Matt Thomas, canastra e vitoria para o Obradoiro

0

Compostela, 12 de febreiro do 2018 – O Obradoiro segue sumando cousas para que esta tempada sexa histórica e tras conseguir ante o Valencia Basket o mellor porcentaxe de acerto da súa historia ou renovar por dúas tempadas máis a Moncho agora vence ao UCAM Murcia cunha canastra de Matt Thomas sobre a bucina.

Non é casualidade que lle chamen iceman a Thomas, no último suspiro inventouse ante o Murcia un tiro que valeu unha vitoria, a décima. A continuación a magnífica crónica de Iñigo Cainzos.

O Monbus Obradoiro fixo explotar Sar cunha vitoria épica na prórroga despois dunha batalla colosal contra o UCAM Murcia. Matt Thomas inventouse un tiro onde non había espazo e anotou. O americano, facendo honra ao seu alcume, “ The Iceman”, decantou o partido e brindou a décima vitoria da tempada ao Monbus Obradoiro. Foi un partido tremendamente rifado. Unha guerra de guerrillas disputado nas trincheiras. Para avanzar un metro cada equipo tiña que minimizar as virtudes do rival.

As defensas impuxéronse aos ataques ata que apareceu Thomas, sobre a bucina, para elevarse no ceo de Santiago e desfechar o aro murciano cun lanzamento imposible. O Monbus Obradoiro tirou de épica para cantar vitoria por décima vez no que vai de curso. Os focos recaerán en Thomas: o escolta americano anotou 15 puntos, tres triplos, e recibiu sete faltas. Nun partido trabado, moi disputado, no que saltaron faíscas en cada acción, as selectivas aparicións de Matt descoseron ao Murcia.

Imaxe da última canastra tomada por Xaime Cortizo

Con todo, non foi o mellor xogador do partido. Mellor que el renderon as torres galegas Radovic e Pustovyi. O á pivote montenegrino, con pasado murciano, botouse ao equipo ás súas costas nos momentos de zozobra, deu unha puñada encima da mesa e malgastou carácter ata terminar extenuado. A imaxe de Radovic no vestiario dicíao todo. Moído e esgotado, sentado no chan e apoiado na parede, só quedábanlle forzas para dicir: “non podía correr máis”. Despois de 31 minutos deixándose a pel sobre a cancha, Nemanja acabou con 13 puntos, 13 rebotes e 19 de valoración. O outro gran protagonista foi Artem Pustovyi, inmenso na pintura, intimidador en defensa. O ucraíno bateu o récord de tapóns do Monbus Obradoiro: ata en seis ocasiones bloqueou os tiros dos pepineros. Ademais engadiu 17 puntos e seis rebotes para 24 de valoración. O fenomenal partido de Pustovyi valeulle ser o MVP da contenda.

O UCAM Murcia, que expuxo un duelo moi intenso, completou a solidez defensiva cunha boa actuación na parcela ofensiva do veterano Brad Oleson (13 puntos e 11 de valoración), o capitán Vitor Benite (16 puntos e 17 de valoración) e o potetnte Ovie Soko, contundente preto do aro e tamén inspirado de lonxe (18 puntos, 11 rebotes e 20 de valoración).

Desde o minuto 1 ata o 45 o partido foi unha guerra. Un calco do partido de ida, en Murcia. E como tal, o final tamén due idéntico: o Monbus Obradoiro bateu sobre a bucina aos de Ibon Navarro. Se en noviemmbre o heroe foi David Navarro, cun mate colosal, esta noite o heroe foi Matt Thomas, que dinamitou aos murcianos sobre a bucina cun tiro imposible. Xa desde o arranque impuxeron a súa lei as defensas: Pustovyi taponaba de forma indistinta a calquera atacante murciano que se atrevese a pisar a zona santiaguesa. En ataque o que mandaba era Bendzius, intelixente para sacar as faltas e superar ao pegañento Vermellas. O lituano anotou seis puntos practicamente consecutivos. O Monbus Obradoiro triangulaba ben e circulaba con precisión o balón, sen apenas erros, pero anotar custaba horrores. O mesmo sucedíalle ao Murcia, apoiado en Oleson, capaz de crear vantaxes grazas á súa calidade e potencia física. Durante o primeiro cuarto o Monbus Obradoiro só permitiu seis puntos ao combinado murciano (13-6).

A dinámica continuou sendo a mesma no segundo cuarto e iso que pareceu animarse cun alley oop de Pustovyi e o intercambio triplista de Thomas, Benite e Kloff. Foi un espellismo. Pronto se volveu a enfangar a contenda. Moito contacto, moitos golpes. Cada bloqueo facía saltar as faíscas. Os espazos eran mínimos. Apenas había opcións para os tiradores galegos e murcianos. Sar sufría e mordíase as uñas á vez que obradoiristas e pepineros fallaban e fallaban. Cada canastra foi moi traballada. Nese escenario, apareceu Antelo, abrindo espazos cun triplo e volteando o marcador desde o tiro libre. A dinámica do UCAM era mellor que a dos locais, e iso permitiu aos visitantes chegar cunha pírrica vantaxe ao tempo de descanso. Catro puntos que son un botín escaso pero que parecían un mundo nun partido tan rifado, tan apertado (22-26).

A rifa non se reduciu no segundo tempo. Antes ao contrario. Seguiu moi rifado.O Monbus Obradoiro remou contracorrente, asfixiado polas faltas, cos seus mellores homes cargados moi pronto. Bendzius e Radovic non se deixaron amedrentar. Nun partido de garra e coraxe movéronse como peixes na auga. Faxáronse en batallas interiores e danaron o armazón defensivo debuxado por Ibon Navarro. Ao Monbus Obradoiro déronlle alegría dous triplos de Sàbat, unha sorte practicamente inédita durante os 25 minutos anteriores: só unha vez acertou durante a primeira metade o cadro local desde máis aló do 6’75. A guerra librábase nas zonas. Aos acertos de Sàbat replicou o capitán Benite, por fóra e tamén por dentro, lanzándose contra a defensa galega. El e Soko foron os máis inspirados, os máis acertados para aproveitar as pequenas concesións que facía a retagarda (41-44).

O Monbus Obradoiro mellorou de forma ostensible durante os primeiros compases do asalto definitivo, e cun parcial de saída de 10-0 ameazou con fuxirse no marcador. Seguiu defendendo de forma espléndida o equipo de Moncho Fernández, que durante eses instantes atopou o acerto de Thomas, con dous triplos, e de Nick Spires, acertado preto do aro. Só as faltas deron aire ao UCAM Murcia. Non en balde, ao terceiro minuto de xogo os galegos xa estaban en bonus. Aproveitouno o cadro pepinero, que recibiu cada visita á liña de persoal como bombas de osíxeno. Cada punto, sufrido e suado, daba vida aos visitantes. E con ese goteo puxéronse a rebufo do Monbus Obradoiro. O final ía ser dramático. O Monbus Obradoiro resistiuse e defendeuse como boamente puido. Pozas, despois dun esforzo titánico, acabou expulsado por faltas. Bailaron ao son do malagueño os obradoiristas, perseguido polos defensores murcianos que castigaron o maltreito ombreiro do base en cada balón dividido. O aguillonazo final deuno Hannah, nunha xogada con moitos rebotes ofensivos para o UCAM e ben defendida polo Monbus Obradoiro. Con todo, o base acertou punteado por Sàbat desde a esquina e mandou o partido á prórroga (57-57).
Radovic converteuse na referencia ofensiva do Monbus Obradoiro, ora cun gancho, ora cun triplo, mentres Bendzius e Vermellas tiñan que ver o final desde o banco eliminados por faltas. Saíu mellor parado do carrusel de tiros libres o UCAM Murcia, que volveu empatar o partido a falta de quince segundos. Quince segundos. Un suspiro na vida, unha eternidade en baloncesto, máis nun partido como o disputado no Fontes do Sar entre Monbus Obradoiro e UCAM Murcia. E recibiu Thomas. O Home de Xeo asumiu a responsabilidade. Botou, encarou, bailou e retou a Brad Oleson. Non había espazos. Tivo que buscar outra solución. Foise cara a dentro e parouse. Entón, detívose o tempo. Matt elevouse, cargou o brazo. Sar contivo a respiración. E entón soltou o brazo, liberou o balón que describiu unha parábola perfecta. Baixou con neve e entrou con delicadeza no aro murciano. Explotou Sar. Explotou o banco do Monbus Obradoiro. Todos se foron a por Thomas. Unha piña ao redor do heroe galego, do home que decantou o partido e brindou ao Monbus Obradoiro a vitoria dez da tempada. Bailou Pustovyi. Celebrouno con rabia cada xogador e liberou tensión o Fontes do Sar. O factor Caldeira volveu ser clave para un novo triunfo. Dúas semanas sen baloncesto, pola Copa do Rey e polos compromisos internacionais, antes do próximo compromiso do Monbus Obradoiro. Será en casa, coa súa xente, fronte ao Montakit Fuenlabrada. E coa moral polas nubes despois dunha vitoria épica nunha batalla colosal.

Obradoiro CAB ficha técnica:

Monbus Obradoiro 70: Sàbat (8), Thomas (15), Bendzius (11), Radovic (13), Pustovyi (17) – quinteto inicial – Simons (0), Llovet (0), Spires (6), Navarro (0), Corbacho (0), Pozas (0) e Laksa (0)
UCAM Murcia 68: Hannah (5), Oleson (13), Vermellas (1), Soko (18), Delía (1) – quinteto inicial – Urtasun (0), Martín (0), Antelo (5), Benite (16), Kloof (9), Tumba (0) e Lukovic (0):

Árbitros: J. A. Martín Bertrán, Fernando Calatrava e Esperanza Mendoza. Eliminaron por faltas a Eimantas Bendzius e Pepe Pozas, do Monbus Obradoiro, e a Sadiel Vermellas, do UCAM Murcia.

Parciais: 13-6, 9-20, 19-18, 16-13 e 13-11.

Incidencias: partido correspondente á xornada 20 da liga Endesa, disputado no Multiusos Fontes do Sar ante 4.786 espectadores.

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies