Melide, 18 de febreiro do 2020 – O concello de Melide presentou a súa programación de Entroido que se celebrará do día 22 ao martes día 25.
Mayka Basalo, concelleira de Cultura, estivo acompañada de Teresa Louzao, como representante da Asociación Cultural e Ecoloxista Curuxás da vila, colectivo encargado de organizar os pasarrúas do Entroido así como a tradicional queima do Antroido.
A actividade comezará o sábado 22 de febreiro cun obradoiro de elaboración de piñatas ao que continuará a música polas rúas de Melide co Antroido acompañado da música do grupo Herba Grileira.
Na xornada do domingo 23 de febreiro, os más cativos e cativas poderán gozar da súa tradicional festa con xogos, baile, música, obradoiros, etc., que terá lugar no pazo de congresos e exposicións da vila. Tamén os maiores participarán ese mesmo día no centro social do baile de Entroido coa música do grupo Remolino.
O luns 24 de febreiro pola mañá está organizado un obradoiro infantil de máscaras tradicionais e pola tarde os máis pequenos e pequenas disfrutarán dun obradoiro de repostaría tradicional de Entroido.
O martes 25 de febreiro, o pazo de congresos e exposicións de Melide albergará o tradicional concurso de disfraces para o que xa está aberto o prazo de inscricións no departamento de Cultura e no que se repartirán máis de 2.500 euros en premios.
Para poñer o broche de ouro ao Entroido de Melide contarase co tradicional pasarrúas do Antroido acompañado do grupo Gaiteiros do País ás 19.30h e a lectura ás 21h da noite do pregón coa posterior queima do Antroido onde os asistentes poderán compartir unha degustación de chocolate e produtos típicos destas datas.