Os empresarios de Melide colaboran co comezo do curso

0

Melide, 30 de agosto do 2019 – Un ano máis a Asociación de Empresarios Terra de Melide – Centro Comercial Aberto (Asetem – CCA), organiza a campaña do Bono Asetem, que nesta edición repartirá case 1.000 euros en vales de compra co obxectivo de facilitar o comezo do curso as familias da comarca.

Como novidade esta edición os empresarios de Melide deseñaron dúas modalidades de campaña, unha para familias numerosas e outra para todo o resto.

Familias numerosas

Entregarase un vale de 10 euros para familias numerosas por compras iguais ou superiores a 60 euros en calquera dos establecementos asociados, aínda que iso si, só por compras en artigos relacionados exclusivamente coa volta ao cole. É dicir, roupa, calzado, material escolar e deportivo, ou libros por exemplo. Unha vez que se realice o gasto (que pode ser un único tícket de 60 euros ou varios que sumen dito importe), os interesados poderán recoller o bono desconto de 10 euros en Asetem presentando o tícket de compra e o carné correspondente de familia numerosa.

Familias non numerosas

Entregarase un vale de 6 euros para todas aquelas familias que fagan as súas compras en calquera dos establecementos asociados, por compras iguais ou superiores a 60 euros e tamén única e exclusivamente en artigos relacionados coa volta ao cole. Unha vez feito o gasto deberán recoller o bono desconto de 6 euros en Asetem presentando o tícket de compra e o DNI.

En calquera das dúas modalidades só será entregado un vale desconto por familia. Ademais, os vales deberán corresponder ao mes de setembro de 2019 e poderanse recoller nas oficinas de Asetem-CCA ata o día 4 de outubro. Unha vez recollidos, as familias terán de prazo ata o 31 de outubro para investilos en calquera comercio asociado.

“Pensamos que é unha boa campaña e das máis útiles, tendo en conta que sempre se agradece calquera desconto e, sobre todo, se falamos do comezo do curso escolar e do mes de setembro”, apunta Pilar López, xerente de Asetem – CCA.

Gran festa infantil como fin de campaña

Paralelamente ao Bono Asetem tamén este ano, e por segunda vez consecutiva, a asociación de empresarios organiza a campaña “Volta ao cole”. A dinámica será a seguinte: todos os tíckets dos locais asociados por valor igual ou superior a 10 euros, dende o 1 ao 27 de setembro, darán acceso a unha gran festa infantil que se celebrará o venres 27 de setembro.

A festa terá lugar en horario de 17.00 a 20.00 horas no parque Rosalía de Castro (Melide) e, en caso de non acompañar as condicións meteorolóxicas trasladarase ao Palacio de Congresos e Exposicións. Os tíckets, que poderán ser de calquera artigo, trocaranse o propio día da festa por pulseiras identificativas que permitirán o acceso á mesma e a participación nas diferentes actividades e obradoiros previstos.

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies
Social media & sharing icons powered by UltimatelySocial