займ срочно

A menos de sete días de celebrarse a cerimonia dos premios Oscar 2018, Mandingo vai a fume de carozo entrando e saíndo nos cinemas coma galiña sen cabeza, batendo  coas butacas, perdendo os seus chapeus e esquecendo os paraugas, pero da todo por bo se é coa esperanza de levar o seu predicamento onde ninguén chegou xamais.

A proposta de hoxe, para os nosos sufridos lectores, é un primeiro lixeiro pero saboroso prato indie para rematar cunha contundente -a fartar- serie de ciencia ficción.

Nomeada a cinco alopécicas figuras douradas (Filme, Directora, Actriz Principal, Actriz Secundaria e Guión Orixinal), LADY BIRD (2017) é a primeira “longa” que asina a tamén guionista, Greta Gerwig. Filme case que autobiográfico da xuventude sufrida pola directora na cidade de Sacramento a comezos do século XXI.

 

Christine, é unha rapaza cunhas inquedanzas culturais afastadas da masa poboacional coa que convive. Ten o anhelo de poder estudar na costa Este dos EE.UU. en calquera das mellores e máis prestixiosas universidades da “cidade que nunca durme”. O problema é que o seu expediente académico deixa moito que desexar (considérase moito mellor alumna do que é na realidade) e a economía da súa familia non da para semellante inversión.

Eses dous graves atrancos non impiden a súa teimosía de querer ir a esa soñada e mística Babilonia intelectual e artística que é a cidade de Nova Iorque ao custo que faga falla, aínda que para conseguilo teña que poñer patas arriba a súa convivencia coa familia e coas súas amizades.

Para subliñar a súa singularidade fronte ós demais faise chamar Lady Bird, coma se dun tratamento de honra tratárase, para poder afastar todo o nocivo e fedorento que rodéalle no seu día a día. É unha moza egoísta, coa testa nas nubes, incapaz de ver os problemas reais aos que se enfróntan os seus país e sen querer asumir as súas propias responsabilidades.

Unha xoíña vaia.

Pero non é mala persoa. So é unha adolescente que intenta atopar o seu sitio no mundo da maneira máis rápida e directa posible. Non pode agardar ningún segundo. Todo ten que ser feito para onte. Moito carácter que ten (outros dirían ausencia de boas maneiras). E claro, bate de fronte coa súa nai que non sabe cómo axudar a esa bomba emocional. Tremendas as discusións que teñen, observadas por un pai nimio e pasivo.

Sen dúbida atopámonos cunha película de “actores”. O forte do filme son as interpretacións e vexo con moitas opcións de levalo premio para a actriz Laurie Metcalf, unha desas grandes e descoñecidas secundarias cunha carreira lonxeva e que sempre ofrece uns rexistros admirables. Moitos a lembraredes por ser a irmán pequena na ficción, da serie dos oitenta ROSEANNE (1988-1997), onde tamén destapouse coma unha grande persoalidade das táboas o excelso actor John Goodman.

Ó respecto da actriz principal, Saoirse Ronan, que descubrímola no Vello Continente con esa proposta elegantemente decadente que era o BYZANTIUM (2012) de Neil Jordan –filme a recuperar, meus queridos drugos- dicir que está a converterse na musa dos “indies”. Posuidora dun grande talento de voz non sería descabelado darlle o favoritismo da crítica, pero coido que Frances McDormand vai levalo premio este ano. Onde vexo que poida “rascar” algo máis é no guión orixinal e coma sorpresa maiúscula o de mellor directora (grazas a suma da valía da cineasta e da forte corrente que vai hoxendía no Hollywood actual que pretende, con bo tino, esnaquizar todo esa porcallenta tradición machista de non recoñecer e apoiar o talento feminino). Non penso que gañe o premio da mellor película, mais que nada por que dous anos seguidos concedendo “o gordo” a unha produción independente pode ser excesivo para a industria cinematográfica estadounidense.

E xa que sacámolo tema, mencionar que a directora recoñece coma unha notable influenza o filme de Barry Jenkins na súa obra. Non é MOONLIGHT (2016), afortunadamente para Gerwig, mellor filme que LADY BIRD, pero o ano pasado os “haters” de LA LA LAND (2016) de Chazelle, sumaron esforzos para evitar que gañara o máximo recoñecemento. Inxusto a todas luces, pero é o que teñen as votacións. As veces acertan e escollen a persoas de pel negra e outras veces sae elixida xente coa pel de cor laranxa.

O filme vese e disfrútase grazas o perfecto encaixe que fan a montaxe dun novel Nick Houy -autor da edición da formidable serie THE NIGHT OF (2016)-, a imperceptible e discreta fotografía de Sam Levy, acorde ó ritmo do filme, e a música case silente que camiña e pasa no bico dos pés de Jon Brion, compositor que lembramos nas memorables MAGNOLIA (1999) e PUNCH DRUNK LOVE (2002), do noso admirado Paul Thomas Anderson.

Unha boa película, sen dúbida, pero non a mellor deste ano.

E agora, vouvos deixar co meu lado mais nerd para que vos conte as impresións que levou tralo visionado da nova serie da franquicia STAR TREK.

A primeira tempada de DISCOVERY, emitida en dúas tandas ó longo do ano pasado e comezos deste é unha das mellores que endexamais produciu a CBS, dona dos dereitos televisivos.

A creación conxunta de Bryan Fuller –guionista e productor das anteriores S.T. VOYAGER (2000) e S.T. DEEP SPACE NINE (1997)- e Alex Kurtzman, responsable de produtos que non destacan polas súas calidades argumentais pero que si teñen un sobresaínte traballo de produción coma o STAR TREK de 2009 ou ENDER´S GAME (2013), da coma resultado unha formidable conxunción astral.

Despois de remátalo o derradeiro capítulo, collemos folgos e lamentamos non ter unha máquina do tempo (ónde gardaría Rod Taylor a súa?) que nos leve no futuro ó minuto 1´ do primeiro episodio da segunda tempada, xa que tal é a conmoción levada polo magnífico colofón da serie.

Así, tal cual, comezando a casa polo tellado.

Poñamos un pouco de orde.

A historia comeza, na cronoloxía da Frota Estelar, dez anos antes da serie orixinal rodada xa vai ¡52 anos!. A humana Michael Burnham é a filla adoptiva do embaixador Sarek, e dicir… ¡a irmán de Spock! (quedos, rapaces; que polo de agora non sae…). Cunha excelsa educación vulcaniana está moi por encima das habilidades dos terráqueos correntes (algo así coma a crianza e tutela que tivo Aragorn no Rivendel do Elrond). Deseguida destaca pola súa competencia e aptitudes. Por desgraza acontece un infortunio e  cúlpana a ela. A única saída que ten é aceptala oferta do Capitán Gabriel Lorca e colaborar, fora dos rexistros oficias, na loita contra os klingon.

Cando pensábamos que xa estaba todo visto no universo STAR TREK e que non podían ofrecernos máis novidades argumentais, pois vai e resulta que non. Que existe moita máis vida neste territorio inexplorado (e outros inimaxinables; os que viron a serie xa saben por ónde van os tiros…).

Destaco a importancia na historia que se lle da por igual á perspectiva  humana e á klingon (pódese vela serie coas lendas na lingua klingon –sí, non estou de broma, e de seguro que Sheldon Cooper non é o único que a verá así-) , e que ten coma guinda unhas coidadas caracterizacións e deseños –de aprauso ensordecedor para Matt Middleton, responsable da excepcional arte na serie THE EXPANSE (2017)-, tanto de persoaxes coma de vestiario –bo traballo de Gersha Phillips, MILES AHEAD (2015)- e decorados feitos por Peter Nicolakakos –algo do seu EXISTENZ (1999) apréciase aquí-.

Moito traballo hai detrás das motivacións dos nosos personaxes. Especial admiración por Gabriel Lorca –inquedanza prodúcenos o actor Jason Isaacs; semella encantado neses roles que fan equilibrios morais como o seu Doctor Hunter na excepcional THE OA (2016)-, o primeiro Capitán indigno da Frota Estelar?. Están nunha guerra que poden perder. ¿Pode valer todo con tal de non caeres derrotados?.

Descubrirémolo na metade da serie. E vaia xiro que da!. De quedar coa boca aberta coma paspáns.  Se a primeira tanda de capítulos era notable no seu ritmo e na trama principal, no segundo envite quedamos abraiados pola resultado final que deu a suma de tódalas causalidades magnificamente ganduxadas dende o primeiro segundo ata o memorable fin (aínda que  a serie inicialmente remataba no antepenúltimo capítulo).

Entusiasmará o trekkie que levas dentro. Seguro.

E se non es dos que fan o saúdo vulcano, gustarache coma serio e traballado produto televisivo. Semella que vai máis respecto polo fandom máis fiel da man da CBS, que nas producións cinematográficas perpetradas por ese trileiro que é J.J. Abrams, co consentemento cómplice da Paramount, claro.

Disfrutádea, merece a pena.

E para os próximos días, se ningunha invasión alieníxena o evita, sospeito que imos ter unha proposta relacionada cos Oscar de este ano. Estade moi atentos a LINDEIROS, que algo estamos a argallar para vos, queridos lectores.

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies