Melloras para a cuberta do pavillón de Brión

0

Brión, 12 de xaneiro do 2019 – Onte deron comezo as obras de substitución da envolvente exterior e de mellora das condicións térmicas e acústicas do pavillón municipal de deportes de Brión, emprazado en Lamiño.

Unhas obras orzamentadas en 180.620 euros e que contan cun prazo máximo de execución dun mes, se ben o alcalde de Brión, José Luís García, explica que “se o tempo acompaña, a empresa comprometeuse a telas rematadas en quince días, pois teñen pensado traballar tamén sábados e domingos para reducir as molestias aos usuarios do pavillón”.

García sinala que “onte instalouse unha rede de seguridade sobre a pista para que poida seguir sendo utilizada con seguridade pola veciñanza mentres duren as obras, de xeito que a instalación poderá seguir aberta a maior parte destes quince días”. Unhas obras que o alcalde brionés cualifica como “moi importantes porque o resultado vai ser fantástico para os veciños e veciñas de Brión porque remataremos cos problemas de pingueiras e porque melloraremos as condicións térmicas e acústicas do pavillón, algo que agradecerán tanto as numerosas persoas que a diario fan uso destas instalacións como as que asistan a celebracións que teñen lugar aló como o Concurso de Entroido, a Festa de Reis ou a Festa dos Maiores”.

Desenvolvemento das obras

A cuberta do polideportivo brionés é de chapa simple e ten unha antigüidade de 27 anos, polo que na actualidade presenta problemas de filtracións na cuberta que, de non solucionarse e aumentar, poderían supoñer un problema de cara á utilización das propias instalacións. Nos cinco últimos anos xa se acometeran obras de mellora da estanqueidade da cuberta, dende a substitución dos tragaluces ata a colocación de novos parafusos con xuntas de neopreno que, se ben minoraron as filtracións de auga, non melloraron as condicións térmicas da instalación.

dav

Agora, o Concello de Brión procederá á retirada da totalidade da cuberta, así como doutros elementos como os aireadores, canos e baixantes. No seu lugar instalarase unha nova cuberta de panel sandwich nervado, que inclúe illamento térmico. Así mesmo, instalaranse novos canalóns e baixantes. Unha solución sinxela coa que as instalacións serán máis seguras, permitirán un maior control da temperatura, tanto no inverno coma no verán, e suporán tamén un importante aforro tanto económico como enerxético para o Concello de Brión. “Ademais, as persoas que asistan ao próximo concurso de Entroido poderán xa comprobar a moi significativa mellora da acústica do pavillón”, adianta García. As obras están incluídos no Plan de Obras e Servizos POS+2018 da Deputación Provincial da Coruña.

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies
Social media & sharing icons powered by UltimatelySocial