O oncólogo Mariano Barbacid inaugurará os Luns do Ateneo

0

Compostela, 3 de outubro do 2018 – O recoñecido oncólogo Mariano Barbacid será o primeiro invitado do ciclo Os Luns do Ateneo que comeza a nova tempada o próximo día 8 as oito da tarde.

O Ateneo comeza unha nova tempada de actividades cun dos máis prestixiosos oncólogos do mundo Mariano Barbacid. O responsable do Centro Nacional de Investigacións Oncolóxicas (CNIO) falará da “Medicina de precisión e cancro: retos e oportunidades”.

Nesta conferencia o investigador explicará aos asistentes en que consiste a Medicina de precisión e as súas vantaxes nos tratamentos contra os xenes canceríxenos así como as súas limitacións en ocasións concretas de tumores avanzados ou metástases, aclarando tamén os tipos de tratamentos usados nestes casos máis complexos. Enmarcado dentro da programación do X Aniversario “En clave de futuro-10 anos do Ateneo de Santiago”, o acto levarase a cabo a partir das 20.00 horas no Auditorio Abanca da Rúa Preguntoiro, ao que se poderá acceder de xeito libre e gratuíto, e rematará co habitual coloquio co público presente.

Mariano Barbacid é Profesor de Oncoloxía Molecular e xefe do grupo de Oncoloxía Experimental do CNIO. Estudou Ciencias na Universidad Complutense, realizando a súa tese doutoral no Instituto de Bioloxía Celular do CSIC, e completou a súa formación posdoutoral no Instituto Nacional do Cancro de Estados Unidos, onde formou o seu grupo de investigación. Foi Vicepresidente de Oncoloxía Preclínica da multinacional Bristol-Myers Squibb e fundou e dirixiu o CNIO. É un dos seis científicos españois pertencentes á Academia de Ciencias dos EE.UU e o primeiro español elixido Fellow da Academia da Asociación Americana de Investigación en Cancro (AACR). Ademais, é Doutor Honoris Causa polas Universidades Menéndez Pelayo, Cantabria e Barcelona e posúe numerosas distincións internacionais polas súas investigacións sobre o cancro, atopándose entre o reducido grupo de investigadores europeos que recibiron dous Advanced Grants do European Research Council. Ata o momento ten publicados 306 traballos científicos, que inclúen 227 artigos orixinais en revistas cun dos índices de impacto máis altos de Europa.

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies
Social media & sharing icons powered by UltimatelySocial