Despois dunhas merecidas vacacións Mandingo recoméndanos unhas boas series para o verán

0

Tempo de verán, das merecidas vacacións e de pasalo voso lecer facendo aquelo que vos saia do níspero. Se sodes dos que gozan vendo series deitados nos vosos sofás, velaquí van unhas recomendacións de estreas recentes que por cantidade e calidade, agardo, colmen as vosas esixencias.

E comezamos polas series xa consolidadas na pequena pantalla, producións que conforme avanzan tempada tras tempada melloran coma os bos viños. Bos exemplos disto son as británicas Peaky Blinders e The Last Kingdom. A primeira é unha magnífica recreación dos baixos fondos na Birmingham de principios do século XX da man dunha familia xitana máis dura cos carballos e que faría tremer de suor frío ao mesmo Tony Soprano, e que xa vai camiño da súa quinta tempada. A serie non fai senón confirmar o excelso traballo no guión de Steven Knight (que xa asinara o tremendo conto na Eastern Promises (2007) de Cronemberg). Da segunda, salientamos a coidada ambientación e rigor histórico na recreación do reino de Alfredo O Grande, primeiro monarca fundador da futura outrora pérfida Albión, no século IX, ben secundado polo heroe Uhtred de Bebbanburg, auténtico protagonista e licencia histórica ben narrada nas The Saxon Stories de Bernard Cornwell, novelas nas que basease con moito tino a serie que leva tres afortunadas tempadas. Series coma Game of Thrones ou Vikings levan a sona, pero eu quedo con moito coas loitas intestinas entre daneses e saxones que produce a pulcra Carnival Films & TV.

Aquí podedes ler todas as críticas de Mandingo

Chimpando o charco, nas terras trumparianas, vémonos na obriga de destacar a derradeira tempada de The Big Bang Theory, prodixio do mellor Chuck Lorre que durante doce anos agasallounos cunha troula de nerds sen igual, cun epílogo dunha sinxela elegancia honrando a importancia desas segundas familias que son os amigos de verdade. Cumio das sit-com que lembraremos durante moitos lustros. E se tedes síndrome de abstinencia polos personaxes, un bo placebo é Young Sheldon, que a modiño, xa vai pola cuarta sesión. Os que vexades as series na súa versión orixinal, gozaredes co talento na voz do actor Jim Parsons, que fai de Cicerone aos principios dos capítulos.

E se de nerds falamos, Stranger Things foi un dos mellores acontecementos que tivemos no 2016. A triunfal resurrección oitentera que os irmáns Duffer marcáronse foi do máis celebrado polas hordas dos “freaks like me”, que diría a miña adorada Macy Gray. Mágoa que trala primeira sesión, as dúas seguintes desembocaran nun produto orientado case ao público adolescente. Certo que conserva atinadas chiscadelas da cultura popular estadounidense da época, cancións, filmes e personaxes icónicos (dende Terminator, ata Magnum), pero aquel coidado desenrolo dos personaxes e das situacións vividas brila pola súa ausencia. Se queredes descubrir unha moi curiosa produción, ollade Doom Patrol, atípica historia de inadaptados con superpoderes orixe primixenia do que máis tarde a Marvel de Stan Lee recollería para os seus X-Men. Son 15 episodios, exixentes no comezo do visionado pero que medra no interese. Violencia gore con moitas doses irreverentes de humor negro. Dádelle unha oportunidade.

Non pode faltar a animación para os cativos (e para os maiores) na segunda tempada dunha das sorpresas máis agradables do pasado ano. Falamos de Final Space, divertimento intelixente na mellor tradición da space-opera máis vándala, onde as continuas invocacións a clásicos da ciencia ficción sucédense imparables. Non chega ao nivel de xenialidade da excepcional Rick and Morty -da que agardamos con ansia a súa cuarta tempada-, pero as idas de pota de David Sacks e Olan Rogers tradúcense nas risas dos que vexan estes curtos e áxiles episodios. É coma a adaptación animada desa outra ledicia que foi Future Man, a versión cómica dun imposible John Connor salvando o mundo do Xuizo Final, e que tamén recomendamos con moito entusiasmo.

Se sodes siareiros insaciables do Fantástico, tedes cita obrigada coa estrea do segundo envite da xermana Dark, excepcional traballo que aborda os viaxes no Espazo-Tempo cun descomunal árbore de protagonistas a través das décadas. Recomendo darlle un repaso previo, por que a cantidade de intérpretes, situacións e épocas que toca fai ca vosa memoria teña un reto importante. Confeso que aínda non acabei de vela e por tanto non podo dicir se merece nota boa ou non, pero o que teño seguro e que coma non peche as historias vividas no ano pasado, descártoa aínda que xa sexa oficial que rematará cunha derradeira tercera tempada. Cun Lost chega dabondo.

Os que xa peiteades canas, lembraredes a Ralph Macchio facendo a grulla no filme de 1984, The Karate Kid. Nunca fun moi da película nin das secuelas, pero Cobra Kai é sen dúbida unha formidable reviravolta a historia entre Daniel LaRusso e Johnny Lawrence. O primeiro segue sendo bo tipo e empresario de éxito e o segundo un “looser” de tomo e lombo. A xenialidade da serie (na que mantense nos escritos Robert Mark Kamen e un insospeitado Jon Hurwitz) radica que simpatizamos máis co pailán de Johnny e as súas trapalladas que co cuñado perfecto no que convértese Daniel. Dúas tempadas que sospeito gozaredes coma teenagers.

E coma colofón desta primeira selección de producións televisivas que teñen previsto seguir cara os vindeiros anos, destaco a indie (pero apadriñada pola poderosa HBO) High Maintence, moi orixinal historia de entregas lúdico-farmacopeas de Ben Sinclair (que interpreta ao propio subministrador) da Nova Iorque máis multicultural e que amosa un tapiz moi conseguido da pluralidade de seres que pululan pola Grande Mazá. Divertida, intelixente, un grande achado que mellora na súa segunda tempada ata o extremo de poñela ao carón desas producións de espírito libre. Capítulos que non chegan aos trinta minutos que devóranse coma pipas. Descubrídea antes de que sexa obxecto de culto entre os gafa-pastas, millennials, influencers, youtubers e demais subcriaturas que amolan aos derradeiros primates que mercan libros, discos ou películas nos formatos físicos de sempre. Por desgraza, pronto chegará a extinción desta especie.

Tamén coma peche a esta parte da crónica, o vivo eloxio a City on a Hill, de Chuck MacLean, nativo da cidade de Boston, que ao mellor estilo dun David Simon, leva nos capítulos xa emitidos unha moi boa historia ambientada nos Noventa na patria chica de Larry Bird. Corrupción policial, asaltos a furgóns blindados, labirintos xudiciais, mafias locais, tensións raciais… Todo moi ben levado baixo a supervisión de persoeiros da relevancia de Matt Damon, James Mangold ou Ben Affleck na produción. E cun Kevin Bacon exaxerado a niveis próximos ao Gary Oldman máis desmedido. Catro episodios polo de agora (dun total de dez), pero que xa aventuro coma a versión optimizada de filmes coma The Departed (2006) de Scorsese ou The Town (2010) de Affleck. Pode ser unha das grandes series do ano. Cada luns, un novo episodio.

Na segunda parte desta crítica lixeira, imos falar de mini-series, producións polo xeral dunha única tempada e de poucos capítulos, ideais para os que temos un ollo na pantalla e outro no reloxo. E comezamos pola serie da que todo o mundo está a falar. Chernobyl é a meticulosa produción entre HBO e Sky que rescata a catástrofe acontecida na antiga Ucrania soviética no 1986. Coas aceptables licenzas dramáticas, Craig Mazin desenrola cunha precisión cirúrxica unha dura historia de heroísmo pero tamén unha demoledora acusación do colapso dun sistema político a piques de derrubarse. Moi boa, pero non tanto coma din os seus siareiros.

Non podía faltar a BBC nesta lista de estío, compañía que soe dar uns niveis de elevadas calidades e que na súa The Victim resúmese todo o bo do que son capaces na compañía británica. Catro capítulos inspirados nun asoballante caso real que produciuse no Reino Unido vai uns lustros e que habilmente retoma pasadas unhas décadas con outros nomes e localizacións pero tanto o hábil guión de Rob Williams (cun xiros moi atinados que tentan esquivar as típicas trampas argumentais) coma a solidez nas interpretacións do elenco fan desta serie unha das candidatas a “sleeper” do ano. Recoméndoa con entusiasmo, merco o seu final e rescato unha demoledora pregunta: “¿de que sirve a gracia do perdón senón é para perdoar aquelo que non podemos?”.

E da Channel 4, a grande rival da BBC, chéganos a crúa The Virtues. Joseph (rol interpretado por ese secundario de luxo que é Stephen Graham) é un home de clase traballadora, encadeado as súas adiccións e que leva a pesada carga de ser un xoguete roto dende a súa infancia e de ver tamén como o que máis quere marcha a oito mil quilómetros de distancia. Catro episodios que deixaran medio esnaquizado ao espectador máis curtido nos dramas, pero que insistimos na súa ollada.

E coma non van dúas sen tres, a terceira proposta autoconclusiva procedente das illas británicas. A adaptación desa ocurrente broma literaria que fixeron a pares Neil Gaiman e Terry Pratchett titulada Good Omens ou a eterna loita entre o Ben e o Mal da man dun anxo (Michael Sheen) e un demo (David Tennant -que faise coa historia dende o principio-) que tentan desfacer os conflitos que os seus superiores ben coma inevitables. Agardaba moito máis da serie dada a simpática lembranza que tiña da novela, pero senón estades familiarizados coa historia, de seguro gozaredes co seu visionado.

E deixo paro o final, unha das mellores producións dos últimos anos no medio televisivo. A segunda e derradeira sesión de The Deuce do grande David Simon, culmina esa lograda historia sobre a creación da industria cinematográfica para adultos na Nova Iorque de principios dos Setenta. A fauna e flora da época, recreada con todo luxo nas técnicas e cunha Maggie Gyllenhaal absolutamente colosal. Serie debedora do cine rexeneracional daqueles tempos e que se só puidera recomendar unha de todas as descritas neste artigo, sen dúbida sería esta.

Remato por hoxe. Sen dúbida non están todas as que son, pero certo é que na criba previa quedaron moitas que algún de vos salientariades por boas. Na actualidade é imposible abarcar a descomunal oferta televisiva. De feito a miña primeira intención era falarvos da orixe primixenia da mellor serie que gocei de longo como é o The Wire de David Simon e que ata ben pouco non fun de poder vela. Falo do proxecto persoal do actor Charles S. Dutton de narrar as esquinas máis complicadas do Baltimore máis esnaquizado, The Corner (2000) aínda que xa case ten dúas décadas non perdeu vixencia. Ou o peche final da mellor serie do salvaxe oeste xamais feita coma foi Deadwood, tres tempadas que cerran as tramas pendentes no filme homónimo que presentou vai ben pouco HBO para todos os seus abonados. Imprescindible, tamén.

Agardo que con este repaso televisivo poidades levar mellor as temperaturas propias deste tempo e non esquezades seguir acudindo aos cinemas, que teñen un aire acondicionado moi xeitosiño e as veces ata proxectan boas películas.

Coma MacArthur, volverei, pero sen data fixa.

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies
Social media & sharing icons powered by UltimatelySocial