Maximino Viaño presentou “Visto desde a aldea” en Ames

0

Ames, 10 de maio do 2019 – O Pazo da Peregrina de Bertamiráns acolleu a presentación do libro “Visto desde a aldea. Aquela xentiña éramos así”, escrito por Maximino Viaño, cronista oficial do Concello de Ames.

Ao acto acudiron un gran número de veciños e veciñas de Ames, así como varios membros da corporación municipal e gran parte da familia Viaño, que non quixeron perder a ocasión de acompañar a Maximino na presentación do seu terceiro libro “Visto desde a aldea. Aquela xentiña éramos así”.

O evento estivo conducido polo xornalista Diego Viaño, neto do autor, e contou coa participación de José Miñones, alcalde de Ames, Isabel González, concelleira de Promoción Económica e Atención Veciñal, Xosé Luís García, alcalde de Brión e Deputado de Promoción Económica e Emprego na Deputación Provincial da Coruña, e José S. Montes, presidente de Feiraco.

O libro pecha a triloxía iniciada polo autor coas obras “Lembranzas. Una vida en el campo gallego” do ano 2001, e “Os muíños de Riamontes. Contos da miña aldea”, publicado no 2004. Escrito no 2005, continúa así a temática recollida nas anteriores publicacións, mediante unha serie de reflexións e recordos do veciño de Tapia que reflexiona dende o alto do Pico de San Marcos. Alí, o protagonista rememora anécdotas da vida de persoas que xa non están, feitos importantes que tiveron lugar na comarca que se estende aos seus pés, e costumes que pasaron de xeración en xeración. Un testemuño que mostra a vida na zona durante o século XX, e que supón unha crónica da vida rural galega durante a época.

Durante a presentación, organizada pola Concellaría de Atención Veciñal e Promoción Económica, tanto o rexedor amesá como a concelleira Isabel González quixeron homenaxear a Maximino recordando a importancia da súa persoa no eido municipal e no contexto agrario galego. Asemade, ambos membros do goberno recordaron a carreira de fondo que supuxo a publicación deste libro, escrito no ano 2005 e publicado este 2019, editado pola Deputación da Coruña coa colaboración do Concello.

Pola súa banda, o alcalde de Brión, Xosé Luís García, tamén quixo dedicar unhas palabras de cariño para o autor, ao tempo que recordou o duro traballo realizado por Viaño de cara a mellorar a situación da industria agraria galega e a súa figura como impulsor do cooperativismo. No tocante á intervención do presidente de Feiraco, José S. Montes, que quixo agradecer a Maximino a existencia da cooperativa, da que foi cofundador, ao tempo que realizou un percorrido pola relación entre esta e a figura do autor.

Maximino, pola súa banda, agradeceu tanto o apoio do Concello e a Deputación como o cariño da veciñanza, tralo que non deixou pasar a ocasión para dedicarlles unhas emotivas palabras á súa familia e, en especial, á súa muller. A continuación, fixo un pequeno percorrido pola obra, que non só se descobre como un testemuño excepcional dunha época, dunha sociedade e dunhas costumes que marcaron a historia da comunidade; senón tamén nunha crónica privilexiada das súas múltiples viaxes ao longo de catro continentes como representante do sector agrario e gandeiro de Galicia.

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies
Social media & sharing icons powered by UltimatelySocial