займ срочно

Mandingo volta a infancia coa crítica de MAZINGER Z: INFINITY  pero dúralle ben pouco e lambe as súas feridas co último traballo de Clooney e o primeiro capítulo da cuarta tempada de BLACK MIRROR.

Estreada o 19 de xanerio (a “premiere” foi o 13 en Barcelona), con tan só tres días de proxeccións en Compostela alí fomos os cativos de corenta e pico anos todos temerosos coa emoción de retornar o pasado que diría o grande Jacques Tourneur.

A serie de animación xaponesa, foi un fito para toda unha xeración de nenos que viña de padecer os inagotables grises catódicos da caixa tonta do tardofranquismo. Esa cabeceira de entrada, coa música con riff rocanroleiros inclusive, a piscina que se abre para emerxer o deus mecánico, o “planeador abaixo”, os “peitos fora” de Afrodita A, a  todopoderosa aleación Z e a enerxía fotoatómica. ¡FOTO-ATÓMICA!. ¡Miña naiciña querida, como soaba aquela verba, fose o que fora!.

Moito de todo, para tanto famento audiovisual.

Pero moitas veces é mellor que as lembranzas da nenez queden incorruptas e inviolables co paso do tempo e non revisitalas ante o temor de levar unha decepción de proporcións bíblicas coma sucedeu coa nova emisión da vella serie na primixenia Tele 5.

O manga creado por Gô Nagai, pronto derivou nunha serie de tres tempadas e 92 episodios. Coa boa excusa do 45 aniversario da súa creación, o estudio Toei (o mesmo de DRAGON BALL), produciu unha longametraxe onde recuperan o xigante mecánico. Volven con el, os Koji Kabuto, Sayaka, Boss, o Doctor Inferno, o Barón Ashler os demos metálicos micénicos xurdidos do máis profundo Averno…

Todo moi nostálxico, pero todo moi naif.

Como produto cinematográfico é unha perda de tempo absoluta e non vale coma argumento exculpatorio a diferente sensibilidade da mocidade xaponesa con respecto a europea. Podo entender que o seu director Junji Shimizu herda as canles narrativas propias do formato de ONE PIERCE (2002), que pode gustar máis ou menos, pero a suma das secuencias que conforman a película e un despropósito maiúsculo. E non vale tirar da épica do noso coloso por que nin as esceas de loita teñen emoción.

Todo está pasado polo ñoño tamiz da cultura tan oxidada que aínda pervive na sociedade xaponesa a hora de falar das relacións sentimentais. Unha reflexión que non vai lugar na historia principal e que resquebraxa o xa de por sí feble ritmo narrativo.

Aburrida, insulsa e prescindible para todos aqueles que non creceron disfrutando da serie. Para os que marcounos de cativos, vese unha vez e “non máis preguntas Señoría”.

Pero como non todo van a ser desgrazas nesta vida, a boa nova é que George Clooney volve poñerse detrás das cámaras para dirixir a súa sexta longametraxe para o cinema. É Clooney, un máis que aceptable actor (aínda que non moi dado para roles cómicos) que englóbase nese grupiño de artistas polifacéticos que destacan especialmente coma filmadores. Ben certo é, que sempre sabe rodearse de xente con enormes talentos coma no caso que toca comentar hoxe. SUBURBICON (2017) é unha lograda produción no que destaca a intrahistoria da chegada da familia Mayers a esa megaurbanización ideal de postal primaveral, nos felices anos cincuenta dos EE.UU.

Barrios moi ben coidados, limpos, de boa xente, de xente de BEN en definitiva. Céspedes perfectamente perfilados, sorrisos de cativos con dentes inmaculados. Mulleres clones de Doris Day, homes orgullosos da súa bandeira, das súas cancións folclóricas. Todo moi idílico, de porta cara fora…

Ou coma diría o incrédulo proxenitor da familia Mayers, “son uns animais”.

E esta é unha das grandes bazas do texto escrito a catro mans polos irmáns Coen, o propio director e o actor (metido a produtor e guionista) Grant Heslov; aínda que a trama principal non ten nada que ver co anteriormente escrito.

De feito, non aporta nada novo ó xénero do suspense pero teño que recoñecer que está moi ben plantexada, rodada dunha maneira moi académica e cunhas interpretacións de altura (sempre é un pracer disfrutar do traballo desa deusa da actuación que é Julianne Moore).

O paseo retrospectivo que James D. Bissell -ROCKETEER (1991), GOOD NIGHT AND GOOD LUCK (2005), fai para o deseño de produción e esteticamente perfecto, axudado por Jenny Eagan e Christa Munro, que asinan os mellores traballos que levan feitos nas súas curtas pero prometedoras carreiras.

Coma peza de orfebrería que ben encaixa no seu escaparate, destaco a irmandade entre a duración do filme e a montaxe, moi atinada, de Stephen Mirrione, un dos mellores editores que ten o cinema estadounidense na actualidade e que xa fixera labores memorables para o mexicano Iñárritu -BIRDMAN (2014), THE REVENANT (2015)- ou esa peza de estudio da arte de “curtar e pegar” que é o TRAFFIC (2000) de Soderbergh.

E non quero esquecerme de Robert Elswit, que ilumina os planos cun discreto encanto (non da burguesía) que semella moi doado, pero que precisamente, polo sinxelo das súas composicións radica o seu éxito. ¡Qué importante é unha fotografía imperceptible!. ¡Sinal de grande traballo, alonxado desas producións audiovisuais onde recargan ó extremo supino as sobreexposicións lumínicas!. Cansadiños xa, de tanto remexer nas doloridas pupilas dos espectadores…

E claro, Alexandre Desplat que compón  a súa ¡175! partitura para unha banda sonora.

Notable filme, de aparencia menor pero que non o é.

E coma non van dous sen tres, a breve recomendación do primeiro episodio da cuarta tempada da serie BLACK MIRROR, da que non son moi devoto siareiro a verdade, pero que o meu lado máis “nerd” tira de cando en vez, como no caso de hoxe. Falo do capítulo USS CALLISTER de Toby Haynes, triscadelo da serie STAR TREK na superficie, pero que agocha todo un complexo entramado de realidades virtuais e pesadelos propios da mente máis perversa coma se dun Oráculo dono e señor da Matriz tratárase. Moi intensa historia, que supera a ópera bufa de Seth MacFarlane THE ORVILLE (2017) –sospeito que tampouco era esa a intención dos guionistas do episodio- e que rescata para o noso disfrute argumentos suxeridos xa en TRON (1982) ou JOHNNY MNEMONIC (1995) pero que disfrutamos moito máis que na vácua complexidade de ALTERED CARBON (2018).

 

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies