Maximino Viaño presenta en Bertamiráns “Visto desde a aldea. Aquela xentiña éramos así”

0

Ames, 7 de maio do 2019 – O Pazo da Peregrina de Bertamiráns acolle este mércores, as oito e media da tarde, a presentación do terceiro libro de Maximino Viaño, cronista oficial do Concello de Ames.

A obra de Viaño, titulada “Visto desde a aldea. Aquela xentiña éramos así” supón un percorrido pola vida, as costumes e o traballo dunha sociedade representada pola veciñanza amesá do século XX. Maximino mergulla ao lector nunha época marcada por aspectos e feitos que hoxe en día poden parecer afastados, pero que supoñen partes das raíces da sociedade actual.

Mediante este traballo, o autor busca “achegar á nosa xuventude e ás xeracións que nos sucedan algúns retallos da nosa historia. Que saiban algo das súas raíces. Que non esquezan que as xeracións que nos precederon, coas súas limitacións, miserables moitas veces, axudaron a ir compoñendo este noso mundo de fartura que hoxe se está a vivir”. Un obxectivo que tamén moveu a Maximino á hora de compoñer as dúas obras que preceden a este libro, como son “Lembranzas. Una vida en el campo gallego” do ano 2001, e “Os muíños de Riamontes. Contos da miña aldea”, publicado no 2004.

Esta nova obra, que supón a continuación do recollido nas anteriores publicacións, artellase sobre as reflexións e os recordos dun veciño do entorno rural do Val de A Maía que, aos oitenta anos, reflexiona dende o alto do Pico de San Marcos. Alí sentado, rememora anécdotas da vida de persoas que xa non están, feitos importantes que tiveron lugar na comarca que se estende aos seus pés, e costumes que pasaron de xeración en xeración. Un testemuño que mostra a vida na zona durante as distintas décadas do século XX. O libro recorre todos os aspectos que articulan unha vida, como é o traballo, as crenzas, as festas, a maneira de socializar, a vestimenta, a morte, e o hábito do aforro. O narrador bota man das múltiples viaxes realizadas, nas que se mostra o facer de persoas dedicadas á explotación da agricultura e da gandería noutros países, así como a súa concepción do cooperativismo e os seus pasos no mundo agrario. Unha visión que leva a coñecer a situación desta actividade en Galicia.

Maximino Viaño, que este ano cumpre 92 anos, é un histórico do cooperativismo agrario galego. Foi un dos socios fundadores da Cooperativa Feiraco e un dos promotores da denominación Ternera Gallega, da que foi presidente ata a súa renuncia. O seu labor no mundo cooperativo e gandeiro compatibilizouse coa súa actividade política -concorreu ao senado co CDS- e coa súa afección á escritura.

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies
Social media & sharing icons powered by UltimatelySocial