Mandingo repasa as, para él, as mellores series do ano

1

Mandingo. Cinéfago voraz e compulsivo cunha clara mellora nas súas relacións sociais. Unánimente recoñecido “polo tipo que ninguén quere escoitar falando de cine”, criouse sen avoa. Se vostede atopa con él, protexa o seu peto ou saia correndo.

Entrando no derradeiro mes de 2017, a Mandingo parécelle oportuno lembrar as producións televisivas que máis lle chamaron a atención, xa por motivos cualitativos ou por xerar decepcións ante as previas expectativas creadas. Aí van as que son (poderían ser máis, poderían ser menos).

Abrimos ista crónica das series do ano con STAR TREK DISCOVERY de Bryan Fuller, reputado guionista de AMERICAN GODS, HANNIBAL ou PUSHING DAISIES. Esperada e desexada serie cuns CGI por fin acordes ós tempos nos que estamos e con un deseño da arte moi superior a media do resto de produción da saga. A serie adéntranos dez anos antes dos feitos narrados na historia primixenia. Especial mención, a importancia e o tempo que lle dedican a parte Klingon co seus coidados diálogos e as súas xustas (dende a súa perspectiva) motivacións. Do mellor sen dúbida. Na parte da Federación, seguen con ese toque inxenuo de nobres principios que pontificara o optimista de Gene Roddenberry, esa “boa onda” de boy scout, de non comezar unha pelexa aínda cando sabes que van a repartir a torto e a dereito. Váleme ben. Tamén compro ese argumento. É parte da idiosincrasia da Frota Estelar. Pódese fiar fino co intre actual, por iso STAR TREK é o que é. Non renuncia a súa débeda histórica contemporánea. Vai toda a chicha argumental que lle queiras sacar. Se queres. Pero tamén van combates estelares e desenlaces imprevisibles. E Sarek. Agardo que de máis xogo un dos meus vulcanianos favoritos (o cal non é difícil, apenas quedan). E por encima de todo e de todos, o fascinante Gabriel Lorca. O primeiro capitán da saga, indigno do seu posto. Imprescindible para o fandom e moi recomendable para o un consumidor exixente.

Non deixámolo o xélido Espazo, por que imos a viaxar na “Rocinante” na segunda tempada de THE EXPANSE de Mark Fergus e Hawk Ostby. Se a primeira foi un maravilloso achado, a segunda antóxasenos apoteósica para tódolos siareiros da Ciencia Ficción. Co apoio no orzamento da fagocitadora audiovisual NETFLIX, a serie brilla con máis esplendor (mellores CGI e notables conceptos de arte), sen perder por elo ningún chisco de interese nas múltiples tramas. Segue a “guerra fría” entre a A Terra e Marte. Os conflitos “terroristas” dos cinturianos, ó xadrez político nas loitas polo Poder, ás friccións e as desigualdades sociais. A fuxida ó precipicio dos refuxiados. O terror “foráneo” xa non tan expectante, con recoñecemento da súa propia identidade. Novos e enriquecedores persoaxes. Solidez argumental. Grandes diálogos. Situacións ben rematadas. A fermosa homenaxe a Cervantes… A mellor serie de C/F dende a case perfecta BATTLESTAR GALACTICA (2004-2009) de Ronal D Moore e Glen A. Larson. Un disfrute para ós amantes das series en xeral e de comunión diaria para ó “nerd” que levas dentro.

Brincamos de xénero, e metémonos no mundo fantástico de CASTLEVANIA (2017) de Sam Deats, enmarcada nas series de animación para adultos baseada no mítico universo do videoxogo desenrolado por Konami van xa máis de trinta anos. Catro episodios, cheos de grandes talentos nas voces, regular no seu subtitulado, cun trazo de liña aceptable, ben editado, posuidora dunha boa B.S.O. e unha épica historia con diálogos de moito nivel. Cunha estética moi próxima o anime xaponés, alónxase acertadamente de escoller situación propias das produción niponas, non hai adolescentes coma protagonistas que salvan o mundo no que mal viven. Demos xurdidos do Averno, feiticeiras, magos, o mesmo Drácula presente, sacerdotes guerreiros, vampiros, cíclopes, licántropos, bispos inquisitoriais, falantes místicos e por suposto, Trevor de Belmont; un Harry “O Porco” do século XV, disposto a meterse en todo tipo de problemas. Moi entretida.

E continuamos no máxico mundo de cores para falar dunha das mais orixinais e deliciosas series que vin na miña vida. RICK AND MORTY de Justin Roiland e Dan Harmon, que xa van pola terceira tempada, e que fan palidecer pola súa orixinalidade a series de envergadura como FAMILY GUY ou THE SIMPSONS. Á asombrosa imaxinería que posúe vai “in crescendo” conforme avanzan os episodios. Ós sorrisos e as gargalladas son continuas. Coma os homenaxes cinéfilos constantes (sobre todo en clásicos da Ciencia Ficción). Rick é un científico xenial, alcohólico, flatulento e mal falado (unha descarnada versión sen remordementos de Emmett Brown) que acostuma a viaxar ó través de outras dimensións espazo-tempo, polo xeral acompañado do seu neto Morty, ó trasunto de Marty McFly, o cal fáltalle ó menos un dos tres fervores que leva un bo polbo a feira. Completan o núcleo familiar un esposo con evidentes picos de idiocia, unha esposa que aporta algo de cordura (tampouco moita) e a filla maior, agobiada pola tropa coa que ten que convivir. Todo o demais é xenialidade, tras xenialidade. Serie friki, para disfrutar en familia despois da misa das doce.

Ímonos poñer un pouco serios para falar de FIVE COME BACK. Produción tutelada por Steven Spielberg, sobre as venturas e desventuras de cinco directores do Hollywood máis dourado. Esta miniserie de tres episodios dirixidos por Laurent Bourezeau, rescata imaxes históricas dos equipos de rodaxe, en ocasións no medio da batalla e as mestura con reflexións demasiado guionizadas de directores contemporáneos. Testemuñas en primeiro plano, a ningún dos cinco cineastas saíulle “gratis” esta singradura. Sen querer destacar a un por enriba do resto (no documental si o fan), o que viviron no campo de loita afectoulles nas súas posteriores carreiras. No caso de Geoge Stevens non volveu a dirixir comedias, para as que tiña un certo don, pero a súa filmografía viuse enriquecida polo que agora considéranse “clásicos norteamericanos”. Capra, ó xestor de toda esta historia e que a súa volta ninguén lembraba, filmou o seu título máis persoal. O grande William Wyler, acadou as súas maiores cotas de grandeza nos seguintes anos e John Huston, o máis novo e cunha visión máis actualizada de cómo impactar a audiencia, remataría por converterse nun dos máximos representantes do “filma coma vives”. Deixo para ó final o meu admirado John Ford. Se xa antes do conflito era un reputado cineasta, tras o seu regreso, a súa lonxeva carreira deparou as mellores obras de arte que o cinema estadounidense xamáis produciu. Quédome co amor ó cinema que Spielberg transmite cando fala destes artistas que de boas a primeiras, vestíronos de soldados. Agradécese escoitar a Coppola, a Kasdan e a Del Toro. Non así a Greengrass. Tamén vai lugar para a autocrítica de cousas que fixéronse no nome da propaganda, da inicial incompetencia dos altos mandos, do racismo, do recelo dos británicos co traballo dos americanos, das políticas de “despacho”, en fin, da GUERRA. O peor invento da Humanidade. Gustará ós amantes do cinema, ós estudiosos da II G.M. e a tódolos que non queren esquecer.

Deixo para o final as series THE OA , THE LAST KINGDOM e FUTURE MAN. Da primeira, dicir que non é unha serie “calquera”. Necesítase para o seu visionado tempo para asimilar as propostas que plantexa. A serie de Brit Marling e Zal Batmanglij fantasea coa grande pregunta que a Humanidade faise dende o longo, non xa, da súa Historia, se non incluso da súa Prehistoria. ¿Qué vai “despois”, se é que vai algo?. Co mito do moderno Prometeo presente, esta produción lévanos suavemente ata un desenlace que cumpre coas expectativas xeradas durante o seu visionado. E unha memorable serie. Do mellor do 2017. Totalmente diferente, é a recreación histórica do nacemento de Inglaterra coma nación. A serie británica do 2015, que vai pola súa terceira tempada (en produción), está baseada nas novelas THE SAXON STORIES escritas por Bernard Cornwell, que tamén asina coma guionista da serie. Cunha coidadísima base histórica narra a historia de Uhtred de Bebbanburg, saxón de nacimento pero criado coma un danés. Finais do século IX. Serie á sombra da cada vez máis decepcionante GAME OF THRONES, pero que ten no apartado técnico un delicado traballo que nada ten que envexar ó monstruo de sete cabezas no que estase a converter o traballo de George R.R. Martin, David Benioff e D.B.Weiss. De calquera forma, THE LAST KINGDOM é un disfrute absoluto para os amantes das series históricas. E para rematar, a última sorpresa do ano. A xenial FUTURE MAN de Kyle Hunter e Ariel Shaffir, dupla de talento que xa sorprenderán coa moi irreverente SAUSAGE PARTY (2016) ou THIS IS THE END (2013). Humor de trazo groso, escatolóxico, na liña do seu produtor e amigo Seth Rogen e cunha cascada de triscadelos a películas míticas do cinema estadounidense e a persoaxes famosos (cunha especial e divertidísima obsesión por James Cameron). A grande sorpresa do ano. Divertida a rabiar. Premio ó “sleeper” de 2017. Unha pequena e lograda xoia.

E nada máis, ¿ou si?. ¿Son o único que quedou medio feito polvo pola baixada na calidade argumental da segunda tempada de STRANGER THINGS?. Xa me diredes.

Vémonos nos cinemas.

Share.

1 comentario

  1. Aprezado Mandingo:
    Lamentablemente non é vostede o único que apreza unha notable baixa de calidade na 2ª de Stranger Things. Unha mágoa pero non aguantei nin o primeiro episodio. Entroume o sono.
    Saúdos,
    Hoki

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies