Mandingo traénos os traballos de Rachel Lears, Zhang Yimou e Neil Marshall

0

Achegámonos neste sábado 18 de maio a catro propostas audiovisuais ben diferentes entre si pero que de seguro algunha delas terá a vosa aprobación, dada a innegable calidade de alo menos unha delas. Refírome a formidable THE SISTERS BROTHERS (2018) do francés Jacques Audiard, que estréase no Estado na grande pantalla, pero que nós xa tivemos oportunidade de gozala cando viaxamos no pasado as terras trumparianas, coma xa reflexáramos na crítica do pasado 15 de febreiro.

E se o filme de Audiard xa o coñecedes, vai a nosa segunda proposta no documental KNOCK DOWN THE HOUSE (2019) de Rachel Lears, afortunado conto de fadas mundanas convertido na realidade máis actual dunha grande parte da sociedade estadounidense. Lears, aproveitando o vento favorable dos trocos sociais que exixen os máis novos fronte a Poder establecido, inmutable e rancio, narra a historia de catro mulleres que sen apoios do “aparato” do Partido Demócrata preséntanse ao Congreso dos EE.UU.

O documental non tería moita máis sorte na súa distribución senón fora polo insospeitado triunfo da candidatura de Alexandria Ocasio-Cortez que con só 28 anos derrotou a Joseph Crowley, un dos homes forte do partido do burro e que levaba sendo reelixido para o posto de congresista case catro lustros de maneira continua.

A verdade é que como documental que contraste ou proporcione datos sobre o fluxo das influencias e a orixe dos cartos para as campañas electorais queda un pouco curto (aínda que algunha perla soltan…), saboreámolo polo realismo case de “Nouvelle Vague” coa que contan os periplos das catro candidatas. Nin que dicir ten que Ocasio-Cortez é a protagonista absoluta, unha muller chamada ser figura clave das vindeiras décadas a pouco que siga coa testa tan ben amoblada como semella que ten.

A lóxica e a clarividencia coa que expón argumentos nos tempos do odio e da ignorancia do Axente Laranxa, fana clara recolle-testemuña do legado de Bernie Sanders e futurible candidata a Presidencia dos EE.UU. Aínda é moi nova para os estándares estadounidenses, pero ao igual que Obama no seu intre, unha estrela na Política chegou para, agardemos, tentar trocar o Sistema.

KNOCK DOWN THE HOUSE gustará, e moito, aos soñadores que aínda creen que é posible unha cura dos males que presentan as sociedades do libre mercado e as súas tiranías capitalistas; pero ¡ollo!, que o documental non tenta adoutrinar ideoloxicamente, nin facer bandeiras. Converte en achado triunfal a chegada dos movementos de base, a coordinación na súas mobilizacións e a demostración que se todos van da man na mesma dirección, outro futuro é posible.

Non estaría de máis que os responsables das numerosas corporacións progresistas dentro do Estado, colleran boa nota e se deixaran de tantas frontes disidentes de liberacións xudeo-masónicas no contubernio pedante rimbombante. 

Pero sospeito que nin por esas…

Collamos folgos renovados despois da optimista visión da cineasta americana, por que boa falla vainos facer para abordar o novo filme do chinés Zhang Yimou, outrora filmador de filmes absolutamente excepcionais (na súa primeira etapa) e que dende vai moito tempo xa, dálle por ofertar espectáculos visuais moi ben ornamentados pero carentes de contidos narrativos dun mínimo interese.

Para YING (2018), Yimou remonta lixeiramente a terrible mediocridade na que asentouse coa conveniencia doméstica do Partido Comunista da China Continental, e ofrece unha moi preciosista e lenta historia de intrigas político-palaciegas, con dobres identidades (segredas, máis ben), que conta un período de convulsións no Antigo Reino.

Nada que non víramos xa dabondo noutras longas con mellor ou peor sorte no seu argumento. O destacable do filme é a aposta cromática de Yimou (un acerto, sen dúbida expor un filme en cor, baseándose nas cores primarias que van dende o negro ata o branco, pasando por innumerables tons grises). E non ai moito máis, a verdade. Certo que o tempo narrativo no Oriente é distinto a percepción que polo xeral, ten o cinema occidental, pero unha cousa e iso e outra ben distinto é case morrer do sopor ante as coreografías absurdas ata o ridículo máis vergoñoso.

É un Yimou, mellor do que estamos acostumados e o é polo epílogo tan pouco sospeitado e que coma unha cascada imparable sorprende ante tanta modorra que produce o visionado do filme.

Este tipo de cine ten o seu público, pero eu non son un deles. A lo menos sempre nos quedarán títulos inesquecibles coma as fermosas SORGO ROJO (1987), JU DOU (1990), LA LINTERNA ROJA (1991) ou VIVIR (1994). E excepcionalmente, poño os títulos coma se coñecen no Estado, por aquelo do que idioma chinés sospeito, que aínda non o dominamos todos.

E coma peche da crónica de hoxe, o reboot que non secuela, das venturas do neno-demo xurdido da mente de Mike Mignola e que co paso dos anos, convértese nun activo principal na loita contras as forzas escuras do Mal. Falamos, claro está, do HELLBOY (2019) de Neil Marshall, cineasta que seguimos dende que no 2002, presentase aquela moi curiosa opera prima titulada DOG SOLDIERS e que recomendamos coma moi orixinal e divertida historia que mestura Fantástico e Terror a partes iguais.

Por desgraza, aínda co filme foi promocionado coma o máis logrado referente do cómic de Mignola, como produto cinematográfico baixa moito nas calidades narrativas das que tíñamos na mente dos outros filmes dirixidos por Guillermo del Toro (especialmente o HELLBOY de 2004 e non tanto do 2008).

É inevitable facer unha comparativa dos primeiros filmes e o escrito de Andrew Cosby non chega a satisfacer por moito co propio Mignola botara unha ollada ao proxecto. Podo aceptar esa reviravolta de Hellboy máis de xuventude, algún gag moi da banda deseñada e algunha que outra secuencia gore que gozamos coma non habitual nestes parámetros cinematográficos (vergonzoso non obstante que a versión estreada no Estado este censurada con respecto a proxectada nos EE.UU.).

Pero o filme non sorprende, nin estimula e por intres atopámonos con situacións que entorpecen a liña narrativa. Non vexo tampouco un acerto a elección dos actores (nin sequera ese formidable intérprete que é Ian McShane, sálvoo da queima) e meter a liñaxe de Arturo Pendragón nestas lerias non o vexo coma prodixio de orixinalidade.

Sei que estou sendo crítico no exceso, por que a longametraxe entretén dentro duns baremos de escasa exixencia, pero xa vai sendo hora de pedir máis traballo no texto a adaptar, que coa sempiterna escusa de ser unha produción de Xénero Fantástico, semella que tragamos con todo; e non é xa nunca máis así. ¿A culpa de dita sentencia?. O memorable exemplo da excepcional AVENGERS: ENDGAME.

E con esta brevidade na crítica de hoxe, aproveito para dicirvos que as miñas impresións para o Xornal Lindeiros seguirán con boa saúde pero imos reformulalas na súa puntualidade e periocidade. Co obxectivo de ofrecervos unhas crónicas a altura que merecedes, achegarémonos con máis tino e cun formato diferente do actual. Aínda estamos traballando nas novas propostas coma para poder adiantarvos algunha novidade. Só agardo que sexan do voso agrado.

Moitas grazas meus moi estimados lectores.

Non deixedes de acudir aos cinemas.

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies
Social media & sharing icons powered by UltimatelySocial