Mandingo repasa os premios Goya e recomenda algo que ver na fin de semana

0

Coa resaca da gala dos Goya do pasado sábado, da que escribiremos a modo de “intro” na crónica de hoxe, aproveitamos para falar tamén de dúas series e dous filmes coma propostas de ocio e lecer para este fin de semana de vento, frío e choiva (estamos  no tempo de tales inclemencias, así que tampouco imos facer un drama por iso).

Dicíamos cos Goya 2019 repartiron premios cando menos nalgúns casos discutibles, coma soe acontecer no cento por cento deste tipo de eventos. Pódese estar máis ou menos da cordo na hora de coincidir nos recoñecementos artísticos, pero na técnica o marxe de discrepancia non tería que ter moitas opinións.

Non entrarei por tanto a valorar se as actrices e actores que gañaron o galardón meréceno máis co resto de nomeados (hai de todo, aínda que coincido na maioría). O que si aproveito é para mostrala miña sorpresa a Mellor Película para o CAMPEONES de Javier Fesser, filme necesario e de boas intencións, pero home!, mellor co magnífico pulso no ritmo cinematográfico visto na pouca ambiciosa EL REINO de Sorogoyen ou sobre todo na notable TODOS LO SABEN do iraní Asghar Farhadi (que teña que vir un cineasta do Quinto Pino a sacar as cores de vergoña da realidade social que estamos padecendo no Estado, ten tela mariñeira), fan que polo menos engurrámolo cello na nosa inconformidade.

Ten un problema o cinema español e teno dende vai xa moitos lustros. Non se recoñécen os méritos de filmes que moitas veces pasan sen pena nin gloria pola grande pantalla (cando teñen sorte de estrearse nas salas cinematográficas). Hai moito de mafias centrais e de amizades perigosas na hora das distribucións. Moitos novos cineastas agardan en vano pola subvención de quenda que permítalles realizar seus debuts e outros xa consagrados enchen o peto para mercar unha nova finca no monte.

Queremos xogar nas mesmas condicións coas producións foráneas e nin sequera temos unha auténtica industria cinematográfica, coma cansou de procurar durante décadas o mestre Luís Gª Berlanga. Non estaría mal copiar ao veciño francés na súa política relativa a Sétima Arte. Eles son o exemplo a seguir, dada a imposibilidade real de competir co poderoso músculo no orzamento que fan gala os EE.UU. e os seus primos británicos.

O cinema non entende de nacionalidades. Ou é bo ou malo. Ou está ben feito nas súas calidades ou é unha trapallada onde non respectan os traballos e os salarios dos técnicos. Xa abonda de precariedades e miserias nas producións. Por este camiño non podemos competir e as cancelas seguen pechadas para os novos talentos. Mal augurio vexo cando ollo o futuro do audiovisual no Estado (e non digo nada se focalizamos no galego, onde dan ganas de chorar de mágoa).

Esta carta aberta aos lectores do Xornal Lindeiros daría para moito máis, pero por desgraza nin tempo nin espazo temos na crítica de hoxe; así que collamos folgos e falemos da causa máis amable que son as estreas cinematográficas e as series catódicas que cada vez moitos máis siareiros teñen.

E empezamos polo filme de animación DRAGON BALL SUPER: BROLY (2018) de Tatsuya Nagamine, cineasta moi nomeado na súa casa na hora de xantar e que leva a grande pantalla o guión do mítico Akira Toriyama, creador da lenda do neno-simio Songoku e as bolas do dragón. Toriyama coa autoridade que confire selo pai de toda esa troula sen fin que foi a serie de televisión de vai máis de trinta anos, descubre a orixe dos principais protagonistas coma unha especie de homenaxe o SUPERMAN de 1978 e pouco máis.

Confeso que nunca fun moi da serie, esgotábame a paciencia cos parlamentos infinitos previas pelexas, a pouca axilidade no ritmo narrativo e os rizos argumentais na procura de mostrar os rivais dos heroes, máis fortes, máis mazarocos e máis do que queirades. Pero o certo é que foi un éxito incontestable na TVG dos Oitenta, axudado pola singular dobraxe que fixeron nos estudos de gravación. O “voute esnaquizar, miñoca” segue a ser motivo de sorrisos para os seus fans. Algo semellante o acontecido nas memorables series MAGNUM P.I. (1980-88) e THE YOUNG ONES (1982-84).

Entón preguntaredes ¿por que demo fun vela película?. Pois polos moitos seguidores que ten a serie. Por que do que seguro estou é que gozarán do filme os que xa o fixeran cos episodios interminables. A longametraxe ten virtudes coma unha historia algo máis traballada, uns bos CGI que mestúranse con acerto coa animación tradicional, un “tempo” máis áxil e a verdade é que mellora e moito a serie orixinal, coas súas pingas de humor pero, insisto, só para incondicionais do paspán de Goku e Vexeta.

No Xapón, as entradas esgotáronse cinco meses con antelación na data da estrea e  Toriyama deixou para a edición especial do blu-ray, 60 minutos adicionais de metraxe que non van no filme que podedes ver no cine. Naquel pais houbo moitas críticas polo feito case inaudito da loita que Goku e Broly manteñen e do seu resultado, aínda que coma podedes sospeitar, o final é acorde a franquía.

Deixamos o filme pero seguimos coa animación, neste caso coa serie FINAL SPACE (2018) de Olen Rogers, Magnífica sorpresa da que non agardaba moita cousa e que foi un marabilloso achado visual e narrativo. Sen querer chegar as cotas de enxeño da excepcional RICK AND MORTY (2013- ), os dez episodios de vinte e poucos minutos que completan a primeira tempada devóranse sen compaixón, sexas incondicional da Ciencia Ficción ou mero afeccionado as producións de calidade.

Con continuas chiscadelas (disimuladas ou non) a series e filmes míticos do xénero, non limítase a contar unha historia para unha audiencia limitada nunha franxa de idade exclusiva. É un triunfo para tódalas idades. Conforme avanzan os capítulos imos descubrindo coma crecen as personaxes e como a trama evoluciona a cotas de enxunlla emocional insospeitada cun epílogo excelente que déixanos con gañas de moito, moito máis.

Gary Goodspeed cumpre condena na órbita xeoestacionaria da Terra, por unha falcatruada que fixo para impresionar a unha moza. No primeiro episodio quedamos un pouco desconcertado por ver se a serie é para cativos ou mozos, pero xa no seguinte decatámonos que vai moito frikismo nos escritos de Rogers. Axuda cas situacións e os diálogos dos personaxes (un pracer escoitala na V.O.S, cos David Tennant, Gina Torres, Ron Perlman ou Conan O´Brien poñendo do seus talentos nas voces), teñen solucións orixinais e que saen do usual.

Recomendo con moito interese esta moi divertida e enxeñosa produción, non tanto orixinal por que coma xa vos contaba van moitas series e filmes que recoñecemos pero está tan ben “inspirada” neles, que dámolo por moi bo. Non agardedes moito para descubrila. Pagará a pena esas menos de catro horas que leva ver a primeira tempada completa.

Deixamos as animacións pero seguimos coas series de televisión para falar neste caso da española EL DÍA DE MAÑANA (2018), miniserie de seis capítulos brillantemente dirixida polo cineasta Mariano Barroso que a finais do século pasado estaba chamado a encabezar unha renovación do cine patrio pero que foise diluíndo coma un xeado esquecido na mesa do xantar.

Barroso adapta con moito mérito a novela homónima de Ignacio Martínez de Pisón (nada que envexar no deseño da produción as calidades das que fai gala a poderosa BBC). Na convulsa Barcelona dos Sesenta coñecemos a Justo Gil, recen chegado da aldea coa súa nai. Justo múdase a cidade mediterránea para tentar cos mellores médicos traten a enfermidade da nai e coma bo fillo non dubidará en facelo que teña que facer para conseguilo.

A pesar que nótase no exceso a literalidade nos actos conclusivos dos capítulos coa trama da novela, atrápanos polo ben ganduxados que van os retratos dos numerosos protagonistas, non tanto polas historias e si que mercamos con gozo toda a recreación do universo barcelonés, debedora dos lumpen descritos polo insigne Eduardo Mendoza ou polo cumpridor Vázquez Montalbán.

Barcelona e os seus habitantes, as súas clases e a súa especial idiosincrasia están reflexadas de maneira formidable nesta produción que seguro non vos decepcionará e que explica moitas cousas que hoxe no día están a ser novas para moitos de maneira sorprendente. Xa postos, se queredes que todo encaixe mellor, ollade antes o filme do monfortino Dani de la Torre, LA SOMBRA DE LA LEY (2018), ambientada no comezo dos Vinte que de forma sutil deixa unha boa reflexión no seu epílogo.

E por último a estrea na grande pantalla de WHITE BOY RICK (2018), historia real do adolescente Ricky Wershe Jr. que foi confidente do F.B.I. na Detroit marxinal da época na que Ronald Reagan daba por bo o “American Way of Life”, lenda de impecable deseño que agocha os inevitables prezos que hai que pagar nesa sociedade.

O novo filme do francés Yann Demange, que no 2014 filmara cun impecable pulso a frenética ´71, é unha decepcionante película polas grandes expectativas que agardábamos dela. Non é un pésimo filme coma moita critica internacional di, pero certamente si que vemos moitos erros na evolución dos personaxes principais, non por demérito das actuacións (o mellor da película son as implicacións deses dous colosos da interpretación coma son Bruce Dern e Matthew McConaughey, moi ben acompañados polo resto do elenco) senón polos chimpos abruptos e sen explicación dos diversos pasaxes que acontecen.

Unha mágoa por que a historia é tremenda e os medios na produción son merecedores de boa nota, pero queda coxa no máis importante que é a veracidade do que estamos vendo. Tiña tódolos boletos para ser unha das mellores películas do ano pero vai quedar nun coitus interruptus fílmico polo moito que deixaron na edición. Podedes vela pero sospeito que non ides descubrir nada que non vexarades con antelación noutros filmes, pero mellor resoltos.

E por hoxe máis nada. Coma os contara na pasada semana, marcho para terras trumparianas para adiantarvos as estreas do pais e os filmes nomeados para os Oscar. Serán dúas semanas cheas de cinema e series cun claro cheiro estadounidense que agardo sexan do voso agrado.

Cando volva, a ver como témolo patio traseiro, non vaia ser que prefira quedar no outro lado do Atlántico, papando frío pero feliz por perder da vista a tanto trepa político, xente indigna da confianza co rabaño electoral pon nas súas mans.

Vaia tropa…

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies
Social media & sharing icons powered by UltimatelySocial