Aínda que non o semelle (por Belenos coma chove!), xa estamos no tempo do estío. Intres oportunos para disfrutar do ocio máis mundano vendo series no período vacacional ou gozando de propostas cinematográficas afastadas do cinema máis comercial. Hoxe Mandingo ofrece dous exemplos disto.

The Evil Dead 1992

O primeiro apunte de Mandingo comeza no ano 1979, un xovencísimo Sam Raimi escribiu e dirixiu un filme sobre uns rapaces que van pasar uns días de lecer nunha cabana no medio do monte, alá onde o Profeta esqueceu as súas babuchas. Moi cedo descobren que alí vai algo que non encaixa. Unhas gravacións dun estudoso sobre artes ocultas revélanlles a existencia dun libro de maxia e artes escuras chamado NECRONOMICÓN. Inconscientes eles, dedícanse a ler o grimorio sen imaxinar o torrente de mortes e tolemias que van espertar no profundo do bosque.

Estreada no 1981, THE EVIL DEAD converteuse nun dos mellores filmes do ano e nas verbas de Stephen King, “a máis orixinal película de terror do ano”. Nos seguintes meses a súa estrea, o filme foi considerado coma unha logradísima reinvención do xénero,na que tíñamos a oportunidade de engadir ao noso Salón da Fama particular de heroes bizarros, un novo gañán na pel de Ash Williams, excepcionalmente interpretado polo actor Bruce Campbell.

Nas seguintes entregas das venturas do “neno da motoserra” EVIL DEAD II (1987) e ARMY OF DARKNESS (1992), o noso protagonista segue a loitar contra as forzas do Mal que espertan ante o mandato do libro que imaxinara o mestre H. P. Lovecraft. Triloxía de culto para os seareiros do fantástico e que mestura acertadamente pingas de humor con hectolitros de sangue, miolos escachados e gargalladas sardónicas de demos, mortos, portavoces parlamentarios e demáis criaturas do Averno.

Moitos lustros despois, os irmáns Raimi (Ivan e Sam no guión e Ted na actuación), xunto a Tom Spezialy pregúntanse aquilo de “What if…” seguido dun “Why not?” e prestos e dispostos desenrolan novos sucesos na vida dun xa oxidado e esquecido Ash Williams; un Ethan Edwards rebozado polo manual de valores propios da TROMA INC, pero que no caso de hoxe vai da man da produtora creada por Raimi e Campbell, RENASSAINCE PICTURES, máxima responsable deste achado televisivo que vai xa pola súa terceira tempada.

Cunha primeira sesión que fai continuos triscadelos o fandom primixenio, a serie alcanza unha hilarante plenitude na segunda sesión para xa na última poñerse “seria” a hora de narrar o epílogo dos nosos protagonistas.  Magníficas as calidades técnicas nos deseños de arte tanto nos propios set de rodaxe coma no desenrolo estético dos personaxes. Logrado e disfrutado desequilibrio entre o gore máis hemoglobínico filmado cunha cardíaca cámara que lévanos a cabana de 1981 e o humor máis irreverente e autoparódico que non víramos dende vai moito tempo.

Ash volve a metelo zoco e esperta as forzas do mal o volver a ler o Libro dos Mortos tras pasar unha noite de troula tola mesturando fumes e licores varios. Afortunadamente, non se atopará só na súa loita e xuntarase con diferentes escudeiros que terán máis ou menos sorte (a maioría moita menos sorte, a verdade) na hora de vencelo Mal.

Teño que recoñecer que a miña percepción da serie ven previamente bendicida pola querencia que teño dende a xuventude pola triloxía cinematográfica (moi especialmente das dúas primeiras partes), pero tamén é certo que a produción televisiva é un triunfo total coma broma maior, que cando a ves das por boa tódalas idas de potas e pucheiros; pero que hai moito máis ca na simple ollada. Por detrás vai un grande esforzo de produción, de perfecto encaixe coas próteses artísticas, maquillaxes e horas e máis horas de ímprobos labores nos decorados. Semellar, lixo, podremia, abandono… estéticas desagradables, pero que son case parte do reparto artístico e que intégranse formidablemente na liña narrativa.

ASH VS EVIL DEAD é unha divertidísima salvaxada, chea de secuencias inesquecibles (o que acontécelle a Ash, na sala de autopsias na segunda tempada é xa un dos intres máis memorables vistos endexamáis) que honra a todo nerd famento de irreverencias catódicas na cada vez máis adormecida caixa tonta. É mesmo máis besta que esa xenialidade que é a FUTURE MAN (2017) do non sempre brilante Seth Rogen (e amiguiños) e da compañía HULU.

Absterse iso sí, vexetarianos e amantes da carne moi feita.

Trocando radicalmente de proposta artística toca falar da, polo de agora, derradeira película da directora Nora Twomey THE BREADWINNER (2017). Cineasta que xa no 2009 amosara o seu bo facer no filme de animación tradicional THE SECRET OF KELL. Nesta ocasión, a irlandesa supera o seu pasado logro cunha película chea de sensibilidade e beleza. Baseada no libro homónimo de Deborah Ellis, conta a historia de Parvana, nena atrapada no Kabul do Réxime Talibán. Ditadura medieval  nas mans de bestas salvaxes, de almas negras empoñecidas do veleno da amoralidade, carentes da máis mínima razón nin da lóxica máis elemental. A representación do Inferno na Terra e que consentíronlles tódalas barbaridades inimaxinables ata dicir basta. Unha vergoña histórica para a comunidade internacional, coma o que acontecera na Xermania (e arredores) do Adolf e coma está a ocorrer na Somalia, na Siria e nos paraxes onde a ignomia e o credo habitual entre os seus habitantes.

Co impulso persoal de Angelina Jolie, promocionouse con moito acerto para o Oscar coma Mellor Filme de Animación e aínda que a “pixariana” COCO levou con moito mérito o premio dourado, THE BREADWINNER é unha notabilísima película chea de secuencias que van quedar gravadas a lume na nosa memoria. Enternecedora  a mirada de Parvana ante os feitos que ten que aturar no día a día. Excepcional a montaxe de Darragh Byrne e perfecta a B.S.O. de Jeff Danna e especialmente Mychael Danna (de grandes composicións previas para a EXOTICA (1994) de Egoyam, pasando pola xenial LITTLE MISS SUNSHINE (2006) de Dayton y Faris, ata chegar o LIFE OF PI (2012) de Lee). Así coma vai unha semana comentáramos que víramos moi tópica a B.S.O. que compuxo Roque Baños para o último traballo de Terry Gilliam, nesta ocasión, a música que escoitamos no filme é un pracer que combina a perfección coas imaxes que vemos. Desolación, tristeza, esperanza, amizade, temor, luminosidade, violencia, amor… todos os sentimentos están traducidos nas cores e nos sons que presenciamos.

Unha produción que escapa da animación máis habitual hoxe en día e que ten un marcado sentido cinematográfico, cunha dobre historia que vai no paralelo argumental e que lémbrame (salvando ás distancias históricas) a esas soidades terreais da PERSÉPOLIS de Marjani Satrapi ou desa outra obra mestra absoluta da banda deseñada que é o L´ARABE DU FUTUR de Riad Sattouf.

Cinema que trascende as meras propostas visuais e que bate con forza nos corazóns dos espectadores. Obra singular que non pode nin debe deixar indiferente a cantos queiran disfrutar coa nimia, liviana historia da nena Parvana (excelente o traballo na voz da actriz Saara Chaudry) e que poñémola do noso carón, coma xa fixeramos cos cativos que Sean Baker descubríranos na súa excepcional THE FLORIDA PROJECT (2017). Pódense contar contos de nenos sen necesidade de xogar coa bágoa fácil que Spielberg adoita a facer cando plantexa cine para os máis cativos (e os seus sufridos pais).

Réstame só plantexar unha cuestión. Non aturo ver actores de fala inglesa (ou doutra fala) interpretando e poñendo voces e acentos doutras razas e culturas (coma por exemplo fai Jennifer Lawrence para o seu RED SPARROW ou Jordi Mollá na pel do ruso Alexei Miiskin no “Quixote” de Gilliam). Para iso prefiro a interpretación pulcra e coral nun perfecto inglés do elenco británico na THE DEATH OF STALIN (2017) de Iannucci. Por iso déixame cunha curiosidade o feito de escoitar os actores de voz (de orixes e raíces afganas) falando na lingua de Mary Shelley cun marcado acento pastún, para darlle supostamente máis credibilidade os personaxes. Uhm… non queda moi ben, a forza de ser sinceiros. Para iso prefiro que falen no idioma dos seus devanceiros. É coma cando Stan Laurel e Oliver Hardy facían aos comenzos da súa carreira no sonoro as múltiples dobraxes nos distintos idiomas (e que despois os dobradores manterían con eses peculiares acentos).

Pero é tan só unha pequena pedra que atopei no precioso camiño que disfrutei grazas o talento de Nora Twomey e Anita Doron, que levan con honores a obra da xa mencionada Ellis.

Para rematar, e aínda que xa falaramos no pasado CINEUROPA dela, tedes a oportunidade de voltar a disfrutar na grande pantalla da última película da xenial Agnès Varda, VISAGES VILLAGES (2017), excusa fabulosa para levar os máis cativos a disfrutar do maxisterio vital da caseque nonaxenaria cineasta.

E coma diría Thomas Magnum: máis nada, rapaces.

 

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies
Social media & sharing icons powered by UltimatelySocial