займ срочно

Mandingo prepárase para Cineuropa mentres nos ofrece a súa visión das últimas estreas comerciais

0

Compostela engalánase para festexar a 32ª edición do Festival Cineuropa que dirixe Jose Luis Losa, excepcional cinéfilo santiagués que comanda de maneira brillante esta festa audiovisual e da que daremos cumprida información nos vindeiros días xusto tras volver da nosa xira contracultural por terras trumparianas.

Pero mentres iso non ocorre, falemos das propostas deste fin de semana. Tres longametraxes tan distintos nas súas temáticas que fixo algunha delas será do voso agrado. E comezamos pola que máis gocei co seu visionado. Referímonos ao DOGMAN (2018) de Matteo Garrone, cineasta que ofrecéranos hai xa dez anos unha adaptación cinematográfica demoledora da novela GOMORRA de Roberto Saviano.

Volve Garrone a mergullarse nos lóbregos arrabaldes de periferia de grande cidade, que tan ben retrata coa súa ollada. Mestura de cinema realista (na mellor tradición nacida no seu país ao remate da II G.M.) e de docudrama social, sen artificios visuais ou estridencias narrativas. Historia real do perruqueiro de cans Pietro De Negri, que no 1988 inscribiu o seu nome na crónica negra italiana, despois de aturar días, meses e anos ás ultraxes violentas do matón do barrio, Simoncino, boxeador e delincuente, unha versión deshumanizada daquel Terry Malloy que bordara Marlon Brando nesa obra mestra atemporal que é ON THE WATERFRONT (1954) de Kazan.

E xa que falamos de actuacións mención especial merece Edoardo Pesce no papel do macarra e tormento desbocado que asola coa súa intimidante presenza aos locais, nos seus propios negocios e que se gáña a vida roubando, deixando pufos os seus dealers e repartindo sopapos a menor oportunidade. Simoncino non o sabe, pero ten mercados tódolos boletos para que unha noite máis cedo que tarde, remate co seu corpo cheo de chumbo, tirado nun estercoeiro calquera.

O contrapunto a esa violencia ven da man de Marcello, o perruqueiro, que é apreciado polos veciños. Figura fráxil e sen personalidade que se comporta coma un cachorro medorento ante o seu amo Simoncino, incapaz de contradecirlle ou negarse a facer os “recados” que lle mandan. De moito mérito a contención interpretativa do actor Marcello Fonte.

E outra personaxe omnipresente é o marco desolador desa barriada decadente, onde as fachadas dos edificios caen pola falla dunha reparación, dese parque de xogos para cativos baleiro, oxidado, sucio de barro e augas mornas. Eses soportais cheos de lixo, que cheiran a miseria a pesar de estar preto do mar. Un retrato descarnado do que está a pasar no país, lonxe desa “Bella Italia” que vai na caída sen freo, pontes inclusive, cunha sociedade berlusconizada ata o paroxismo máis vergonzoso coma acusara o excepcional Indro Montanelli.

Filme cunha lograda iluminación de Nicolai Brüel, fría, crúa que incomoda ata preguntarnos pero, quen quererá vivir aí?. Pois a xente que ve pasala vida sen moitas máis aspiracións que ter un prato quente de pasta na mesa, botar unha partida cos amigos, facela vista gorda aos trapicheos dos seus para ir sobrevivindo e non tentar mudar nada por que sospeitan que pouco poden facer. Grande Silvio!. Parabéns!. Conseguíchelo.

Garrone e os seus guionistas habituais alixeiran os feitos reais para favorecer a liña narrativa, usando as elipses necesarias para levar a bo porto este filme que con moito merecemento ven de gañar recoñecementos en tódolos festivais de cinema ós que se presentou. Non abusan das secuencias violentas, nin as mostran gratuitamente e iso que é un filme que admitía tamén un exceso das mesmas coma baralla de naipes trucados, pero Garrone con intelixencia di que o filme vai doutra cousa. Unha boa película, cunha edición que axiliza o seu visionado e que rematas de vela sen pestanear

A seguinte película que toca falar hoxe é a ópera prima do director e guionista Gareth Evans, APOSTLE. Filme ambientado a comezos do pasado século, onde unha congregación de esquecidos da sociedade emigran a unha illa perdida no medio de ningures, cara refuxio da man do profeta Malcolm e os seus acólitos pretorianos que levan a comunidade de veciños con man de ferro e guante de seda. Coma se dunha especia de Sangri-La se tratara, os que non teñen onde caer mortos, acoden a evanxélica chamada da deusa que alí mora entre a natureza, que procura boas colleitas e gando dabondo.

Pero como soe acontecer, non é oro todo o que reluce e diso vaise encargar de demostralo Thomas Richardson, (interpretado por Dan Stevens, actor de limitadas posibilidades, anaco de carne ao estilo do Joel Kinnaman que padecéramos no ALTERED CARBON). O recio podenco, chega a illa para descubrir o paradoiro da súa irmá, levada a forza; e coma podedes sospeitar, a cousa vai rematar en traxedia colosal, cun case gore epílogo que debo recoñecer que non sospeitaba, pola neutra e insulsa narración dos feitos. Non salva do suspenso na valoración final, pero polo menos, para quen guste das salpicaduras sanguinolentas pode ter un pase (pero só un).

Produto moi típico da canle de streaming que ten a exclusiva da exhibición, onde danlle moitas veces máis importancia ao continente que o contido. Sempre ben presentado, cunha polo xeral coidada dirección nas artes, pero sen esforzarse por ter un conto digno que narrar. Xa o dicía o grande Billy Wilder: “se non tes historia, non tes película”.

Tes tódalas críticas de Mandingo aquí

E de peche deixamos a curiosa coprodución entre Canadá e Irlanda, filmada na Colombia actual, baixo o título THE PADRE (2018), antollo persoal para disfrutar de dous excepcionais actores coma son Nick Nolte e Tim Roth. O sinxelo conto de home caza home non é demérito para resaltar o coidado respecto que o filme ten cos habitantes dos diferentes pobos nos que van fuxindo os nosos protagonistas, nesta “road-movie” de claro espírito indie.

Hai dignidade afastada dos tópicos nos que soe caer con facilidade as producións de fala inglesa cando toca traballar nas terras de fala hispana. As rúas van limpas de lixo, hai honradez na ollada das xentes, presentando unha poboación alegre e orgullosa na súa propia identidade cultural. E celebrámolo coma xa fixéramos na marabillosa COCO (2017) de Unkrich e Molina ou nesa preciosa historia de integración no LUCKY (2017) de Carroll Lynch, filme do que xa escribíramos neste mesmo xornal na crítica do 21 de maio do presente ano.   

Película de consumo fácil, sen exixencias e cunha boa interpretación de Roth e da rapaza Valeria Henríquez que xogan a picaresca, agochando os seus pasados cheos de dor e tristeza, pero que non conseguen esquecelos. E Nolte, actor superlativo, curtido nas múltiples derrotas persoais da súa vida e que recoñece sen ambaxes as súas controladas adiccións durante ás rodaxes, ten un rol moi desaproveitado pero tamén semella que lle importa pouco, tal foi a impresión moi tibia que levei da súa caracterización. Unha mágoa, a verdade. E vino vello, canso, coma de cubrilo expediente, pagarlle o cheque e ir botar uns tragos no súa roulotte.

Pero merco o desenlace, previsible e xa visto en outros filmes, pero ben levado e rematado por esa esperanzadora chegada a terra prometida, con manto de neve e co sorriso na faciana da moza ante un futuro que adiviñamos coma mellor do que tería se non tropezara con ese padre terreal. Imaxes de alivio resaltadas coas notas musicais de Igor Correia, que compón sonoridades propias do país (outros meterían unha guitarra clásica e os berros dos mariachis e santas pascuas…).

Non deixedes de ver cine, mellor na grande pantalla e xa non vos conto se é no Cineuropa compostelán. Alí de seguro, coincidiremos.

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies