Mostra de Teatro Universitario de Galicia ata o 6 de xuño en Compostela

0

Compostela, 17 de abril do 2018 – O Teatro Principal e a Sala Roberto Vidal Bolaño acubillarán a partir da vindeira semana a 19ª Mostra de Teatro Universitario de Galicia, unha cita de entrada libre que porá sobre as táboas nove representacións e que organiza a Aula de Teatro da USC co apoio da Deputación da Coruña.

A Mostra de Teatro comezará o martes 24 de abril no Teatro Principal da man da compañía de Teatro USC-Lugo coa obra ‘WK’, unha dramaturxia de Paloma Lugilde a partir da obra ‘Woyzeck’ de Georg Büchner. Está prevista unha función dobre con representacións ás 19.00 e ás 21.00 horas e aforo reducido. Ao día seguinte Tolemia Teatro (USC) representará ‘Cyrano’ mentre que o sábado 28 e o domingo 29 Labarata (USC) representará na Sala Roberto Vidal Bolaño ‘Al dente’, peza de creación colectiva.

Xa o luns 30, de volta no Teatro Principal, a compañía Maricastaña do Campus de Ourense representa ‘As ondas das pedras do río’, dramaturxia que asina Fernando Dacosta a partir da novela O deus das pequenas cousas de Arundhati Roy. Seguiranlle o martes 1 de maio ARTías (USC) escenificando ‘Des-Armadas’ de Tomás Afán e Fernando Arrabal e o mércores 2 de maio Faísca (USC) con ‘Historia natural das estrañas criaturas mariñas’, de creación colectiva.

O xoves 3 de maio, novamente na Sala Roberto Vidal Bolaño, Lobishome (USC) sube ás táboas ‘Insilio’ de Miguel Ponce e José G. Vera, mentres que o venres Polaroid (USC) achega a súa versión de ‘Fahrenheit 451’, nunha adaptación de Félix Álvarez a partir da obra orixinal de Ray Bradbury. A mostra botará o pano con dúas funcións, o sábado 5 e o domingo 6, de Vacaloura (USC) que interpretará ‘Lendatarias’ de Amantía Coello.

Con excepción da xornada do día 24 de abril, as entradas poderán retirarse a partir das 20.00 horas na Sala Roberto Vidal Bolaño e dende as 18.00 horas no Teatro Principal.

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies