займ срочно

A falla de só catro días para a pre-estrea do filme HAN SOLO: A STAR WARS STORY, Mandingo o noso crítico de cabeceira, tenta disimular a súa ansiedade cuns petiscos fílmicos variados na súa concepción e de moi diferentes sabores. Coma na botica, vai un pouco de todo.

Mandingo no é moito de ver tráilers cinematográficos, a maioría deles cóntanche a película enteira apouquiño que prestes atención, pero recoñezo ca primeira motivación que levoume a ver GAME NIGHT (2018) foi precisamente o interesante enredo que plantexan nos escasos dous minutos que vin do avance xa vai tempo atrás. Non era filme para anotar na miña axenda de futuribles, pero a curiosidade cual felino doméstico impúxose e alí fun coma un xubilado a un edificio a medio facer.Annie e Max son unha xove parella que tódalas “findes” xúntanse coas amizades para xogar a xogos de mesa tipo “adiviña o que describo coas mans” ou “qué estou a debuxar”, e entretementos dese estilo. Fascinante…

O certo e que levan a práxis de maneira moi competitiva. Tanto, que o irmán de Max, o tartufo Brooks, plantexa o xogo definitivo. Unha simulación dun evento tremendamente arriscado e moi emocionante, onde os partícipes difícilmente poden discernir entre realidade e ficción. Algo así coma a versión supostamente humorística do filme que no 1997 David Fincher dirixera co título THE GAME. E suliño esa posibilidade cómica por que a carón do visonado, moitas opcións de gargalladas ou sorrisos non hai, precisamente.

A dupla de directores John Daley e Jonathan Goldstein, que asinan o seu segundo longo para a grande pantalla adaptando a imaxes o escrito do novel Mark Pérez e un filme moi plano e por intres aburrido ata dicir bitelchús tres veces e que apareza a carta de axuste da TVE de vai corenta anos.

Nada que obxectar as calidades técnicas (tampouco son para votar foguetes de entusiasmo verbeneiro) que para iso estamos a falar dunha produción de orzamento medio da industria estadounidense da man da New Line Cinema, outrora máis orixinal e arriscada produtora, que tenta recuperar folgos e logros pretéritos de vai xa moitas décadas pero que non consegue levantala testa dende o batacazo que levou coa produción THE GOLDEN COMPASS (2007). E o sino destas produtoras lonxe das majors; sempre pendentes dun estreito fío que rompe ao mínimo fracaso na recadación.

John Alexander

Así como dicíamos que na produción pasa ben, onde chirría con estrépito é no histrionismo exaxerado de moitos dos intérpretes. Supoño que durante a rodaxe botarían moitas risas e haberá un sinfín de tomas erradas, pero o certo e que a proposta de comedia negra vai máis cerca desa liña grosa que vimos na resacosa VERY BAD THINGS (1999) de Peter Berg que as supostas homenaxes que fan doutros filmes míticos. Seguen a inténtalo no grande Hollywood, pero  dende a formidable carga de cabalería polas escaleiras de John Alexander na pel dun falso Teddy Roosevelt, que disfrutaramos na obra mestra de Capra ARSENIC AND OLD LACE (1944) non voltamos a disfrutar de situacións tan maravillosamente surrealistas (estou a exaxerar, ben o sei, pero tampouco vou tan desencamiñado).

Coma para dar maior empaquetado o tremendo ladrillo que sufrimos, meten co calzador facianas moi recoñecidas en roles secundarios para semellar que a historia ten fundamento e poso a grande orquestra, pero nin así vai a cousa por onde gostaríanos. Resumindo, GAME NIGHT ou unha boa oportunidade para ler un bo libro.

Mudando radicalmente de proposta, imos recomendar a homenaxe que fan ao grande secundario -e tamén principal en filmes xa considerados de culto coma o PARIS, TEXAS (1984) de Wenders- Harry Dean Stanton; actor cunha singular faciana e recentemente falecido que interpreta un papel semi-autobiográfico nun costumista e tranquilo pobo da Arizona máis interracial alonxada de muros imposibles.

LUCKY (2017) é o debut na dirección do moi respectado actor John Carroll Lynch, recoñecido por moitos nas múltiples series de televisión nas que participou, pero tamén cunha profunda e sólida carreira nas táboas dos teatros e no cinema, coma lembramos na pel do parsimonioso esposo de Frances McDormand no FARGO (1996) dos Coen ou o inquedante Arthur L. Allen no ZODIAC (2007) de Fincher. Ten sona de escoller con moito mimo os seus personaxes e abofé que iso tradúcese no variopinto elenco de actrices e actores que disfrutamos no filme. Dende protagonistas xa consolidados coma Tom Skerrit (qué grande a historia que cóntannos no dinner  –auténtica experiencia vital da mocidade de Stanton !), ata descubrir a David Lynch emulando a ise Albert Finney colosal do UNDER THE VULCANO (1984) de Huston, pasando por actores de orixe mexicana que aportan credibilidade as situacións cotiás e todo isto amplificado por un logrado guión, sinxelo pero elaborado nos seus diálogos case artesanalmente coma se dun sobrio Bukowski tratárase, xogando por intres o surrealismo máis “lynchariano” (non van ananos, nin cortiñas de fume, pero a cor vermella está omnipresente) e amplificado por esos tiros fixos da cámara que enchen a pantalla -traballo de mérito de Tim Suhrstedt, responsable tamén da foto desa xoia que é o LITTLE MISS SUNSHINE (2006) ou dese espectáculo visual que hipnotízanos na FANTASIA 2000 (1999)- mesturado coa grandiosidade silente do deserto, adornado coa fermosura das postas do Sol, o relaxante son dos grilos… Unha ledicia para os nosos sentidos.

Produción co espíritu do cinema independente máis auténtico alonxado das falsas imposturas “demodé” de quedabéns ou falabaratos, arriscando nas situacións dunha propia QUOTIDIANÍA DELIRANTE que asinaría o mesmísimo e excepcional Miguelanxo Prado, cunha edición espartana do debutante nas tixeiras e celo Robert Gajic, pero que vai da man co ritmo nos andares tranquilos e das miradas perdidas de Stanton, que sábese posuidor e dono do tempo do filme. Cine de veciñanza afable e de amizade altruísta coma un canto final a eterna comunión de seres fronteirizos que comparten as súas culturas e vivencias de maneira enriquecedora e que nin hoxe nin mañá ningún patán de pel laranxa e crines loiras tintadas conseguerá extinguir.

O filme bríndanos o derradeiro vals para botar un baile ao son dos mariachis, o eloxio dunha vida ben vivida, dende a perspectiva da vellez, amosada co respecto merecido e cun epílogo elegante e que lonxe da tristeza, sácanos un aceno que transfórmase lentamente (coma o paso dunha tartaruga) nun sorriso de aprobación.

Bo filme.

E coma colofón o repaso de hoxe a carteleira, non podemos obviar a última produción da Marvel, a megacolosal loita entre os vingadores e amiguiños siderais fronte ó megalómano Thanos, xenocida universal que quere darlle unha “solución final” o problema da superpoblación que hai nesas galaxias de hoxendía. Falamos, claro está dun dos maiores éxitos de recadación da Historia do Cinema, AVENGERS: INFINITY WAR (2018) dos irmáns Anthony e Joe Russo, cineastas dentro da nómina marveliana dende vai xa un tempo, como tamén a inmensa maioría dos profesionais que fixeron esta película; esforzo hercúleo en tódolos departamentos técnicos (nin sequera os últimos filmes de STAR WARS teñen semellante exército de profesionais) e despregamento –case- total con “queima de naves” inclusive, na parte actoral.

Marvel Studios meteu ó 101% dos seus recursos e os cartos que fixera falla, para contar en dúas partes (a outra haberá que agardar ata o 2019) a historia que empezou a argallar xa vai dez anos. Recoñecendo que non son moito dos superheroes do universo Marvel, nin tampouco dos xurdidos na DC Cómics, o produto final é magnífico coma puro e duro espectáculo. Non chego a aprezar os comentarios do fandom máis fiel que a califican como filme maior nas propostas argumentáis, de película para adultos, que case roza a “hard scifi”. Uhmm… non coido que chegue ó nivel da seriedade que James Mangold asinou no 2017 no seu texto para o tremendo LOGAN, probablemente o filme de xénero máis contundente que vin de sempre.

De feito, cando mellor o paso e cando danlle protagonismo os guardiáns da Galaxia e as envexas de Peter Quill que ten, ante a impoñente presenza do deus Thor. Botei moi boas gargalladas (axudado pola complicidade dos siareiros que enchían o cine) e créome as situación vividas.

Con seguridade serei o único que ve a Thanos coma un rival vencible e cunha personalidade menor. Dos antagonistas dos nosos héroes nos dous últimos lustros, quédome co Ronan O Acusador que magníficamente interpreta o actor Lee Pace. O mellor e polo exceso de tanta prótese na faciana de Josh Brolin, pero non transmíteme practicamente nada. Supoño que moitos non coincidiredes con iste comentario, pero por favor, non metades mais agullas no moneco de vudú que non aturo máis coa dor no lombo.

Tras rematalo visionado quédame claro cales son os heroes ca Marvel considera máis importantes e os que son máis prescindibles, aínda que sospeito (¡imos, de seguro ó 100%!) que moitos dos finados voltarán a seguir con novas aventuras, e que namentras a vaca sega dando tanto leite, van seguir muxíndoa sen compaixón; aínda que coma ben advírteme un bo amigo, poida que moitos actores (Robert Downey Jr, por exemplo) non continúen na franquicia. Moitos deles rematan contrato e o alivio nos vindeiros orzamentos que vai ter a Marvel ben poden xustificar un relevo xeneracional. Ou non; xa veremos.

En todo caso, película para disfrutar sen flocos de millo.

E o venres a primeira hora da mañá, teredes exclusivamente para vós, as miñas humildes impresións do filme HAN SOLO: A STAR WARS STORY.

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies