Martirio, Carmen París, Ugia Pedreira e Uxía Enredadas este sábado no Auditorio de Galicia

0

Compostela, 8 de marzo do 2019 – Enredadas, coplas e alalás levará este sábado, 20:30 horas, ao Auditorio de Galicia, as voces de Martirio, Carmen París, Ugia Pedreira e Uxía.

No escenario de Enredadas a música a porá a propia Carmen París ao piano, Marcos Teira coas guitarras e Sergio Tanús coa guitarra española e a viola caipira.

Este espectáculo nace co fin de promover, fomentar e difundir a arte como encontro; estreitar o coñecemento e a experiencia destas cantoras que revisitan a copla, a jota ou os alalás. Catro mulleres que reinventaron e revolucionaron estes xéneros e lles deron unha nova vida e unha nova visión desde o risco, a experimentación e a creación de novos contidos e arranxos que entroncan co jazz e outras músicas facendo que chegue a outra audiencia.

A afinidade que senten ven dada polo atrevemento, a solidez e o humor cos que elas enfrontaron este reto. Diríase que son almas xemelgas de universos culturais diferentes, o que fará que o espectáculo sexa unha festa da música de raíz e da irmandade.

O jazz flamenco de Martirio, e a voz atlántica de Uxía, a forza maña de Carmen París e a orixinalidade poética de Ugia Pedreira reúnense para celebrar a madurez artística das catro.

Teñen en común moito máis do que parece a simple vista. Todas loitaron por un labor necesario de reconversión da canción popular española, da copla, do canto telúrico galego, da jota con aires tropicais…

Comparten tamén a creatividade e o compromiso coa música. Son letristas ou amantes da boa poesía, das cancións de onte, de hoxe e de sempre. Rodéanse de grandes músicos e beben directamente da mellor tradición do cancioneiro latinoamericano.

Hai na música de todas elas lixeireza, non exenta de ambición, “jondura” ou beleza. Intercambiarán repertorio e cantarán xuntas nun acto de admiración mutua e de amizade.

O espectáculo amosaranos a catro mulleres que souberon depurarse, reinventarse a si mesmas para ofrecerse reais e verosímiles.

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies
Social media & sharing icons powered by UltimatelySocial