Finalizou o 2017, e deixou filmes para o recordo máis perdurable e outros para un esquecemento digno dun faraón caído en desgraza. Mandingo fai unha lista de doce películas imprescindibles (unha por mes), algunhas meritorias e unha mínima pedrea de fracasos maiúsculos.

Aínda que por imposibilidade de tempo algunhas producións, como o DUNKIRK (2017) de C. Nolan ou o PATTERSON (2016) de Jarmusch, séguenseme escapando ao seu visionado (e que, sospeito, vanme entusiasmar), dou por bo o ano que onte vimos marchar. Fago meu o rol de John Cusack na apoteósica HIGH FIDELITY (2000) de Frears e como un bo Rob Gordon, escribo a miña persoal e intransferible lista das películas que máis me gustaron nos últimos doce meses.

Na primeira posición coloco ese canto o cinema máis auténtico que é LA LA LAND (2017) de Damien Chazelle. Sublime dirección para un título que está xa no Olimpo dos filmes musicais. Moitísimo mérito ten contar unha historia mil veces vista e cuns actores inadecuados para os seus papeis, pero a pericia de Chazelle, a súa montaxe, a luminosidade que desprende o filme e a memorable música creada por Justin Hurwitz faina acredora do premio gordo. No segundo posto, poño o escrito de Taylor Sheridan para o HELL OR HIGH WATER (2016) de David Mackenzie. Crepuscular película de xente sen esperanzas nunhas terras abatidas pola crise económica. Diálogos e reflexións que quedan gravados a lume vivo. Imprescindible. A medalla de bronce vai para ese tremendo prodixio técnico e visual que é o BLADE RUNNER 2049 (2017) de Denis Villeneuve. Inmenso o risco e a dificultade de continuar a liña argumental desa obra mestra absoluta que é BLADE RUNNER (1982) de Ridley Scott, pero o espléndido traballo de Hampton Fancher e o propio director da como resultado un case perfecto filme. Cando o talento ponse a traballar en serio, cun organigrama rigoroso e moi ben planificado, polo xeral dan estes sobresalientes produtos. Cando tomas ao público por papanatas, finalizas facendo enxendros como o Episodio VIII (2017) de STAR WARS. Apuntade o nome de Roger Deakins como gañador do Óscar a mellor fotografía deste ano. O cuarto posto, vai para o filme denuncia de Fatih Akin AUS DEM NICHTS (2017). O cineasta turco xermano é desde hai tempo uno dos mellores cineastas da súa xeración. Académica lección de cinema, narrada en tres actos filmados cada un dunha maneira distinta. Dura historia real da ameaza silenciosa e oculta que nos rodea no día a día. A Kruger fai unha magnífica interpretación.

No lugar da rima fácil vai unha sorprendente historia de soidades e perdas de seres queridos na magnífica A GHOST STORY (2017) de David Lowery, que asina o escrito tamén. Aínda que con recoñecidas influenzas da pantasma de Chihiro, aplaudo a valentía de expor unha narración visual tan medida no tempo e na edición. Sorpresa morrocotuda que non podedes deixar de gozar. Hai un tempo atrás que observo que o xénero de terror está a elevar as súas calidades nas propostas argumentais. Xa pasou coa formidable THE WITCH (2015) de Robert Eggers ou a THELMA (2017) de Joachim Trier (que ben podería incluírse nesta lista) ou retrocedendo un pouco no tempo a xenial LAT DEAN RATTE KOMMA IN (2008) de Tomas Alfredson. Sexta posición para o drama MANCHESTER BY THE SEA (2016) de Kenneth Lonergan. Duro conto de expiación e de levar ao lombo unha pesada carga de culpabilidade por parte do protagonista, rol interpretado por Casey Affleck que recibiu loas e ovacións por todas as partes (excepto a miña). Boa película. O veterano Lonergan recibiu o Óscar o mellor guión. Persoalmente eu daríallo a Taylor Sheridan polo seu HIGH OR HIGH WATER. Repite Denis Villeneuve nesta lista e faino coa moi boa e intelixente adaptación da novela de Ted Chiang STORY OF YOUR LIFE premio Nébula á mellor novela curta. Estamos a falar, loxicamente de THE ARRIVAL (2016). Visualmente fascinante, cunha medida e precisa tensión narrativa “in crescendo” na súa metraxe. Villeneuve asoma como cineasta magno dunha noticia e talentosa fornada de filmadores americanos como os Nolan, Chazelle, Mackenzie… No oitavo lugar colócase a última (polo momento) obra da case nonaxenaria Agnès Varda VISAGES, VILLAGES (2017). Delicioso documental de caras e pobos da Francia máis enxebre. Sorrisos de complicidade para gozar dunha exquisita produción. O artista visual JR axuda, pero nótase a man, na edición, da cineasta. Auténtica testemuña en primeira persoa do xurdimento da Nouvelle Vague. Dama do cinema francés, e por lóxica, do Europeo. O visionado e moi recomendable para os nenos de dez- doce anos en diante.

Posto número nove para Taylor Sheridan que dirixe tamén o seu guión WIND RIVER (2017). Baseada nunha historia real, toca o espiñento asunto das desaparicións das mulleres nas Nacións Indias dos EE. UU. e o código de silencio imperante. Vehículo para o lucimento nos diálogos (o forte deste brillante plumilla) e cun xiro dos acontecementos insospeitado e de nota moi alta. Filme cru, na mellor liña dos dramas “ indies” estadounidenses como a marabillosa WINTER´ S BONE (2010) de Debra Granik ou a notable FROZEN RIVER (2008) de Courtney Hunt. Para a décima clasificada, toca destacar a WONDER WOMAN (2017) de Patty Jenkins. Perfecto exemplo de cinema de acción de superheroes cun traballado guión e un orzamento xeneroso (non son incompatibles, aínda que é raro que vaian da man, polo xeral). Fronte á moda de dar roles principais de carácter masculino a protagonistas femininas, o papel da actriz Gal Gadot (grande achado!) encaixa a perfección na trama argumental. Entretida e estimulante. No undécimo posto asoma a sorte final do noso lobo favorito. O LOGAN (2017) de Mangold é un memorable epílogo. Non hai romanticismo, nin falsas esperanzas. Demoledora. Violentamente adulta. Sen coller prisioneiros. Sentimos mágoa polo noso heroe e polo profesor Xavier, pero tamén sentímonos orgullosos polo desenlace. Así morren as lendas, e non as mans de fillos inmaturos. Para finalizar a lista, meto ao sprint unha, recoñezo, sorpresa moi positiva. A adaptación cinematográfica da magnum opus de Stephen King THE DARK TOWER, é dos máis conseguidos filmes de xénero fantástico producidos non só neste ano, se non nos últimos. Sumando da liña argumental principal da historia de Roland Deschain, crean un universo continuo que é sinxelamente un acerto pleno. Disfrute total para unha produción ben dirixida por Nikolaj Arcel.

Meritorios

Con respecto aos filmes que fixeron mérito para entrar na lista, pero que non puideron pola criba de ser só doce filmes (como os homes sen piedade de Lumet), cito a bonita a rabiar película de Dave McCary BRIGSBY BEAR (2017). Orixinal proposta de Kyle Mooney. Loable canto ao cinema feito por amigos, con moita paixón e moi pouco orzamento. Breve, pero impagable, aparición do actor Mark Hamill. Tamén quero destacar a moi curiosa THE OSIRIS CHILD (2016) de Shane Abbess. Primeira de, espero, unha serie de títulos que narren as peripecias de “Besta e Nena”. Moi destacable produción australiana (coas homenaxes os Mad Max de Miller, “planos australianos” #inclusive). De seguir con curiosidade próximas entregas. E para pechar o trío de mérito, o magnífico documental sobre unha das mellores e máis relevantes Damas do Jazz. WHAT HAPPENED, MISS SIMONE (2015) de Liz Garbus. O estudo da carreira musical e persoal, aderezado co descenso aos infernos que tivo que afrontar e sufrir a gran Nina Simone. Racismo, enfermidades sen diagnoses, abusos físicos por parte do animal co que compartiu moitos anos da súa vida, e finalmente, a redención e o recoñecemento en vida. Gozarán non só os fans da Diva, senón tamén os afeccionados ó cinema de máis calidade.

Pedrea de fiascos

Como propina, catro títulos que a modo de advertencia “COIDADO CO CAN QUE MORDE”, non deberiades ver nin por un bo feixe de diñeiro. A quinta película da franquicia de transformers, THE LAST KNIGHT é unha trapallada sen pés nin cabeza. Mesmo é peor que a anterior -e a cuarta era pésima-. Do mesmo nivel, temos a interpretación pasada da raia e lisérxica do mito artúrico que fai un desmelenado Guy Ritchie para o seu KING ARTHUR (2017). Despropósito cósmico que mestura galiñas con merinas e que queda tan pancho e cheo como un langhrán despois da cea de Noiteboa. Para iso quedámonos coa moi lograda WARCRAFT (2016) do fillo de David Bowie, Duncan Jones. Outra decepción moi considerable foi a imitación de Ridley Scott que perpetra nas historias do monstro de ALIEN e o afundimento de calquera explicación lóxica e coherente no seu ALIEN: COVENANT. Para todo seguidor que se prece das venturas dos jichos creados por Giger, a nova proposta é un sen sentido. Pero a traca máis potente é, sen ningunha dúbida polo que subscribe, a nova xogada que fai DISNEY ao respecto da nova triloxía de STAR WARS. O Episodio VII, xa non só non ten respecto polas iconas máis míticas, senón que como produto cinematográfico é realmente malo. Por vez primeira aburrinme vendo un filme da Saga das Sagas. Imperdoable. Sen máis.

Nada máis por hoxe. Que teñades un bo 2018. Facede o ben a quen o mereza e non lles pasedes nin unha aos que fan apoloxía da mala educación e da ignorancia. Vémonos nos cinemas.

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies
Social media & sharing icons powered by UltimatelySocial