Montse Merino, investigando no son que levamos dentro

0

É fácil descubrir o poder da música, a pouco que escoitemos distintas cancións notaremos distintas sensacións. Unha música, un son organizado, pode provocar serenidade, ansiedade, intriga…estados de ánimo relacionados co que somos xa que non todo o mundo sente o mesmo ante a mesma música. Montse Merino leva anos estudando e impulsando investigacións sobre esa e outras particularidades máis profundas da música, pero a súa historia é de por si merecedora dunha entrevista.

Con dous anos e medio Montse Merino compuxo a súa primeira peza, aos 11 a profesora decidiu que era mellor que fora ela a que dera clase porque, despois de todo, sabía máis e xa nunca deixou a docencia. Profesora de piano, linguaxe musical, orquestra e fundamentos pon en marcha no 93 a Escola de Municipal de Música de Ourense que dirixiu ata o 2004 e onde comezou a traballar con nenos con capacidades diversas. Dirixiu a Escola Municipal de Música de Santiago ata o 2009 e comezou a desenvolver o seu propio modelo de ensinanza e musicoterapia, Casa Baubo, que aplica na sede de Compostela.

Foi fundadora da Asociación Galega de Musicoterapia, AGAMUS,  da que é directora. Na actualidade é Investigadora e Supervisora Europea de Musicoterapeutas,  directora do Centro Musicoterapia Galicia (en Santiago de Compostela) e directora do Master de Musicoterapia en Galicia (Santiago de Compostela) ademais de colaborar coa USC en distintas investigacións.

Pero Montse é sobre todo vital, mantén os ollos de cativa atenta a todo o que pasa ao seu redor e disposta a participar do que sexa que aconteza. Como a maioría dos nenos, mentres a sociedade non comeza a influír, Montse conserva unha vontade de servizo que naceu antes de que fora consciente dela

Comezou os estudos profesionais de música con nove anos e rematou o ciclo superior de piano e avanzou tamén con outros instrumentos. No ano 93, ao tempo que fundan a Escola Municipal de Música de Ourense, descobre unha alumna que marcaralle o camiño da musicoterapia pola influencia que en esta cativa teñen as clases

Coa creación da Asociación Galega de Musicoterapia comeza a desenvolver o seu propio modelo de ensinanza que aporta unha visión científica ao traballo e tenta resolver cuestións como a onde chega o son máis alá da parte emocional

Chegados a este punto é imposible non preguntar pola constante polémica sobre o que son e non son ciencias, o apelido terapia aparece tal vez en demasiadas cousas. Un exemplo máis da persoalidade de Montse Merino é que un día despois de facer a entrevista seguía pensando en esta pregunta e mandounos unha resposta máis meditada

A diferenza pode estar no traballo científico, no esforzo por documentar o traballo dun xeito que non admita dúbidas,  a seriedade coa que se presentan as propostas

As aplicacións da Musicoterapia son moitas e moi variadas, van desde o ámbito clínico ao sanitario e incluso o laboral

Esta fin de semana organizan o 6º Seminario de Improvisación, Jazz e Musicoterapia no Auditorio de Galicia. O encontro conta cunha invitada moi especial, Concetta Tomaino directora do Instituto de Música e Función Neurolóxica de Nova York e colaboradora do recoñecido neurólogo Oliver Sacks no que se inspirou a película Despertares

Como sucede en moitas ocasións o traballo de Montse Merino é  recoñecido polos que están máis cerca dela, e polos que se benefician del,  pero tardará tempo en ser valorado polo resto da sociedade. A Musicoterapia require de tempo, paciencia e unha capacidade de comprensión que é doada de atopar en esta muller. Montse Merino investiga en campos directamente relacionados co interior das persoas; nun mundo centrado nas causas externas do que somos é bo saber que alguén se preocupa por nos desde o outro lado.

Share.

Leave A Reply

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies
Social media & sharing icons powered by UltimatelySocial