Mandingo resúmenos o mellor e o peor do ano audiovisual

0

Coma todos saberedes, hoxe é o Día dos Santos Inocentes, data que ven lembrar unha matanza de primoxénitos acontecida no Próximo Oriente fai xa dous mil anos e que inexplicablemente evolucionou cara un día de troula e bromas rachadas. Para Mandingo, é o derradeiro venres do ano e aproveitamos para facer repaso do mellor no ano audiovisual (e tamén do esquecible) das producións que tivemos fortuna (ou desgraza) de ver no 2018.

No apartado de series televisivas faremos, coma nos filmes, unha selección das 12 mellores, outras meritorias e unhas poucas dignas de ser queimadas na fogueira das banalidades máis rexeitables.  Comezamos polo primeiro posto da lista Mandingo. Non pode ser para outra que a FEUD de Jaffe Cohen e Michael Zam. A formidable recreación biográfica das liortas -e os seus danos colaterais- que mantiveron de por vida as actrices Bette Davis e Joan Crawford. Memorable resultado artístico onde a minuciosidade no detalle máis nimio é sinónimo de grande estudo nos personaxes, nos sets de rodaxes e algo tan difícil de facer coma é triunfar nunha obra de “cine dentro do cine” coma xa tentamos narrar na crítica do pasado 12 de outubro.

A medalla de prata vai para a maior cota de xenialidade nerd gozada nos últimos lustros na hilarante RICK AND MORTY de Dan Harmond e Justin Roiland, que déixannos coa boca aberta polo seu enxeño e as chiscadelas cinéfilas coma un torrente eyaculativo sen freo nin control. Na terceira posición, o grande David Simon faise oco para contarnos as reviravoltas escuras e pegañentas do nacemento da industria do cine para adultos na neoiorquina THE DEUCE, herdeira do lumpen nocturno gozado na memorable TAXI DRIVER (1976) ou nas marxinais producións da Warhol Factory.

A medalla de chocolate vai para o DISCOVERY da saga STAR TREK, sen exaxerar unha das mellores de sempre da franquía; con ese Capitán Gabriel Lorca tan lonxe da filantrópica visión dos Kirk ou Picard. Na quinta posición a mini-serie británica COLLATERAL é o perfecto exemplo de serie excepcionalmente ben levada tanto na parte artística coma na técnica; Carey Mulligan borda o rol de detective intelixente coa paciencia propia dunha empregada de grande almacén na época do Nadal.

A loita familiar do Drácula da CASTLEVANIA animada, leva con moito mérito ó seguinte posto, non só polo trazo na liña da banda deseñada, senón sobre todo polos magníficos diálogos e motivacións dos protagonistas. Na sétima preferencia a escura, retorcida, e complexa DARK (coma son estes xermanos), cólase co desexo que tódolos cabos soltos da primeira tempada teña resolución na vindeira. Moi superior na trama e nas evolucións dos protagonistas que a decepcionante WESTWORLD, pero iso si, non pode alongar máis a goma de mascar.

Non deixamos o noso lado nerd e descubrimos unha serie incomprendida pola audiencia estadounidense pero de seguro tarde ou cedo rematará por converterse nunha xoia de culto. Falamos da traxicomedia DISJOINTED, apoloxía pro-legalista non só na acepción médica senón tamén na lúdica de todo o referente ó cultivo da planta do cáñamo. Unha canallada herdeira do espírito máis contracorrente xurdido a finais da década dos Sesenta nos EE.UU.

E coma grande, inmensa e apoteósica sorpresa a ollada ¿nostálxica? moitos lustros despois dos actores orixinais da sobrevalorada THE KARATE KID (1984), co achado de mesturar querenzas e motivacións. O KOBRA KAI pode semellar pobre na súa historia a contar, pero chega co primeiro episodio para descubrir que vai moito traballo (e respecto ó fandom) no seu guión. Gozarana os siareiros máis vellos e non decepcionará aos máis novos. Persoalmente, que nunca tiven unha simpatía extrema polo filme, encantoume os episodios televisivos.

No décimo posto, o suposto peche (ou non, coma diría Mariano, ¡ése home!), da historia que Sam Raimi e compaña comezou no ano 1981 co seu EVIL DEAD e que damos por moi bo na derradeira terceira tempada de ASH vs. EVIL DEAD. Lexións incondicionais de mozos rariños batémolas palmas na honra do actor Bruce Campbell e da familia Raimi. Por intres, hilaridade gore a niveis escatolóxicamente grotescos.

E na penúltima posición, a mellor “hard sci-fi” dende a memorable BATTLESTAR GALACTICA de Ronald D. Moore vista na pequena pantalla. Falamos THE EXPANSE, que pecha cun certo apuro o seu terceiro envite, pero por fortuna estase a filmar a cuarta, da man do home máis rico do mundo, o dono da plantación Jeff Bezos. E no posto 12, a persoal e intransferible visión de Neil Gaiman  no seu AMERICAN GODS, pasado polo tamiz de Bryan Fuller e Michael Green, que traducen con acerto a tolemia de Gaiman, para ofrecer un espectáculo visual magnífico.

Quedan no tinteiro series de moito mérito coma a comedia con tinturas surrealistas VIKINGANE, a celebrada adaptación do cómic indie THE END OF THE F***ING WORLD ou a irreverente e salvaxe PARADISE PD. Coma grande decepción, ó DISCENCHANTMENT de Matt Groening (puxo o seu nome nos créditos, pero sospeitamos que pouco máis). E coma fracaco monumental a perda de tempo que supuxo ver ALTERED CARBON, unha trapallada propia de anuncio de fragrancias sen ton nin son.

E despois deste breve recordatorio das series que máis gustáronme do 2018, toca a quenda das películas. Listado aínda máis complicado, por ser este ano especialmente bo na cantidade e na calidade. Por lóxica non están todas as que son, pero de seguro que moitas delas suporán motivo de profunda satisfacción -coma diría Ó Emérito- cando as vexades.

Aínda co mellor filme debería ser por lóxica ó mellor na produción cinematográfica (entendida na súa totalidade coma conxunción perfecta de tódalas artes técnicas e artísticas), vou deixar que venzan as emocións fronte o impecable do produto final; por que de non ser así tanto o THE POST de Spielberg coma a FIRST MAN de Chazelle son dúas colosais e abafantes películas que entran no Olimpo da Historia do Cinema. Marabillas dignas da Arte máis nova creada pola humanidade e que non canso de gozar nos seus visionados. Para eles sería o primeiro posto, se meu corazón non fora roubado polo conto de fadas malditas que Sean Baker regálanos na memorable THE FLORIDA PROJECT coma xa contamos na crítica do 12 de febreiro.

Pero aínda vai cabida no segundo escalafón do podio para outra longametraxe abraiante na súa sinxela elegancia na hora de presentarnos uns seres descoñecidos para a grande maioría, da man da cineasta Chloé Zhao. A súa THE RIDER é un canto vital hiperrealista que non envexa aos grandes mestres do cinema europeo xurdidos despois da Segunda Guerra Mundial. Outro filme de obrigada visión.

E xa no terceiro e cuarto posto, o mestre Spielberg e o vindeiro xenio do negocio, Damien Chazelle, merecen os loureiros do éxito. Para a quinta praza, a NOVEMBER onírica de Rainer Sarnet esperta en nós lembranzas dese cinema imposible na súa imaxinería coma a mítica ORDET (1955) de Dreyer ou a SULT (1966) de Carlsen, pezas de Arte atemporais, obras mestras totais.

No sexto lugar, o excepcional retrato das complexas relacións autodestructivas entre amo e criada, teñen na ollada do descomunal Paul Thomas Anderson merecemento dabondo na súa PHANTOM THREAD. Só cando pasen trinta ou corenta anos, daremos cumprido mérito á excepcional mestría deste director, único e xenial.

Na sétima posición, a ROMA de Cuarón entra con lendas douro na Historia do Cinema Mexicano, fábula amable de Cleo, que leva o drama da súa vida cunha dignidade co propio director non disimula na súa homenaxe, fermoso, conmovedor.  De seguido, a continuación quince anos despois das aventuras da familia Parr, veñen da man dun dos mellores cineastas da súa xeración: INCREDIBLES 2 é unha maxestuosa e trepidante singradura que Brad Bird leva a bo porto.

Na novena opción a sutil e delicada poesía visual amplificada pola excelsa prosa no texto adaptado na MARY SHELLEY da cineasta saudí Haifaa Al-Mansour, cántico virtuoso da loita polo recoñecemento do intelecto feminino nuns tempos non tan pretéritos coma por infortunio temos a mágoa de soportar nos novos Vixías de Occidente, moitos deles cabalgando a lombos dun machismo sen disimulo.

No décimo poste, a potente e demoledora historia de THREE BILLBOARDS OUTSIDE EBBING, MISSOURI, cun insospeitado Martin McDonagh brinda con tino e brío; ben certo é que máis de medio filme vai na caracterización desa grande dona do Cine que é Frances McDormand, autora dun dos mellores discursos de agradecemento na Historia dos Oscar.

E coma antesala a derradeira longametraxe, o tremendo thriller político ambientado na antiga perla libanesa. BEIRUT é unha magnífica lección de tensión narrativa grazas ó texto de Tony Gilroy, mestre de escritores que Brad Anderson non desaproveita.

E para rematar, a británica CALIBRE escrita e dirixida por Matt Palmer, alumno avantaxado do Peckinpah máis cru e descarnado. Filme dunha xélida dureza que lembra as dificultades de vivir no interior máis inhóspito.

Non entran por pouquiño, producións coma a artesán THE BREADWINNER, adaptación homónima da novela de Deborah Ellis, esperanza de fuxida do Inferno talibán; o triunfo visual e na edición do SPIDER-MAN: INTO THE SPIDER-VERSE de Lord, Ramsey e Persichetti;  a volta do Paul Schrader máis calvinista posible na lapidaria FIRST REFORMED; a crítica feroz desa Italia basta e violenta que Garrone borda na DOGMAN; a necesaria LA NOCHE DE 12 AÑOS de Álvaro Brechner, denuncia da barbarie dos que mandan dende o odio e a tiranía; a feliz volta do Spike Lee máis próximo ós seus mellores traballos na falsa comedia BLACKKKLANSMAN; a colorista e tremendamente respectuosa COCO de Unkrich e Molina; o descubrimento feliz no Estado dun cineasta coma Paul Urkijo e o seu ERREMENTARI, mestura do mellor cinema da primeira etapa de Álex de la Iglesia, cunhas pingas de Guillermo del Toro (non esquecemos a súa THE SHAPE OF WATER) e tamén do Tim Burton máis barroco; e coma epílogo os tremendos dramas ocultos nesas bromas supostas que son THE DEATH OF STALIN de Iannucci ou THE MISEDUCATION OF CAMERON POST de Akhavan.

Nin sequera merecen ser nomeadas, pero vou alertar aos lectores do insulto a intelixencia humana que son os ¿filmes? HIGH LIFE de Claire Denis, REVENGE de Coralie Fargeat, SLENDER MAN de Sylvain White e YOU WERE NEVER REALLY HERE de Lynne Ramsay. Póker terrible que converten en ornamentos de luxo títulos pésimos como o MANDY de Panos Cosmatos, ou o MORTAL ENGINES de Christian Rivers.

Quedoume o final un pouco hater, ben o sei; pero levo todo ano contando ata vinte. Perdoádeme este ímpeto trumpariano.

Tede un bo Aninovo e lembrade: a cada home un voto e a cada mono, o seu plátano.

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies
Social media & sharing icons powered by UltimatelySocial