Monelle, do italiano Diego Marcon, triúnfa no Curtocircuíto 2018

0

Compostela, 8 de outubro do 2018 –   Diego Marcon triúnfa no Curtocircuíto 2018 ao conseguir dous premios coa súa curta Monelle, o premio da categoría Explora e a do Xurado Novo.

A outra premiada da sección oficial, ademais de Monelle, foi Solar Walk, da directora e animadora húngara Réka Bucsi, que recibiu o premio Radar. A gañadora do Premio Galiza foi Uluru, do carballiñés Alberte Pagán. A nena azul, de Sandra Sánchez, levou unha mención do xurado e o premio CREA á Mellor dirección galega.

Os galardóns

O Curtocircuíto – Festival Internacional de Cine entregou onte domingo, no teatro Principal, os diferentes galardóns do palmarés da 15ª edición. O festival dou mostra unha vez máis do arriscado e variado das pezas que se presentan. Un bo exemplo é Monelle, o filme do italiano Diego Marcon que foi seleccionado polo xurado Explora para recibir o premio de esa categoría, valorado en 3.000 €. A cineasta e artista Jessica Sarah Rinland, o director do FIDMarseille Jean-Pierre Rehm e o programador Antonio Rodrigues afirmaron ter visto “unha cantidade extremadamente rica e variada de filmes, con enfoques tanto tradicionais como formais”, pero decidiron unanimemente premiar esta película que funciona “alternando entre o negro e a imaxe detrás do negro, pero sen esquecer a negra noite. Alternando sons dende un golpe a simples pegadas. Todo isto chega por sorpresa, como un pesadelo – Monelle ofrécea como unha cerimonia”. O xurado Explora decidiu dar tamén dúas mencións especiais, aos filmes Sombra luminosa, dos portugueses Francisco Queimadela e Mariana Caló, e Word for Forest, da danesa Pia Rönicke.

Solar Walk de Reka Bucsi

O premio de Radar, a outra categoría da sección oficial, foi para o filme Solar Walk, da directora e animadora húngara Réka Bucsi. O xurado desta categoría, composto polo investigador Aarón Rodríguez Serrano, a sonidista Amanda Villavieja e o cineasta Kikol Grau, seleccionou esta película “pola súa sensibilidade e a súa riqueza formal, así como a súa capacidade para visualizar os grandes problemas da existencia con humor, tenrura e sinxeleza”. Ademais deste galardón, dotado tamén con 3.000 €, outorgan dúas mencións especiais, unha a Las fuerzas, da arxentina Paola Buontempo, e outra a Proch, do polaco Jakub Radej.

No caso do premio Galiza, o filme premiado foi Uluru, de Alberte Pagán, a única película galega que participou na sección Explora. O xurado, composto polo actor Antonio Durán “Morris”, a investigadora e cineasta Keina Espiñeira e o artista Misha Bies Golas, valorou “a súa linguaxe contundente e provocadora, que fai da obra un exercicio de liberdade” para facela merecedora deste premio dotado con 2.000 €. A maiores, outorgaron unha mención especial nesta categoría para A nena azul, de Sandra Sánchez, filme que tivo a súa estrea mundial durante o festival.

92 metros de Maddi Barber

O mesmo xurado encargouse tamén de valorar a sección Penínsulas, onde a gañadora foi Mi amado, las montañas, de Alberto Martín Menacho, “pola súa capacidade de evocar a través da paisaxe e dos rostros, transformando unha posible realidade violenta nun relato tenro entre xeracións”. Esta categoría funciona como cualificadora para a competición nos Premios Goya e ten un premio patrocinado por RC Service, de 1.000 € en aluguer de material técnico. Nesta categoría houbo tamén unha mención especial do xurado, que recibiu Los desheredados, de Laura Ferrés.

O público do festival escolleu tamén premiar un filme participante nesta sección de cine estatal entre todas as películas candidatas. A película gañadora foi 592 metroz goiti, de Maddi Barber, na que se retrata o territorio transformado pola construción dunha presa en Itoiz, no Pirineo navarro. Este premio, patrocinado por Gadis, ten unha dotación de 1.500 €.

A nena azul de Sandra Sánchez

O xurado novo, composto pola produtora Silvia Fuentes, a fotógrafa Sandra MG, o músico Nuno Pico, a historiadora da arte Anaid Diz, a montadora e cineasta Iria Silvosa, o artista Artur M. Puga e a técnica audiovisual Azahara Rey Fontán, coincidiu na súa decisión co xurado da sección Explora. Para eles, Monelle foi merecedora do seu premio, dotado con 1.000 €, “pola súa capacidade para dotar ao baleiro de significado e manter ao espectador nunha tensión constante”. Ao tempo, quixeron facer unha mención especial a Saladdin Castique, do finlandés Anssi Kasitonni, “polo punk”.

Os xurados compostos por membros das diferentes asociacións profesionais do audiovisual entregaron tamén os seus galardóns. O de CREA, a Asociación Galega de Profesionais da Dirección e a Realización, escolleu premiar cunha dotación de 500 € á mellor dirección dun filme galego a Sandra Sánchez, “pola sutileza coa que aborda a dirección, realización e dirección de actores e pola capacidade de transmitir emocións máis alá do texto” en A nena azul. Este xurado, formado por Juan Lesta, Ana Diz e David Fidalgo Omil, tamén quixo facer unha mención especial a Sonia e Miriam Albert-Sobrino, as Also Sisters, polo seu traballo en The Film Machine.

O xurado de AGAG, a Asociación Sindical Galega de Guionistas, que busca o mellor guión nun filme galego, premiou precisamente ás Also Sisters polo mesmo filme. Os guionistas Óscar Cruz, Xosé Antón Perozo “Ozo” e Samuel Lema valoraron de The Film Machine o seu “uso da metalinguaxe na narrativa e a ruptura da cuarta parede do guión”, ademais da súa “perspectiva autoparódica e lúdica das convencións dos xéneros” e o uso dunha linguaxe experimental “que respecta a estrutura clásica do guión”. As irmás Albert-Sobrino recibirán unha dotación económica de 500 €.

Monelle de Diego Marcon

Por último, o xurado de CAMIRA, a Asemblea de Investigadores da Imaxe en Movemento, decidiu premiar a Wishing Well, de Sylvia Schedelbauer. Ana Estévez, Iván Villarmea e Jaione Camborda destacaron “a destreza coa que a montaxe transmite unha sensación espacial que, sen descoidar a narrativa, combina as tradicións do cinema estrutural e do found footage”. Ademais, o filme Mountain Plain Mountain, de Yu Araki e Daniel Jacoby, levou unha mención deste mesmo xurado.

En paralelo a todos os premios das diferentes seccións competitivas, tamén se entregou na gala de onte o premio da actividade Outra Compostela, na que diferentes grupos de estudantes de audiovisual realizaron pezas inspiradas na triloxía Paradise de Ulrich Seidl. A obra gañadora foi Camiño interno, que elaboraron Ada Alonso, Martiño Fernández, Iago Díaz, Martín Mondragón e Aida Raíndo. Cada integrante do grupo recibirá como premio un curso de formación audiovisual, neste concurso no que tamén levou unha mención especial a peza Síndrome de Jerusalén, de Arantxa Ramos, Natalia Pereira, Antía Piñeiro e Aldara Suárez.

Novidades Carminha e Curtocircuíto

O sábado Curtocircuíto tivo outra cita moi especial. Lois Patiño e Novedades Carminha presentaron en dous actos o filme O espírito de Pucho Boedo. O primeiro foi unha rolda de prensa calificada polo director do festival, Pela del Álamo, como “a máis surrealista que dera nunca” xa que fíxose cos xornalistas montados no tren turístico de Compostela. O segundo acto foi pola noite coa estrea da cinta que reflicte a gravación durante catro días da canción A Santiago voy, dos Tamara; unha homenaxe ao grupo e a Pucho Boedo que se incluirá no vindeiro disco de Novedades Carminha.

No seguinte vídeo tedes un resumo da viaxe polas rúas de Compostela

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies
Social media & sharing icons powered by UltimatelySocial