos países menos desenrolados do planeta, tal e como recolle no seu informe de 2010 Human Development Index (de 187 Estados, Malawi vai no 170).

O filme adapta o libro biográfico de William Kamkwamba,  nunha produción da BBC Films ben axustada no orzamento e que lévanos a unha historia de superación persoal, que eleva os nosos espíritos e déixanos cunha sensación de bo corpo. Non todo van ser desgrazas e nesta ocasión destacamos unha sinxela historia costumista, cun final na esperanza e na filantropía. Produto moi correcto, sen estridencias, lineal (para ben), de consumo sinxelo, pero agradecido coma sobremesa de domingo chuvioso e que apoiase cun acerto na sutil B.S.O. de Antonio Pinto (memorable o traballo que fixera para Meirelles no 2002 na sobresaínte CIDADE DE DEUS) e na fotografía de Dick Pope (moito menos grandilocuente do que brindara na MR. TURNER (2014) de M. Leigh) para asinar unha fermosa homenaxe a eses heroes anónimos de amplitude de miras.

Sen eles, seguiríamos vivindo nas cavernas (sospeito que algúns voceiros da ignorancia e o odio tentan retornar eses tempos grises, pero no derradeiro domingo do vindeiro mes, tedes a oportunidade de metelos no burato espazo-temporal do que xurdiron. Non esquezades pechalo Necronomicón despois, que esta xente é moi persistente).

E xa que falamos de peches, coma colofón as crónicas de hoxe, a nova película do polifacético Julian Schnabel, cineasta cun gusto polas vidas dos artistas que fan equilibrios nas sociedades ben-pensantes, creadores rupturistas dos canons ortodoxos coma foran Basquiat ou Reinaldo Arenas e que agora presenta a súa particular ollada do xenial pintor holandés, Vincent Van Gogh.

AT ETERNITY´S GATE (2018) presenta un Van Gogh que fuxe da cinza nebra no ceo do París dos impresionistas. Vai, aconsellado polo seu amigo Gauguin, ao sur da Francia na procura da luz para captalo intre inmediato, auténtica realidade pictórica cunha visión imperecedoira; obsesión vital que atormentará súa identidade ata os errados estudos da personalidade do pintor e que nestes lares fixeron a tremenda sobrada de titular ó LUST FOR LIFE (1956) de Minnelli nun vergoñoso “El Loco del Pelo Rojo”.

Schnabel sérvese do maxisterio do actor Willem Dafoe, excepcional intérprete que gañou a Copa Volpi no Festival de Venecia polo mimetismo que fai a pesar da diferencia na idade e que trata de tu a máis visceral adaptación que fai Kirk Douglas no filme do 1956. Magníficas as caracterizacións gozadas no filme e que recoñecemos coma grande mérito na dirección dos actores. Ben por Schnabel, sen dúbida. Coma tamén elevamos a cotas máximas o agasallo que todo director de fotografía desexa ter alo menos unha vez na súa carreira profesional. A liberdade lumínica que Benoit Delhomme ten, faille acredor do mellor traballo dos que levámoslle visto.

Onde peca o director é no manierismo no manexo da cámara. Demasiado presente coma celo extremo da propia autoría do neoiorquino. Non axuda tanto desequilibrio nos planos. Entendo por que faino desta maneira, pero para retratar o caos emocional do pintor non é necesario marearnos cunha epiléptica cascada de planos acelerados. Gozo cos contrapicados, coma resposta a perspectiva que tiña Van Gogh nos seus lenzos (nunha etapa da súa obra) e ovaciono as cores primarias coincidindo coas etapas vitais.

É unha produción moi coidade nas artes, ben estudada previa a súa rodaxe, pero non sinxela na súa execución e que non é para tódolos padais. A min gustoume, pero xa sabedes que os críticos de cinema somos as criaturas menos solventes nas nosas opinións así que mellor acudide ao cinema máis próximo por que se algo bo ten AT ETERNETY´S GATE é a posibilidade de  gozala na grande pantalla e de escoitar esas grandes liñas nos diálogos entre Van Gogh e Gauguin, un pintor por certo, que Picasso definiu cunha moi acertada cita: “Gauguin, o home que ten debuxado un Sol no seu corazón).

O epílogo aposta por unha liña explicativa da sorte final deste holandés errante, que retrata a teoría da biografía escrita no 2011 VAN GOGH: THE LIFE de Steven Naifeh e Gregory Smith, apoiada na súa vez pola entrevista que concedeu René Secrétan no 1956 coma antesala a estrea do filme de Minnelli e que está chea de auto-culpabilidade.

Máis nada por hoxe. Para vindeira semana, coma adianto informativo, agardamos contarvos as nosas impresións sobre filmes tan dispares coma o novo de Eastwood, THE MULE e a moi agardada CAPTAIN MARVEL. Non resisto a oportunidade que temos neste púlpito para darlle merecidos parabéns aos filmes TROTE de Xacio Baño e A SOMBRA DA LEI de Dani de la Torre polo colleita de galardóns na pasada gala dos Mestre Mateo. Recoñecementos que xa sospeitábamos nas nosas críticas das estreas e que podedes lembrar nas crónicas do pasado 21 de decembro e do 19 de outubro respectivamente).

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies