Mandingo traénos esta semana un menú de dous pratos e sobremesa que comeza con terror

0

Hoxe luns 27 de agosto, Mandigo presenta un menú cinematográfico de dous pratos e sobremesa empezando por un pouco de terror coa británica THE RITUAL (2017) estreada hai moi pouco, a inclasificable produción francesa REVENGE (2017) na carteleira do cine compostelán máis orientado ao cinema de arte e ensaio e para rematar coa moi lograda recreación dos anos fundacionais da revista satírica estadounidense National Lampoo, no filme A FUTILE AND STUPID GESTURE (2018).

Aínda que o xénero de terror ten unha profunda crise a hora de abordar as historias que contan pola súa teima argumental repetitiva dende xa hai moitas décadas, de cando en cando, saen filmes que sorprenden para ben pola execución, a orixinalidade argumental, as técnicas cinematográficas ou pola suma de todas. Ás mentes dos lectores veñen títulos xa comentados nesta sección coma THE WITCH (2015), THELMA (2017), A GHOST STORY (2017) ou A QUIET PLACE (2018) por citar as máis próximas no tempo.

Pero, por desgraza, son excepcións ante a inxente cantidade (que non calidade) de subprodutos que saen ao mercado do audiovisual nas súas diferentes canles de exhibición. Axuda que os amantes do xénero (e as súas ramificacións) sexan na maior parte “lexión” incondicional con escasa esixencia nas calidades das películas. E os entendo ben, por que a min acontéceme o mesmo, pero na Ciencia Ficción. Papo de todo, así que non vou ser eu o que poña a caer dun burro os gustos “diferentes” dos fans do terror.

O director David Bruckner, con pouca bagaxe nas longas, presenta THE RITUAL á grande, mediana e pequena pantalla da man do guionista Joe Barton, que adapta a novela homónima de Adam Nevill. O filme arranca con cinco amigos nun pub, planeando cara onde ir nas súas vacacións. Máis cerca dos corenta que dos trinta, xa van vellos para Ibiza e moi novos para facer sendeirismo no Paso dos Reis na Suecia máis panorámica.

Tras un salto no tempo que non chega ao lanzamento épico de óso polo homo habilis de Kubrick, vemos como os rapaces están de acampada no país que deu orixe ao grupo Abba (¿que lle fixo a Humanidade aos louros do Norte, para semellante acto de crueldade?). Os motivos polos que os ingleses van por eses lares (na realidade os exteriores localízanse na Romanía do Drácula)  non podo contalos sen caer no spoiler, así que imos directamente dicirvos que en vez de seguir o camiño ben sinalado e ben despexadiño, vanse meter no medio dun bosque tan tétrico que converte ao de Fangorn nunha alameda versallesca.

Por desgraza tódolos tópicos do xénero caen polo seu propio peso e as situacións ás que deben enfrontarse estes mazarocos (sonche un pouco “english trash”, destes que van por eses mundos de deus e quéixanse por estar rodeados de locais), son previsibles e prescindibles.

Que vos podo contar sen destripalo filme?. Pois a verdade e que moi pouco. Conto de medo, con besta demoníaca polo medio (por suposto, haberá unha explicación na parte final da orixe da Besta), adoradores inmortais da mesma, os mazaroc… istoo, os rapaces van sendo esnaquizados un a un, etc…

O epílogo?. Non hai que ser moi listo para sospeitar como remata esta leria, así que se queredes vela, por min perfecto, pero non sae nin un ápice da liña prototípica destas producións de medio pelo, que nos Oitenta eran carne de canón para consumo directo nos videoclubes e agora completan o catálogo na grela de títulos da canle de streaming de quenda.

Un lector comentábame vai pouco que polo xeral adoitaba escribir dos filmes ou das series de menos a máis. E dicir, as peores abrían sempre as crónicas para pechar sempre coas mellores. Pois a forza de ser honesto non reparei no detalle e non sei se é así ou non. O certo é que o segundo filme a tratar hoxe, Revenge, non só e moito peor que o primeiro, senón que vai rivalizar con moito mérito por ser a película máis impresentable do que vai de ano, en moi dura pugna a esa lobotomía estético-onanista que é YOU WERE NEVER REALLY HERE de Linney Ramsay.

A francesa Coralie Fargeat (dende xa, gravada a lume vivo na nosa memoria como cineasta a fuxir de calquera das súas futuras propostas cinematográficas) ten os santos bemoles de presentar a historia de tres homes de negocios que cítanse nunha casa do deserto de Utah ou Nevada (en realidade é Marrocos) para cazar coma fan tódolos anos. Desta vez, un deles leva unha rapaza fermosa, Jen, que esperta as baixas paixóns dos outros dous gañáns.

A mazá prohibida que sorrí e xoga despreocupadamente, coma si dunha Amy recentemente saída do STRAW DOGS (1971) de Peckinpah tratárase. A cineasta pon a cámara unha e outra vez a media altura para de forma obsesiva resaltar a anatomía da nova (¡durante toda a metraxe!). Na primeira media hora boto a segunda ollada ó reloxo. O visto polo de agora é todo moi basto, moi evidente, moi plano.

Loxicamente, sucede unha cousa traumática e como resultado dela vai unha sorpresa argumental. “Vaia, a ver se repunta esta trapallada”, penso para min. Pero non, a cousa vai a peor, e a proposta argumental e a imaxinaria pola que aposta Fargeat é dunha vacua pretenciosidade, querendo xogar a “enfant terrible” pero sen arriscar realmente por aquilo de non vaia ser que non me seleccionen ó filme para Un Certain Regard de Cannes. Para iso quedo coa proposta que Goteira fai no seu DHOGS (2017), que pode gustar ou non o seu trazo descontinuo na narrativa, pero que é selo de autoría e non de impostura estética que xoga co recurso fácil do gore e recreándose nas imaxes que máis facilmente podan incomodar ao espectador. Pero, amiguiña, non coa nin co coador chinés.

Tras levalas mans máis dunha vez ante o despropósito do que vemos, o derradeiro terzo ofrece un tsunami sanguinolento dos protagonistas que sorprende pero pola capacidade sobrehumana que teñen para perder fluídos e non morrer.

A directora cólgase unha medalla citando coma fonte de inspiración ao cinema de Cronenberg -¿pero que viu do canadense?-, ao filme WILD AT HEART (1990) de Lynch -¿de verdade?- a sobrevalorada DRIVE (2011) -agora sí que empézanme a cadralas contas-  ou a plúmbea UNDER THE SKIN (2013) -¡Bingo!-.

Podemos salvar algún apartado na técnica?. Se queredes a honra que fai Robin Coudert na súa B.S.O. a John Carpenter, pero tampouco. Nesta historia non encaixa ben. De feito nada funciona. O que déixame así coa faciana do timo do “tocomocho” é que fun vela ao cine no que supostamente velan polas calidades máis sibaritas. ¡Pois tremendo gol que lles meteron!.

E que me meteron a min tamén. (¡Rabudo sentido arácnido!. ¿Por que non lle faría caso?.

Pero non vai mal que cen anos dure, e para rematar aquí vai as magníficas sensacións que levei co biopic-homenaxe dos mellores anos na vida de Doug Kenny, un dos grandes da comedia contra-cultural dende finais dos Sesenta ata o seu pasamento e que influíu a tantos cómicos, guionistas, actores, cineastas e resto de xente de mal vivir e peor conspirar.

A dupla artística de escritores Michael Colton e John Aboud -PENGUINS OF MADAGASCAR (2014)- adapta a novela de Josh Karp A FUTILE AND STUPID GESTURE para botar unha ollada a ese colectivo de tolos xeniais inadaptados e irreverentes contra todo o socialmente ben establecido.

Doug e o seu amigo Henry Beard, dúas mentes preclaras cun certo éxito de notoriedade na elitista universidade de Harvard, levan o seu proxecto editorial NATIONAL LAMPOO a cotas de popularidade e de ventas coma ninguén podía sospeitar na época. A revista mensual satírica foi precursora a hora de engadir contidos nunca antes vistos pola mocidade. Tiras cómicas con espidos, humor politicamente incorrecto (pero moito), o presidente Nixon coma obxecto de mofa, befa e escarnio, os sacrosantos valores de familia, patria, Igrexa, bandeira mesturándose no remuíño que fai a auga ao tirar da cisterna, en fin, non había temáticas tabús a debater nas xuntanzas do equipo editorial. A ousadía sen límite nin temor as demandas millonarias. Magnífico a secuencia no que editor sae unha e outra vez do seu despacho berrando camiño de Kenny e Beard: “¡Disney demándanos!”. “Wolkswagen demándanos”. “O partido Nazi Americano demándanos!. ¡Oh, agarda… é unha carta de parabéns!”.

Eran outros tempos, onde a Primeira Emenda tiña un significado e valor real. Naquela guarida de librepensadores xurdiron (directa ou indirectamente) os Bill Murray, John Belushi, Chevy Chase, Harold Ramis, Ivan Reitman, John Landis, Dan Aykroyd e só por citar aos máis coñecidos. O magazine traspasou fronteiras e na maioría dos países occidentais xurdiron reflexos do estilo do Papus, Sal y Pimienta, El Víbora, El Jueves, por citar só os que se editáron no Estado Español.

Todos os que sobreviviron a esa época sen freo nin control, lémbrana cunha certa nostálxica e incredulidade na comparativa que na actualidade acontece nos países occidentais e o evidente retroceso nos Dereitos e Liberdades da Sociedade. Non digo que agora todos teñamos que levar un billete de 20 euros enrolado no nariz, pero non me digades que as Leis aprobadas nos últimos anos son un avance nas garantías dos cidadáns. Cando na Corte Real cortámoslle a testa ó bufón, mal asunto…

De todo o bo que xurdiu da mente de Doug Kenny (eterno Peter Pan famento de cariño), quédanos ANIMAL HOUSE (1978) de Landis. Filme mítico no que inspíranse, 40 anos despois, as comedias de estudantes que fanse en calquera país en maior ou menor medida.

Película moi recomendable para todas esas mentes con inquedanzas afastadas da recomendacións de ocio que ofrecen as canles de telelixo.

Por hoxe chegou. A vindeira semana, atoparédesme cunha crónica in situ a 5.288 quilómetros.

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies
Social media & sharing icons powered by UltimatelySocial