Verán do 18. Tempo de estío, de lecer, de fuxir da sobredose de balompés catódicos… Mandingo busca refuxio nas estreas máis exóticas cunha produción do Oriente Próximo e outra sito nas mesmas antípodas.

Dende vai xa uns cantos anos, o modelo de distribución e comercialización da produción audiovisual experimentou un troco radical, que permite, entre outras cousas, o visionado de traballos de cineastas que tan só dez anos houbera sido imposible a excepción das proxeccións nos Festivais de Cinema de turno.

Non é que hoxe  vaiamos revisar cinema somalí ou do Nepal (cando aconteza encantados de contalo), pero cántas veces temos a oportunidade de ver cine do Israel?. A non ser que Tarantino diga aquilo de “o mellor filme de terror dos últimos anos”, non chega aos nosos oídos títulos de especial relevancia, a verdade. E o da cita do cineasta estadounidense débese polo título do 2013, BIG BAD WOLVES, filme absolutamente descompensado e esaxerado dos cineastas Aharon Keshales y Navot Papushado, que ten un pase, pero só un.

O filme a valorar neste luns 25 de xuño, é o máis grande éxito de despacho de billetes no Israel dende 1986. Baixo esa premisa, vimos a comedia MAKTUB, dirixida polo filmador Odez Raz (non coido que o termo “cineasta” axústese o responsable deste proxecto). Longametraxe do ano pasado que aterra nas nosas pantallas no formato streaming e que para achegar este tipo de producións agradécese coma o segundo almorzo dos hobbits.

Para que non haxa  dúbidas iniciais, aclaro dende xa, que o filme é moi pouco defendible. O guión o escriben a parella de cómicos (moi coñecidos por aqueles paraxes) Guy Amir (que recoñecémolo por unha interpretación correcta no MUNICH (2005) de Spielberg e Hanan Savyon, unha especie de Roberto Vilar local.

Chuma e Steve son dous gañáns que extorsionan os pequenos comerciantes de Xerusalem, a cambio de “asesoramento” profesional. Tras librarse milagrosamente dun atentado, teñen unha epifanía como a sufrida por Jules Winnfield no PULP FICTION de Avary e Tarantino e deciden deixala mala vida e axudar ás xentes que piden desexos no Muro das Lamentacións. Para tales feitos contan coa axuda económica do diñeiro que non entregaron o seu xefe (bótanlle a culpa a un terceiro). O gangster, preocupado por recuperalos cartos, déixaos ir polo intre.

Os diversos episodios que van no filme, tentan conxugar comedia, co drama sensibleiro de familias rotas, nenos que botan en falla o seu pai ou un maior arraigo nas amizades, pero todo moi mal ganduxado cun humor moi branco, naiff, “velluno”. Secuencias máis de formato televisivo que de produción cinematográfica. Diálogos moi xustos nas calidades expositivas, notas cómicas que lembran aqueles programas “enlatados” dos especiais do Nadal, que rozaban a caspa e o cutrerío e nula sinerxía interpretativa nos protagonistas.

Película que sorpréndenos (para mal), pola candidez no desenrolo das historias que converxen con calzador nun zapato demasiado pequeno para o pé que temos, incluso coa homenaxe que fan o SCARFACE (1983) de Brian De Palma, mal rodado, peor editado (facía moito tempo que non vira un traballo na montaxe tan simple, que non sinxelo) e finalizado burda e tópicamente.

Se é certo o que din da evolución das sociedades a través da capacidade que teñen de facer comedia e de rir dos seus defectos e autopariodarse, no Israel quédanlle moito camiño por percorrer, ata chegar aos niveis, por exemplo, dunha Francia que levou no 2008, a ¡vintedous millóns de persoas! ás salas de proxeccións para disfrutar do filme BIENVENUE CHEZ LES CH´TIS do cineasta e guionista Dany Boon. Comedia local, que conta historias universais e que podemos traducir ao noso cortello e aos dos nosos veciños cercanos e lonxanos. Pero claro, tamén por aquí pecamos de “oito apelidos” e trapalladas semellantes.

Xa o dicía Unamuno, “ponme outra cunca de viño, que xa vou ledo para sachar”. Ou algo parecido.

Chimpando ao hemisferio Sur, no ano 2013, Yolanda Ramke leva a súa curiosa historia dunha persoa que ten que percorrer terras infestadas de zombis cun bebé ao lombo, nunha curta de sete minutos. O seu éxito propiciou unha longametraxe da mesma historia pero ampliada e enriquecida tanto en carácteres coma nas espectaculares localizacións que hai na illa-continente.

CARGO (2017) é a ópera prima de Ben Howling e da propia Ramke. Filme rodado no Sur da Australia máis panorámica e lumínica, chea de horizontes de esperanza ante a traxedia que cóntannos a pouco, a modiño. Tras unha praga (non sabemos as causas, pero sospeitamos que por culpa dalgunha desfeita ecolóxica colosal, acontecida pola man do home branco), a humanidade está a piques de converterse nuns zombis.

Respectando o canon que fixera George A. Romero “mordedura igual a contaxio, e nas vindeiras 48 horas mudar nun morto vivente, que coordina os seu movementos lentamente”, Andy ten que atopar alguén que pódase facer “cargo” do seu bebé.

E moi meritorio que dentro do saturadísimo sub-xénero de corpos famentos de carne humana, cheguen historias a priori menores, pero que plantexan situacións relativamente orixinais; ben é certo que que o filme non inventa nada, pero as propostas narrativas dámolas por boas. Esa viaxe cara a salvación que fai Andy (interpretado con nota polo sempre bo actor Martin Freeman), non ten a carga dramática da demoledora THE ROAD (2009) que John Hillcoat adapta maxistralmente do relato homónimo, cru e xélido de Cormac McCarthy, pero consegue o noso interese por ver cómo remata a singradura vital do noso protagonista.

Ramke aproveita para denunciar as malas praxes que algunhas empresas enerxéticas fan co “fracking”, xa sabedes, a fractura hidráulica do subsolo con consecuencias nefastas para o medio ambiente. Ben o sabe “o home sabio”, o ancián aborixe que sinala co dedo ao redneck trumpariano que tenta converterse en dono e señor das lindes históricas dos nativos australianos. Non é o mellor do filme. Sempre estou a repetir aquilo de canto mellor é o vilán, mellor é o filme, e neste caso o desenrolo do personaxe é moi típico e previsible.

Non é, de feito, un guión que colla tempo para profundizar nos personaxes. Os esforzos do texto van máis cara o recoñecemento do respeto da Natureza que teñen os aborixes e a exaltación da espectacular xeografía autraliana (que Geoffrey Simpson disfruta con grandes aperturas, angulares, panorámicas e planos aéreos, pero que tamén axusta aos cheos de lúa).

Película que entretén e que deixa un final optimista e integrador, a pesar da sorte que sabemos que vai ter Andy e que por certo está contada cunha certa elegancia. Non é un 10, pero para a racha que levamos nas dúas últimas semanas, dámola por boa.

Vendo as próximas estreas que van vir ás salas de cinema e tendo en conta que nestes meses a xente ten máis tempo libre, a vindeira semana a recomendación para o voso ocio consistirá (ou eso agardo), nuns comentarios sobre series de televisión, otrora cemiterios audiovisuais de estrelas de cine no seu declive e agora refuxio das máis altas calidades tanto técnicas coma argumentáis.

Máis nada. Non abusedes dos baños de Sol e hidrataros moito.

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies