Padrón, 15 de xullo do 2018 – Mercedes Peón pon hoxe música a primeira edición do Abride a Fiestra, o festival que se celebra na Casa Museo de Rosalía.
Abride a Fiestra leva por nome as últimas verbas que a poetisa pronunciou antes de morrer un 15 de xullo de hai 133 anos. O evento que o lembra consiste nunha xornada de portas abertas con actividades de 11 da mañá a 11 da noite, con concertos como, ademais do de Mercedes Peón, Najla Shami, a proposta musico-poética Cintaadhesiva, a pianista Margarita Viso ou a Coral Padronesa. Haberá visitas guiadas por personaxes coñecidos ou especialistas, como a propia Mercedes Peón, o deseñador Pepe Barro -experto nas imaxes rosalianas-, o académico Xosé Luís Axeitos, os profesores Pilar García Negro e Manuel Lorenzo Baleirón ou o estudoso da horta rosaliana, Carlos Dacal.
Outro dos atractivos é a proxección do filme “Pelerinaxe lírica aos lugares rosalianos” (1951) comentada por Xosé Manuel Beiras, que estivo presente naquela xornada histórica para o galeguismo despois da Guerra Civil.
Tamén haberá oferta para toda a familia, con contidos para os máis pequenos da casa: dúas sesións dun espectáculo de monicreques titulado “A viaxe de Rosalía”, de Larraitz Urruzola; e unha visita guiada especial para as crianzas protagonizada pola propia Rosalía (a actriz Mónica Caamaño), acompañada polo músico José Luís do Pico Orjais, que tamén estarán presentes ao longo do día en todo o festival.
Non faltará poesía, por suposto, na Casa da Matanza, cun recital poético a cargo de Ana Blanco, Ismael Ramos, Paula Antía Rei e Cinta Adhesiva (espectáculo poético-musical), alén da presentación do Libro Escolar de Poesía que publicamos anualmente cos gañadores do Concurso Escolar de Poesía Rosalía de Castro que organizamos con El Corte Inglés.
E tampouco faltará improvisación oral, da man da regueifeira (e cantora) Alba María, e dunha das figuras emerxentes do xénero en Galicia, Xairo d’Herbón, fillo doutra referencia, Pinto d’Herbón.
Organización
O festival está organizado pola Fundación Rosalía de Castro, e apoiado polo Concello de Padrón, a Deputación de Pontevedra e a Consellaría de Cultura e Educación. Tamén patrocinan o vermú Petroni e as adegas Paco & Lola. Colaboran o Concello de Rois e o de Santiago.