Moncho Fernández cumpre 250 partidos na liga Endesa

0

Compostela, 29 de setembro do 2018 – O Monbus comeza hoxe sábado a Liga Endesa cun partido no que o seu adestrador, Moncho Fernández, cumpre 250 encontros no campionato.

Ao finalizar a rolda de prensa previa ao encontro, o membro do Consello de  Adminstración do  Monbus Obradoiro, Óscar Rodríguez, entregou por sorpresa a Moncho Fernández unha camiseta conmemorativa na que se reflicten os 250 partidos que o técnico cumprirá esta tarde.

Óscar Rodríguez detallou que “estou aquí en calidade de directivo do Obra, pero tamén en calidade de amigo da infancia de Moncho. Fai xa máis de 42 anos que estabamos no patio de Peleteiro, tirando a canastra nas clases de ximnasia de Pepe Casal. Nunca imaxinariamos que, anos despois, estariamos os dous no  Monbus Obradoiro, xogando na liga Endesa, despois de disputar a  Supercopa en Santiago e celebrando que cumpres 250 partidos na liga Endesa”.

“Non é fácil cumprir esta cifra na segunda mellor liga do mundo – continuou – pero Moncho, grazas á axuda do seu corpo técnico e xogadores, e co apoio dos afeccionados, conseguiuno e é un motivo para estar moi orgullosos. Felicidades por estes 250 partidos, Moncho!”.

Pola súa banda, o técnico  obradoirista confesou que “esta cifra non se consegue porque leve o meu nome aí á beira. Creo que debería poñer ‘Obradoiro’ porque todo o meu corpo técnico, todos os que estiveron e están, o club, a afección… Oxalá sigamos cumprindo moitos máis anos e partidos pero sen a axuda dos demais isto sería imposible. Por iso o noso berro de guerra é ‘Todos  Xuntos’. Grazas”.

Desde que comezou a súa andaina na liga Endesa, debutando un 11 de outubro de 2009 como primeiro adestrador do  CB Murcia, Moncho Fernández conseguiu un balance de 96 vitorias e 145 derrotas, disputando o  Playoff en 2013. Desde aquela primeira vez que dirixiu a un grupo de mozos, nunha pista ao aire libre da actual Escola de Hostalería de Lamas de  Abade, no seu primeiro partido como adestrador, pasaron moitos anos, meses e horas de dedicación case total a este deporte e club.

E desde que no 2010 tomou as rendas do equipo santiagués e o equipo conseguiu ascender á liga Endesa, Moncho Fernández e o seu corpo técnico continúan traballando para conseguir que todos os  obradoiristas sigan soñando e gocen do seu equipo e o seu club no máis alto do baloncesto español, comezando mañá unha nova tempada e cumprindo 250 partidos na liga Endesa.

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies
Social media & sharing icons powered by UltimatelySocial