Descobren un método sostible para protexer a madeira a partir de residuos forestais

0

Compostela, 14 de xullo do 2017 –  Unha tese da investigadora da USC Cristina Galiñanes propón o uso de residuos forestais como protección da degradación que a madeira sofre co paso do tempo.

Dende a antigüidade a madeira é un material empregado e valorado como materia prima tanto na construción como na decoración e en moitas outras aplicacións. Non obstante, un dos principais problemas do seu uso é a degradación que sofre cando se expón ao exterior, xa que a luz solar oxida a superficie cambiando a súa cor e provocando a aparición de fendas. Esta perda de cor é especialmente importante nas chapas de madeira tinguidas empregadas como recubrimento de taboleiros decorativos, xa que a cor das chapas debe ser a prescrita polo cliente.

O método tradicional de protexer a madeira, e en particular esas chapas, fronte á luz solar é con recubrimentos superficiais como lacas, pinturas ou vernices, que cambian a aparencia achegándolle un aspecto máis plástico e que en moitos dos casos conteñen compostos tóxicos.

Na busca dunha alternativa sostible a este caso concreto, a enxeñeira Cristina Galiñanes Bello centrou a súa tese doutoral na aplicación de extractos obtidos a partir de residuos do monte e das industrias forestal e alimentaria. Así, demostrou que eses residuos conteñen compostos con elevada capacidade antioxidante que actúan protexendo a cor da madeira da acción da luz solar, sendo os extractos da cortiza de piñeiro e os da casca de castaña os que proporcionaron a mellor acción protectora.

A tese propón non só un tratamento sostible e ambientalmente aceptable para protexer á madeira fronte a degradación que sofre cando se expón ao exterior, se non tamén unha alternativa para a xestión e valorización dos residuos forestais e industriais estudados.

O traballo ‘Fotoprotección de chapas de madeira tinguidas mediante taninos obtidos a partir de residuos forestais’ dirixírono as profesoras do Departamento de Enxeñaría Química da USC Julia González Álvarez e María Sonia Freire Leira e desenvolveuse conxuntamente entre o Grupo de Investigación Aproveitamento de Materiais Lignocelulósicos da USC e a empresa Aserpal S.A., que grazas a este proxecto poderá comercializar chapas de madeira tinguidas con estabilidade da cor mellorada.

O tribunal encargado de avaliar a tese estivo formado polo profesor da USC Manuel Guaita Fernández, polo director científico da Fundación CETEMAS, Juan Pedro Majada Guijó, e pola científica do Instituto Nacional de Investigacións e Tecnoloxías Agrarias Eva Hermoso Prieto, que lle outorgaron a cualificación de sobresaliente cum laude.

Share.

Leave A Reply

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies