Mandingo remata o repaso polo #cineuropa32 co Galveston de Melanie Laurent

0

Entramos na recta final de Cineuropa, e para hoxe imos destacar a estrea no festival do filme GALVESTON (2018) da cineasta Mélanie Laurent. Polifacética profesional da Sétima Arte e que moitos lembraredes pola fraxilidade de aceiro tépedo que transmitiu coa súa interpretación da Shosanna na notable INGLOURIOUS BASTERDS (2009) de Quentin Tarantino.

O escritor e guionista Nic Pizzolatto veu no 2010 publicada a novela GALVESTON, historia dun autónomo que traballa para o mafioso local da súa vila e que rememora a longa tradición literaria dos Raymond Chandler, Faulkner ou Cormac McCarthy; autores sen compaixón para os seus personaxes, condenados moitos deles a un tráxico e inevitable final tan afastados das propostas máis usuais que acostuman devorar ó grande público.

Saíu bo padawan Pizzolatto e, aínda co pelotazo, foi cos seus escritos para a serie TRUE DETECTIVE (2014- ). Ó mundo que mellor coñece, ó do profundo Sur da Louisiana e os seus estados veciños, co seu lumpen cheo da peculiar fauna e flora que teñen por ornamento. É xa logro grande na súa, polo de agora, prometedora carreira deste contacontos que tivo, entre outros traballos, o singular oficio de camareiro de barra por catro anos na cidade de Austin, Texas.

Xa sabedes o que dicía Billy Wilder, “se non tes historia non tes película” e por fortuna, hai unha boísima traxedia que narrar no filme. Non é que descubramos unha singradura orixinal na súa globalidade. De certo é unha “road movie” de seres malditos que non pegan nin con cola, fuxindo dun castigo de imposible agochamento nas perdidas estradas secundarias cheas de moteis baratos e bares escuros de madeira pegañenta.

Mélanie Laurent, que asina a cuarta longa coma directora e a primeira na fala inglesa, leva con mestría total a tradución nas imaxes deses seres menores surcando esas interminables rectas de asfalto, cos amplos horizontes dos manglares, das fábricas que non paran nin pola noite, vendo as facianas singulares das xentes dos pobos que percorren. Hai moito da excepcional HELL AND HIGH WATER (2016) debuxada a pares entre Taylor Sheridan e David Mackenzie, pero tamén bebe doutros filmes que moitos teredes na mente sen por iso renunciar a unha autoría persoal. E aplaudo con forza ese selo intransferible da francesa.

Sen dúbida un filme de alta calidade, apoiado nos pilares sólidos da fotografía de Arnaud Potier (na liña indie gozada na apoteose total da THE FLORIDA PROJECT (2017) de Sean Baker), das sonoridades logradas por Marc Chouarain, á música ó servizo da narrativa e non querer ser máis protagonista do que realmente é necesario, e unha edición que non semella tal de Joseph Krings -CAPTAIN FANTASTIC (2016)- que de feito é o mellor que pódese dicir do resultado de usalas tesoiras e o celo.

Roy, o noso antiheroe (rol interpretado por ese magnífico actor chamado Ben Foster) carga coa compaña de Rocky, rapaza naif, cunha traxedia ás costas pero que non perde nin a educación (a boa, claro) nin ó sorriso de agradecemento ante as mostras cáusticas de axuda que o seu compañeiro ten con ela (e coa súa irmán cativa). A rapaza, que non volverá xamais a Orange, Texas; o seu pobo natal, non é capaz de coidarse por si mesma pero non é xulgada con severidade pola directora. Recúbrea dun certo lirismo poético que a interpretación da actriz Elle Fanning convence a moitos, pero que persoalmente déixame un poso de impostura na súa caracterización a pesares do esforzo que fai diante das cámaras.

O filme, que tiña previsto a súa rodaxe no 2014 con outro director, Janus Meltz e outro actor principal, Matthias Schoenaerts está ambientado no ano 1985, no medio da guerra irano-iraquí cando ós avances na Medicina non eran os actuais e que inicialmente dábanlle unha fecha de caducidade ao noso protagonista. Data límite que non sabe como afrontala, nin a súa situación no mundo, nin a súa realidade; por iso a chegada das dúas rapazas prende un halo de esperanza na hibernada alma de Roy, acostumado coma a maioría da xente que coñece a ser un anaco de carne que pode desaparecer sen deixar rastro, sen que ninguén pregunte por el.

Oportunidade magnífica de gozar na grande pantalla por partida dobre no festival compostelán (proxeccións tanto este sábado coma maña, domingo) e de descubrir a María Valverde tentando facerse un oco no competitivo mundo do cinema estadounidense. Rol menor pero importante na sorte do filme; así coma a interpretación do sempre solvente Beau Bridges.

E cando xa non dábamos un pataco por Roy, espertamos un treboento día de agosto, vinte anos despois na beira do Golfo de México, e pechamos o ciclo desta historia de seres incómodos no escaparate principal da sociedade, meros números demográficos cun furacán levará con eles para o esquecemento inmediato da crónica periodística que auto-devora no seu vórtice (des)informativo.

Filme dunha sapiencia visual sorprendente da man dunha europea coa sangue cajuna. Non podedes perdelo seu visionado. Coido que coma opción de ocio e lecer supera, e con moito, aos cantos de sirenas das grandes superficies comerciais deste compulsivo e innecesario fin de semana, pesadelo consumista vácuo e violento nas formas que padecen tanto os seus traballadores coma (a maioría) dos seus hipnotizados consumidores de produtos repetidos, máis novos, máis caros e moito máis de moito menos.

Aquí para ledicia de moitos dos nosos sufridos lectores (textual: “Mandingo, non damos feito coa cantidade de críticas que levas, danos un respiro; non somos capaces de seguilo teu ritmo”) finaliza por este ano a miña ollada particular e carente de autoridade escolástica do festival de Cineuropa, novamente ben dirixido polo grande cinéfilo Jose Luis Losa e o seu amable e profesional equipo. Só teño boas verbas para os traballadores visibles e invisibles que ten ó certame. Parabéns moi merecidos!.

Aproveito, iso si, para facer propios ós comentarios que moitos dos nosos lectores trasladáronme e que pregan faga chegar á Dirección do festival para que nas vindeiras celebracións do Cineuropa, pódase incluír de maneira permanente, a posibilidade de proxeccións nos horarios da mañá, por que moitos dos potenciais espectadores ven imposible acudir aos filmes actualmente, por mor dos seus traballos que na maioría dos casos desempeñan polos seráns e polas noites inclusive.

Pois ben, rogo e petición anotada e enviada. De seguro que non caerá no saco roto para beneficio de todos e do Festival máis importante, (co permiso do emerxente e veterano CURTAS de Vilagarcía de Arousa), que os galegos temos a sorte de gozar na Capital de Galicia.

Xa non máis por hoxe. Vémonos nos cinemas e convídovos a seguir as nosas críticas cada venres no Xornal Lindeiros.

Keep on rocking, meus!.

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies
Social media & sharing icons powered by UltimatelySocial