Mandingo preséntanos as últimas estreas e reflexiona sobre os candidatos aos Óscar

0

Seguimos cunha cantidade elevada de filmes na grela de estreas tendo para hoxe catro de moi diversas calidades nas historias que contan. Aproveitaremos tamén para facer unha breve reflexión sobre as nomeadas nos vindeiros Óscar coma preludio da nosa habitual aposta que facemos tódolos anos por estas datas. Imos aló.

Este pasado martes deuse a coñecer os filmes que optarán por levar a prezada imaxe dourada, o Óscar. Cunha rápida ollada semella que tanto ROMA de Cuarón coma THE FAVOURITE de Lanthimos son os dous cachalotes a vencer, aínda co VICE de McKay non dixo a súa derradeira verba.

É, por desgraza, usual cos membros da Academia das Artes e Ciencias Cinematográficas obvien cada ano algunha produción merecedora do premio máis famoso co mundo do Cine entrega ó longo do ano. No 2018, o THE POST, do mellor Spielberg dos últimos lustros e THE FLORIDA PROJECT do contracorrente Sean Baker tiveron que sufrir tales esquecementos e neste ano, tócalle a excepcional  FIRST MAN do xenio Chazelle e a indie THE RIDER da chinesa Chloé Zhao.

Cando inmerecidamente MOONLIGHT gañou o Oscar coma Mellor Película no 2017 aconteceron dúas cousas. A primeira foi que os diversos “haters” de LA LA LAND evitaron que gañara o filme de Chazelle (de longo a mellor película dese ano) e a segunda é cas mellores indies coma os filmes de Baker, Zhao ou THE MISEDUCATION OF CAMERON POST de Desiree Akhavan marcharan directamente pola cancela traseira.

Sospeito, ogallá que me trabúque, que o dobre nomeamento de ROMA coma Mellor Película e tamén coma Mellor Película de Fala Estranxeira pódelle pasar factura e dividir aos seus votantes coma pasa dende tempos bíblicos cos electores da Esquerda no Estado Español. E aínda cos folgos que poida ter do lobby mexicano (Iñárritu, Del Toro…) teñen boa presenza, xa van moitos anos premiando filmes de autoría mexicana e estes recoñecementos son dados pola propia industria cinematográfica estadounidense.

Polo de agora, sen ter visto tódolos filmes, non vou aventurarme a dicir os que imaxino gañarán pero a eterna querenza que Hollywood ten polas películas “de época” inglesas cunhas interpretacións de monarcas ou primeiras ministras fan co bo filme de Yorgos Lanthimos teña a “pole position”. Ou pola contra, a Academia pode xirar ó inconformismo e recoñecer a Spike Lee coma azote fronte ó demo personificado no “Axente Laranxa”.

Agardaremos os nosos votos mentres non vexamos os filmes nomeados.

E xa que falamos de películas imos comezar co peche que Night M. Shyamalan fai na súa triloxía de heroes na moi agardada GLASS (2018). Filme sinxelamente horrible, aburrido e totalmente innecesario. Se no 2000 sorprendera coa súa formidable UNBREAKABLE, historia orixinal sobre mitos e lendas impresas nas bandas deseñadas e dun paisano que vaise mudando a modiño nun súper-home, para esta ocasión e collendo o filme-ponte SPLIT (2016) fai unha trapallada indigna para os moitos siareiros que tivo (e ten) o cineasta.

O metraxe orixinal ía as tres horas e media e tanta tesoira deixou inconexa as posibles historias co filme tiña para desenrolar. Personaxes ben traballados nos dous filmes previos son desaproveitados coma quen ten o padal canso de tanto percebe e tira unha fonte chea o lixo. E o novo carácter da Doutora e un despropósito vergoñoso. Non exaxero se vos digo que dende o minuto cincuenta empecei a incomodarme na butaca e case consegue que marche do cinema pero débome os meus lectores e fixen coma Superman, aguantei o tren pasando polas miñas costas que xa na casa lambería as miñas feridas…

Non alongo máis a miña impresión do outrora xenial director. Unha recomendación, por se chega a ler isto. Pode ser boa idea que deixes a outros que escriban as historias que queiras rodar. Talento segues a ter Shyamalan, pero lembra co Cinema son contos e sen eles…

Pero non todo son desgrazas nesta semana de despedidas amables e coma exemplo sirva THE OLD MAN AND THE GUN (2018) de David Lowery que brinda un adeus na interpretación de Robert Redford, unha das derradeiras vellas glorias da Historia do Cine da segunda metade do século XX.

Xa no 2017, despois de ver o filme THE DISCOVERY quedei moi impactado polo evidente deterioro físico e de mobilidade que presentaba o actor. Nin sequera os seus dobres de luz podían ocultar os atrancos que tiña, así que lonxe de sorprender a súa declaración de retirada da primeira liña, vexo coma algo necesario e ben gañado.

É Redford un liberal que coma seu grande amigo Paul Newman tivo un compromiso militante co tempo no que viviu. Foi un bo actor, un aceptable director e especialmente lembrarémolo por crear ó Sundance Film Festival, certame que catapulta á popularidade moitos filmes de baixo orzamento pero de innegables calidades. Grazas sinceras, Bob.

Lowery escribe a historia real de Forrest Tucker, un ladrón de bancos que coma os vellos rockeiros négase deixalo show e a pesares da súa idade, segue cometendo atracos pero con moi boas maneiras e exquisita educación. O director baséase nun artigo do xornalista David Grann sobre as venturas de Tucker para amplificala homenaxe que realmente é o filme. Por que constantes son as chiscadelas que fanse da longa traxectoria profesional de Redford e de feito o filme coido que tería un perfecto epílogo cando (¡ollo, lixeiro spoiler!) vai co cabalo e dubida se fuxir ou non da granxa, coma seu Sonny na crepuscular THE ELECTRIC HORSEMAN (1979) de Pollack.

Gustoume o filme, sen moitas máis pretensións que gozar sinxelamente das interpretacións de iconas doutro tempo coma Sissy Spacek, Danny Glover ou Tom Waits que mitigan a dor de moas que é soportar a Casey Affleck coma actor de limitadas calidades interpretativas, na senda penosa liderada polo Ryan “Carapeixe” Gosling. Recoméndoa. Ides pasar bos intres.

E coma terceiro convite fílmico a proposta desa mente atormentada que Lars Von Trier ten dende xa vai moitos anos e que non ten pinta de mellorar co paso do tempo. THE HOUSE THAT JACK BUILT (2018), que pasou cun grande éxito polo Cineuropa do pasado novembro é unha moi dura historia dun asasino compulsivo, interpretado de maneira maxistral por Matt Dillon, actor que durante vinte anos estivo a actuar coma eterno adolescente, un Dorian Grey polo que non pasaba o tempo e que na actualidade vémolo coma irmán cativo de Willem Dafoe.

É Von Trier un cineasta que cando acerta no seu, ofrece auténticas obras mestras de colosais envergaduras coma a excepcional EUROPA (1991), filme patrimonio desa Europa que xoga a esquecer de onde xurdiu. O problema actual é co danés non atina ultimamente, mágoa porque cineastas coma el son únicos, necesarios e moi escasos. Trier pertence a ese grupo salvaxe de creadores cinematográficos de universos singulares coma os Darren Aronofsky, Julio Medem ou Paul Schrader que son capaces de sacarnos as vendas dos ollos e ofrecernos outras realidades presentes, si, pero ocultas a simple vista.

Non é cinema sinxelo incluso para os que imos avisados na previa. Neste filme, derruído notablemente na súa edición, denuncia o descenso os infernos que padece a colectividade silente. Compracida de ollar cara onde non acontece nada, xorda ante os gritos de axuda do feble, do miúdo.

Excepcional traballo na dirección de Trier, cunha cámara na man complicada, cunhas iluminacións parellas aos diversos clímax (ou “incidentes” coma titulan no filme) e unha deriva taquicárdica do protagonista que vai da man do ritmo narrativo. Un filme contundente que ten o inmenso erro do seu epílogo. Unha catábasis inimaxinable, que esnaquiza as dúas horas que levamos cunha tensa, inquietante e contida garda e que non merecemos sufrir. Pero como é Lars Von Trier, non sorprende tal resolución. Noutro director arroxaríamos tomates a grande pantalla; aquí engurramos as cellas e murmuramos: “me cagho no Demo, outra vez…”.

Arte coma provocación, tormentos da súa propia filmografía, burla autoparódica. Todo iso e moito máis atoparedes nesta produción, moi acertada coma historia global, pero errada na súa complexa totalidade. E dito isto, recoméndoa non coma exercicio transgresor senón coma cinema que de cando na vez hai que ollar. Polo de agora HENRY: PORTRAIT OF A SERIAL KILLER (1989) de John McNaughton segue coma filme a bater dentro do subxénero de psicópatas furados dabondo; dígovolo por se queredes gozar dun filme magnífico dun director que non volveu a asinar unha boa película.

E coma peche por hoxe, toca falar do filme THE FAVOURITE (2018) do grego Yorgos Lanthimos que leva a historia real da derradeira raíña da familia Estuardo, Anne e a relación que mantivo coa súa valida Lady Sarah e a prima desta, Abigail.

Descoñezo ata que punto os guionistas Deborah Davis e Tony McNamara dramatizan os feitos para impulsala trama, pero merco con gusto esta historia das intrigas palaciegas, loitas de poder, retratos endogámicos das realezas máis inmaturas e cortesáns aduladores cansos de tanto lecer.

Lanthimos cunha áxil dirección conta coa inestimable axuda dun equipo de traballo que cada un no seu, rubrican os mellores logros das respectivas filmografías. O coidado esmero nos decorados, os vestiarios, o traballo “de chapa e pintura”, a exquisita composición sonora… Todo é digno de resaltar, pero sabiamente non desbordan cos logros. Quedan nun segundo plano, xa que o filme aposta e gaña, polo traballo nas interpretacións.

De nota moi elevada a caracterización desa sempre brillante actriz chamada Rachel Weisz, secundada con esmero pola fotoxénica Emma Stone. Optan as dúas ó Oscar coma Mellor Actriz de Reparto pero non as vexo recollendo o galardón. Onde coido que vai o premio é para Olivia Colman, coma Mellor Actriz, rol moi do gusto da Academia americana e que  fai un bo traballo, sen máis, moi  lonxe da contención dramática de Glenn Close na THE WIFE (2017) de Runge e afastada tamén, da naturalidade sen imposturas de Yalitza Aparicio, a fiel servinte na ROMA (2018) de Cuarón; aínda que persoalmente a mellor caracterización que vin no 2018 foi para Claire Foy na pel da dona do astronauta Armstrong, no FIRST MAN (2018) de Chazelle.

Mentres non gañe a insoportable Lady Gaga, reflexo do triunfo na vulgaridade dos tempos que toca sufrir, doume cun canto nos dentes.

Boa película esta THE FAVOURITE, a verdade. Non é un notable alto pero pasa ben a criba máis repunantiña deses críticos que odian ó cinema coma selo snob de autoría rexistrada. Supoño que sabedes dalgún, ¿verdade?.

Máis nada. A vindeira semana por aquí estaremos cunha chea de estras, entre elas a moi agardada GREEN BOOK (2018) de Peter Farrelly. Non deixedes de ir aos cinemas pero sen flocos de millo, por favor.

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies
Social media & sharing icons powered by UltimatelySocial