Melide realiza obras de saneamento no centro urbano da vila

0

Melide, 5 de marzo do 2018 – Melide está a realizar melloras no saneamento das rúas do centro urbano do municipio, comezando pola rúa Melide di Lugano e a Rosaleda.

Os traballos, que teñen un prazo de execución de tres meses, consisten na separación da rede de pluviais e saneamento na rúa Rosaleda, que actualmente usa un sistema unitario, e na renovación deste na rúa Melide di Lugano. A rúa Rosaleda manterá o servizo de saneamento actual, con saída ao Cantón de San Roque, e implantarase unha nova rede de saneamento a maior profundidade con dirección á rúa Gaiteiros os Garceiras, aliviando deste xeito o funcionamento da EDAR.

Por outra banda, está previsto construír unha nova rede de pluviais cos seus respectivos sumidoiros que quedará conectada á rede da rúa Gaiteiros os Garceiras. A superficie total da actuación será de 1.190 metros cadrados, dos que 563 metros corresponden á rúa Rosaleda e 727 metros á rúa Melide di Lugano.

As obras, que teñen un custo de 62.000 mil euros, contribuirán a mellorar a calidade ambiental do Concello. A alcaldesa  Dalia García facía fincapé na capacidade de resposta do seu equipo de goberno para “contestar con feitos as demandas dos veciños, traballando no noso día a día polos veciños da vila e sobre todo, mellorando redes de saneamento no casco urbano, unha necesidade imperante para diminuír tanto a carga medioambiental da EDAR melidense como ir cubrindo todo o núcleo con actuacións de mellora da canalización”.

Reforzo sinalización horizontal

Ao mesmo tempo, tamén durante a execución destes traballos mellorarase a sinalización horizontal das rúas afectadas polos traballos de saneamento: a rúa Rosaleda e a rúa Melide di Lugano, así como tamén do entorno da praza das Universidades, a rúa Galicia e a rúa Taboada Roca. Estes traballos de repintado incrementarán a seguridade das zonas beneficiarias desta actuación. Así mesmo, a rexedora melidá recorda que en breve, nun prazo non superior a 1 mes comezarán as obras do Cantón de San Roque proxectadas grazas ao investimento do Plan Hurbe da Consellería de Medioambiente e Ordenación do Territorio que entroncarán con estas rúas recentemente renovadas. García pola súa banda, pide a colaboración de todos os veciños e veciñas de Melide xa que estas son rúas moi urbanas, con moito tráfico rodado e nos que hai grandes bolsas de aparcamento que se verá reducido mentras duren as obras.

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies