займ срочно

Miles de persoas na 36º Festa da Filloa de Lestedo

0

Boqueixón, 11 de marzo do 2019 – Miles de persoas desafiaron á chuvia para gozar da 36º Festa da Filloa de Lestedo. Dende a organización indican que se cumpren as previsións de asistencia con arredor de 20.000 visitantes.

Dende media mañá, os fogóns traballaron a pleno rendemento en Lestedo para ofreceren as racións de filloa, que se pode degustar en distintas modalidades: tanto doce, con chocolate, nata ou marmelo, coma salgada, con chourizo, carne ou rixóns. A máquina filloeira non cesou de repartir entre os asistentes racións deste afamado produto.

Tras a tradicional recepción, deu comezo o IV Desfile dos Xenerais da Ulla. Esta actividade congregou unha vintena de Xenerais procedentes dos municipios de Boqueixón, A Estrada, O Pino, Teo, Touro e Vedra. A comitiva percorreu a principal rúa de Lestedo acompañada pola música do grupo Recobío e seguida polas autoridades, que realizaron un percorrido polos distintos postos de elaboración de filloas para coñecer o traballo que está a desenvolver a veciñanza implicada no desenvolvemento da 36 Festa da Filloa de Lestedo.

O alcalde, Manuel Fernández Munín, estivo acompañado pola conselleira do Mar, Rosa Quintana; o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García; o delegado territorial da Xunta na provincia da Coruña, Ovidio Rodeiro Tato, así como por diversos rexedores de concellos da bisbarra compostelá, e polo pregoeiro desta edición, o xornalista de Onda Cero Santiago, Ramón Castro. Tras o percorrido polo campo da Feira, deu comezo o pregón, que foi presentado, un ano máis, pola actriz María Mera.

Manuel Fernández Munín agradeceu a asistencia das miles de persoas que se achegaron para presenciar este momento. Tamén lembrou, ao igual que Ovidio Rodeiro Tato e Rosa Quintana, a importancia do traballo da veciñanza de Lestedo. “Sen todo o seu esforzo, o éxito desta festa non sería posible”, asegurou o alcalde boqueixanés.

Pola súa banda, Ramón Castro lembrou como a filloa sempre estivo presente na súa vida, a través das ensinanzas da súa avoa e do seu avó. O xornalista de Onda Cero quixo render homenaxe “aos homes e as mulleres que seguen con esta tradición e que contribúen a transmitir a nosa cultura” a través dun produto tamén coñecido como “o pan do Entroido”. Tamén tivo Ramón Castro unhas verbas de agradecemento no seu pregón ao labor que desenvolven os Xenerais da Ulla na conservación da tradición dos atranques. O xornalista de Onda Cero finalizou a súa intervención facendo rir a todas as persoas presentes cunhas divertidas imitacións de persoas famosas.

Xa despois desta intervención, realizouse a imposición dos mandís de honra da 36 Festa da Filloa de Lestedo. O primeiro deles foi entregado polo alcalde de Boqueixón ao pregoeiro. A conselleira do Medio Rural impuxo o mandil de honra á instagrammer e blogger gastronómica Marité Romero López, máis coñecida como The Foodie Searcher. A continuación, recibiron cadanseu mandil e gorro da festa tres das gañadoras do Concurso de Filloas Radio Voz-Gadis celebrado en A Coruña. Estas foron Belén García Sabio, Araceli López Carballeda e Rosa María Fernández Rey. Rematou a entrega co recoñecemento á veciñanza de Lestedo que nesta ocasión, recaeu en José Salgado Rey.

Finalmente, entregouse a condecoración de Xeneral da Filloa 2019 a Esteban Estévez Maza. O voceiro da Orde dos Xenerais da Ulla, José Manuel Iglesias Gómez, leu a acta na que se xustificaba a entrega desta distinción “pola súa colaboración e labor a prol do mantemento deste tradicional Entroido”. A continuación, dúas Xeneralas da Ulla, unha delas, que amosaba o novo traxe deseñado por Carmen Pichel, protagonizaron un breve atranque, que foi moi aplaudido polo público.

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies