Más de medio millón de euros de investimento nos camiños rurais de Arzúa

0

Arzúa, 8 de agosto do 2018 – O goberno municipal do Concello de Arzúa ven de anunciar unha serie de actuacións de mellora nos camiños rurais de Arzúa.

Algúns dos traballos presentados xa están realizados e outros acometeranse nos próximos días. Na súa maior parte trátase de traballos de mellora e acondicionamento do firme dos viais e camiños rurais que transcorren pola zona rural do concello e que, co paso do tempo e a intensa actividade que soportan, vanse deteriorando e precisan dun mantemento.

O goberno municipal, que preside o alcalde José Luís García, destina a esta finalidade a práctica totalidade dos fondos que a Xunta de Galicia e a Deputación Provincial financian aos concellos a través dos diversos plans de investimento, o Plan de Mellora de Camiños Municipais ou o Plan de Obras e Servizos provincial.

Nos últimos días finalizaron diversas actuacións que melloraron o estado de conservación do camiño que vai do Orxal a Pumar, no que se investiron preto de 15.000 euros e do camiño de Casaldoeiro á Cañota en Viladavil. Remataron tamén as obras adxudicadas á empresa Construcións Leonardo Miguélez por un importe de 83.775,56 euros dentro do Plan de Mellora de Camiños Municipais e que permitiron a adecentamento do camiño de Ventorrillo a Covas, en Viñós; o camiño de Tronceda a Nova ao encoro de Portodemouros; o camiño de Bosende a Viladavil e o camiño de Viladavil ao lugar de Abruñedo.

Dentro do denominado Plan Único aos Concellos, o goberno municipal tamén deu conta das actuacións xa finalizadas, entre elas o proxecto denominado Camiño León de Arriba ao límite co Concello do Pino. Este proxecto, cun importe de 52.052,99 euros, finalizou en días pasados as actuacións nel previstas e, a maiores do vial xa sinalado, tamén arranxou o que vai dende o cemiterio á Codeseira, na parroquia de San Martiño e o que discorre entre o lugar de Formarís e León de Abaixo

Tamén executáronse importantes actuacións no vial que transcorre dende Vilasuso ao Pumariño e dende Vilasuso á Castañeda, a primeira das actuacións por un importe de algo máis de 90.000 euros e a segunda por un importe exacto de 30.172,18 euros.

Próximas actuacións

Nas vindeiras datas iniciaranse os traballos doutras importantes actuacións que a día de hoxe só están pendentes dalgún trámite administrativo. Adecentarase o camiño que vai dende a estrada de Lema ao lugar de Magolán e o que transcorre dende o cruce de Branzá ao cruce do lugar do Coto. O goberno municipal investirá nestas dúas actuacións un total de 38.758,70 euros. Tamén está prevista a mellora do camiño que vai dende a Mota á Igrexa, na parroquia de San Estevo; o goberno municipal ten previsto un orzamento de 55.184,51 euros para esta actuación.

Están pendentes de iniciarse as obras xa adxudicadas, por importe de case 80.000 euros, que farán realidade o arranxo do camiño da Calzada en Burres e do vial que conduce dende o lugar do Rial, en Pantiñobre, á estrada de Touro.  Nos vindeiros días iniciaranse tamén os traballos para a mellora do camiño que vai dende a estrada Lugo-Santiago ao lugar de Cortobe, na parroquia de Burres por un importe de 92.748,54 euros e o adecentamento da estrada xeral da parroquia de Dodro por importe de máis de 60.000 euros.

O alcalde de Arzúa, José Luís García, explicaba que “o adecentamento dos camiños e pistas nas parroquias do noso municipio sempre foi unha prioridade do noso goberno porque o seu estado de conservación inflúe de maneira notoria na calidade de vida dos veciños do rural”.

Share.

Leave A Reply

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies