Marcelino Agís presenta en Filosofía o seu libro O Padre Sarmiento, viaxeiro

0

Compostela, 4 de xuño do 2019 –  O catedrático de Filosofía e decano da Facultade da USC, Marcelino Agís Villaverde, presenta hoxe martes ás 19.00 no salón de actos do centro o libro O Padre Sarmiento, viaxeiro, publicado pola Editorial Galaxia e do que é autor.

Con este acto conclúe o ciclo de presentacións de publicacións de docentes da Facultade compostelá que tivo lugar ao longo deste semestre. Na presentación participarán, ademais do propio Marcelino Agís, o profesor de Filosofía Española e Galega, Oscar Parcero Oubiña; o arquitecto, escritor e autor do prólogo, Rafael Fontoira Surís, e a directora do Seminario de Estudos Locais de Sanxenxo, Ana Cancela Muras.

Fray Martín Sarmiento, un dos máis importantes autores ilustrados, foi un investigador de fontes e documentos escritos, escudriñaba sistematicamente as bibliotecas e arquivos dos mosteiros que visitaba e el mesmo atesoraba unha gran biblioteca. Pero tamén buscou o coñecemento a través da experiencia directa da realidade que propiciaban as súas viaxes, ocasión para memorizar ou anotar topónimos, voces populares, contos e tradición populares, lendas, nomenclaturas relacionadas con plantas e animais, e un longo etcétera.

Grazas a este libro o lector pode acompañar a Martín Sarmiento nas súas tres viaxes a Galicia, coñecer as súas fontes documentais e comprobar ata que punto completou a súa inmensa erudición, adquirida en moitas horas de estudo, coa información que extraía nas súas camiñadas, algunhas tan fermosas e de tanta transcendencia para o pensamento e a obra de Sarmiento como a viaxe a Galicia de 1745, Ano Santo compostelán. Nesta ocasión, peregrinará a Santiago para gañar o xubileo, pero rodeando a comarca do Salnés e inaugurando un itinerario singular, seguido hoxe por un número crecente de persoas amantes da historia e da cultura xacobea.

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies
Social media & sharing icons powered by UltimatelySocial